
Coa artista e docente Basilisa Fiestras como comisaria e coordinada por VacioCero Servicios Culturales, esta exposición poderá visitarse ata o 11 de xaneiro e verase complementada con visitas guiadas e talleres dirixidos a un público familiar.
Inaugurada na tarde deste venres, coa participación do concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, e a secretaria académica da facultade, Carmen Hermo, Do final e do comezo reúne unha selección de proxectos artísticos que presentan e condensan o traballo de catro anos de formación e que simbolizan tamén a construción dunha nova etapa, como sinala a súa comisaria. Coordinada por Basilisa Fiestras, María Gar e Alexandra R. Rey, esta exposición pon o foco en como ao longo dos seus anos de formación, ao alumnado achégase ao mundo da arte como un espazo de posibilidade, de acertos e erros, de construción e reconstrución. Un proceso no que, salienta, tratan fundamentalmente de dar resposta, nuns TFG que supoñen a súa primeira investigación artística, á cuestión máis complexa, a de definirse como creadoras e creadores. De aí que ese proceso de construción e reconstrución se faga presente na imaxe empregada para o cartel desta edición, unha fotografía de Rafa Fariña que documenta a reconstrución do antigo cuartel de San Fernando para se converter na actual da facultade.
De feito, alén de que os proxectos plasmen as inquedanzas e intereses de cada artista, no conxunto da mostra fanse presente dúas liñas de exploración e traballo conectadas con esa idea, explica Fiestras. Por unha banda, poden verse creacións resultado dunha investigación centrada no proceso e nos materiais e, por outra, están tamén moi presentes as obras froito dunha busca interior, dun proceso máis de análise persoal, dunha investigación máis centrada en mirar dentro de un.
Un reflexo do que se está xerando na facultade
Do final e do comezo reúne unha selección dos TFG realizados o pasado curso, tanto por motivos de capacidade, coa idea de que cada proxecto teña o seu espazo e permita achegarse ao seu proceso de creación, apunta Fiestras, como polo propósito de que na mostra estean representadas múltiples disciplinas. É unha maneira de conectar Belas Artes coa cidade de Pontevedra e que sexa tamén un reflexo de todo se está xerando na facultade, salienta. Nese senso, a exposición presenta desde videocreacións, instalacións ou proxectos sonoros ata traballos de pintura, escultura, serigrafía, fotografía libros de artista ou unha instalación participativa coa que os visitantes poden interactuar.
Concretamente, poden contemplarse as creacións de Alba Pino, Aldara Rodríguez, Ana Allegue, Andrea Pin, Ángela Estévez, Cristina Insua, Fabiola Quintela, Francisco Miranda, Héctor Pousa, Iñigo Barreiro, Isis Huerga, Jimena Rodríguez, Julia Busto, Lucía Ladero, Lucía Leirós, Lucía Villar, María Rodríguez, Nerea Malvar, Noela Pazos, Paula Díaz, Sara García, Sara González, Saray Martín, Silvia Varela e Sofía Veiga.
Talleres e visitas guiadas
A exposición vese complementada por dous obradoiros para público familiar, abertos a persoas a maiores de 6 anos, ambos de carácter gratuíto, previa inscrición. O primeiro deles correrá a cargo de Iñigo Barreiro e terá lugar o 27 de decembro ás 18.30 horas. Baixo o título de Pintar/con desde a luz, trátase dunha actividade centrada no traballo coa percepción lumínica e como esta afecta á nosa percepción do espazo, na que, tomando como referencia a instalación deste artista, as e os participantes poderán descubrir a pintura vencellada á luz nunha atmosfera experimental de xogo.
O 10 de xaneiro, ás 12.30 horas, terá lugar o taller Escoitar a materia: experimentación con arxila reciclada. Impartido por Lucía Leirós, levará ás persoas participantes a crear pequenas pezas empregando técnicas manuais sinxelas, como modelado básico ou estampación con elementos naturais e atopados, co obxectivo de que poidan explorar como a materia responde, cambia e se adapta e que esta poida incorporar fracturas, marcas ou irregularidades como parte do proceso creativo.
Tamén con inscrición previa, desenvolveranse visitas guiadas para o público xeral, os días 21 e 28 de decembro, así como o 4 de xaneiro, ás 12.30 horas. A esa mesma hora terá lugar, o domingo 11 de xaneiro, o coloquio de clausura desta exposición.
O proxecto Xenoma Galicia, que conta cun investimento de 20 millóns de euros, ten por obxecto recompilar o ADN de 400.000 galegos para identificar os xenes relacionados co cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ata o de agora, foron analizadas 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e, coa primeira fase do proxecto en marcha, 1.279 mostras dos voluntarios dos primeiros distritos participantes. A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 permitiu detectar 25 novos casos positivos. En concreto, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, dous na síndrome de Lynch e nove en hipercolesterolemia familiar.
A Pedreira e Fillas de Cassandra estarán presentes no Womex 2026, o máis importante encontro mundial das músicas folk e de raíz que se celebra ata este domingo en Las Palmas de Gran Canaria. Trátase dunha iniciativa que ofrece aos artistas e ás empresas galegas un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores, festivais, axencias de contratación e outros profesionais de diferentes países. A artista foi escollida por un xurado internacional independente para formar parte dos Official Showcases, a selección oficial de concertos coa que Womex achega aos profesionais propostas das músicas do mundo.