
A Xunta de Galicia impulsa a proxección exterior da música galega apoiando a presenza de dúas propostas, A Pedreira e Fillas de Cassandra, no Womex 2026, o máis importante encontro mundial das músicas folk e de raíz que se celebra ata este domingo en Las Palmas de Gran Canaria e no que estivo presente o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil.
Así, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude asistiu a pasada noite ao concerto de A Pedreira no marco dunha iniciativa que ofrece aos artistas e ás empresas galegas un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores, festivais, axencias de contratación e outros profesionais de diferentes países. A artista foi escollida por un xurado internacional independente para formar parte dos Official Showcases, a selección oficial de concertos coa que Womex achega aos profesionais propostas das músicas do mundo.
A representación galega nos escenarios completarase o sábado 24 coa actuación de Fillas de Cassandra, prevista para as 21,30 horas hora canaria no escenario Atlantic Connections, situado no Auditorio Alfredo Kraus. O dúo formado por María SOA e Sara Faro levará a este encontro a súa combinación de tradición musical galega, electrónica e pop.
Xunto á participación artística, o encontro conta coa presenza de empresas e profesionais galegos que aproveitan a feira para presentar os seus proxectos, manter reunións de traballo e establecer contactos con axentes do circuíto internacional. Cómpre destacar que o Womex mantén unha estreita relación con Galicia, que acolleu tres edicións deste mercado: en Santiago de Compostela, en 2014 e 2016, e na Coruña, en 2023. Estes antecedentes contribuíron a reforzar os vínculos da industria musical galega coa rede profesional das músicas do mundo.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.