Noticias

As bibliotecas autonómicas rexistran 289.883 persoas usuarias en 2025, preto de 9.000 máis que o pasado ano

As bibliotecas da Xunta de Galicia remataron 2025 cunha suba de ata 289.883 do número de carnés de usuarios, o que supón preto de 9.000 máis que o pasado ano. Precisamente, os seus propietarios son os protagonistas das actividades que celebrarán mañá, sábado, e o vindeiro luns, día 12, co gallo do Día das persoas usuarias, efeméride que este ano coincide en domingo. Por estes motivos, a programación repartirase entre estes dous días con visitas comentadas, contacontos, concertos, teatro, sorteos de libros e premios aos lectores máis activos.

Con respecto ao número de persoas usuarias acadadas en 2025, 287.235 destes carnés pertencen á Biblioteca de Galicia e á de Ánxel Casal, en Santiago de Compostela; á Miguel González Garcés, na Coruña; á Pública de Lugo; á de Nós, en Ourense e a de Antonio Odriozola e Juan Compañel, en Pontevedra e Vigo, respectivamente. Mentres, os 2.648 restantes son dos que fan uso da rede de bibliotecas móbiles da Xunta, A furgoteca, que facilita o acceso á lectura, á información e á aprendizaxe en 20 concellos das provincias de Lugo e Ourense, de menos de 20.000 habitantes, que non contaban con este servizo.

Programación para o Día das persoas usuarias

En canto aos festexos polo Día das persoas usuarias, a Biblioteca de Galicia, situada na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, ten previsto o vindeiro luns, día 12, sábado, unha visita guiada ás 12,00 horas para dar a coñecer as súas instalacións e coleccións e amosará os espazos de acceso restrinxido, onde se custodian a maior parte dos seus fondos. Poderase participar previa reserva no enderezo electrónico [email protected]. Ademais, os que se acheguen recibirán un paquete de libros de agasallo.

Na mesma cidade, a Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal ofrecerá mañá, sábado, o espectáculo musical e familiar Ecoralia, a lambona ecolóxica, de Pakolas, con entrada libre e de balde ata completar capacidade. Súmaselle a esta programación o Préstamo a cegas, no que cada persoa usuaria escolle unha bolsa de agasallo, cuxo contido só se descubrirá ao abrila.

Pola súa banda, na cidade da Coruña, a Biblioteca Pública Miguel González Garcés fará un recoñecemento aos seus súper lectores e lectoras, en diferentes tramos de idade, aos que lles dará a coñecer o vindeiro luns, día 12, esta distinción. No entanto, poderán ir recollela, xunto cun lote de libros de regalo, ao longo de todo o mes.

Pola contra, en Lugo, a Biblioteca Pública adiantará os festexos a mañá, sábado, e farao agasallando libros aos tres usuarios infantís e os tres adultos con máis préstamos durante o ano 2025.

De igual xeito, a Biblioteca Pública de Ourense Nós tamén celebrará o Día das persoas usuarias este mesmo sábado. A programación dará comezo, ás 11,30 horas, cando se lle outorgue os respectivos agasallos aos lectores e lectoras que máis préstamos realizaron ao longo do pasado ano. A continuación, ás 12 horas, ofrecerase un encontro coas persoas voluntarias da biblioteca, a modo de recoñecemento do seu labor altruísta e colaboración sempre desinteresada.

En Pontevedra, a Biblioteca Pública Antonio Odriozola tamén festexará esta data mañá, ás 10,30 horas, cunha actividade de dinamización teatral, expresión corporal e xogo, dirixido á cativada de entre 4 e seis anos. A actividade é de balde, pero é precisa a inscrición previa no seu enderezo electrónico, [email protected]. A continuación, ás 12 horas, levara a cabo o nomeamento dos socios e socias de honra, aos que se lle agasallará cun lote de libros

Pola súa banda, a Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel súmase a este festexo o vindeiro luns, día 12, programando dúas quendas de visitas guiadas, ás 12,00 e ás 18,00 horas. Esta actividade é de balde, pero é precisa a inscrición no seu enderezo electrónico, [email protected]. Completará esta programación o sorteo de libros entre as persoas usuarias que fagan uso dos seus servizos durante esa xornada e o nomeamento de socios de honra ás seis persoas con máis préstamos durante o 2025

‘A Furgoteca’

Finalmente, o servizo de A Furgoteca tamén se sumará a esta celebración con reparto da publicación Cousas que escribín para ti e tamén facendo partícipes as súas persoas usuarias dunha enquisa, que lles vai permitir coñecer o seu perfil, co obxecto de axustar tamén este servizo ás súas inquedanzas e gustos lectores.

R., 2026-01-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (autopista-ap9.jpg) A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, instou ao Goberno central a paralizar a suba dos prezos da AP-9 para 2027 e que os conxele como a Xunta fará coas autoestradas de titularidade autonómica. Allegue respondeu a unha interpelación sobre a situación da autoestrada no Parlamento autonómico, e apuntou que a suba prevista para AP-9 e AP-53 é dun 5% e un 4% respectivamente, o que as converte nas máis caras de España. Incidiu en que nesta lexislatura houbo un incremento dun 20% nos prezos mentres que nas da Xunta non houbo ningún aumento.
Foto de la tercera plana (agro-tractor.jpg) A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reclamou en Bruxelas 'financiamento suficiente, estabilidade e seguridade' para a nova PAC. Foi durante a súa intervención no evento da Coalición Agriregions, no Comité Europeo das Rexións, no que estivo acompañada polo director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño. Na organización da xornada tomou parte a Fundación Galicia Europa, que prestou apoio técnico á delegación galega na capital comunitaria para participar nesta reunión conxunta con membros do Parlamento Europeo e do devandito Comité das Rexións.

Notas

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e a Xunta de Galicia, organzia do 23 ao 27 de novembro a novena edición da Semana da Ciencia, a cita anual coa que pretende achegar o seu labor investigador á sociedade. Nesta ocasión, o programa centrarase nos retos e oportunidades de futuro que se abren nas áreas de investigación nas que traballa o persoal do IGFAE.
Ata o 12 de xaneiro de 2027 a Sala Alterarte, o espazo expositivo do campus de Ourense, acolle a mostra Glaciares a derreterse, da artista italiana Cinzia N. Rojas e comisariada por Vítor Nieves e Xosé Lois Vázquez. Na exposición, o público visitante pode ver unha proxección sobre o desexo glaciar. A mostra foi inaugurada contando coa participación da artista.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES