Notas de prensa

A UVigo acollerá un encontro internacional para abordar os procesos de oxidación avanzada aplicados á descontaminación da auga

A Universidade de Vigo acollerá os días 4, 5 e 6 de novembro a 5th European School on Environmental Applications of Advanced Oxidation Processes (5thEPS-AOPs), un encontro científico internacional que reunirá expertos, persoal investigador, estudantes de doutoramento e representantes do sector empresarial para abordar os últimos avances en tecnoloxías de descontaminación ambiental e tratamento sostible da auga.

O evento celebrarase na Escola de Enxeñaría Industrial e conta co respaldo da International School on Environmental Applications of Advanced Oxidation Processes (IPS-AOP), unha das redes científicas de referencia neste ámbito, integrada por investigadores de 25 países. A organización local está liderada por Ángeles Sanromán e Marta Pazos, investigadoras de Cintecx, Centro de Investigación en Tecnoloxías e Procesos Industriais da Universidade de Vigo, co apoio do comité internacional integrado por Luigi Rizzo, coordinador da IPS-AOP; Sixto Malato, coordinador rexional para Europa; e Camila Amorim, coordinadora rexional para América Latina.

“A oportunidade de organizar esta quinta edición en Vigo xorde da nosa vinculación coa comunidade científica internacional que traballa en procesos de oxidación avanzada e da traxectoria do grupo Biosuv neste ámbito. Para nós é unha satisfacción poder reunir na Universidade de Vigo a investigadores de referencia internacional e contribuír a consolidar este encontro como un espazo de intercambio científico e colaboración”, destaca Ángeles Sanromán, coordinadora do encontro e IP do grupo Biosub e investigadora do Cintecx.

Un cento de asistentes

O obxectivo principal deste evento é promover o intercambio de coñecementos científicos e tecnolóxicos no eido dos procesos de oxidación avanzados (AOP) aplicados á descontaminación da auga e a protección do medio ambiente. En concreto, presentaranse os avances máis recentes neste eido e fomentarase o debate científico entre investigadores de prestixio internacional, promovendo a colaboración interdisciplinar entre universidades, centros de investigación e sector industrial. Ao tempo tamén se busca apoiar a formación de investigadoras e investigadores novos, especialmente de estudantes de doutoramento e bolseiros de posdoutoramento.

“Agardamos reunir arredor dun cento de participantes, entre investigadores consolidados, estudantes de doutoramento e profesionais do sector. Un dos principais valores deste encontro é precisamente facilitar o contacto entre especialistas de diferentes países e novas xeracións de investigadores, favorecendo o intercambio de experiencias e a creación de futuras colaboracións”, sinala Marta Pazos, coordinadora do encontro.

Así, o evento contará coa participación de destacados expertos internacionais como André Torres-Pinto (Universidade do Porto), Grzegorz Boczkaj (Gdansk University of Technology), Suresh Pillai (Atlantic Technological University Sligo) e nacionais como Elisa González-Romero (Universidade de Vigo), Fernando Juan Beltrán (Universidad de Extremadura), Antonio Arques (Universitat Politècnica de València), Ignacio Sirés (Universitat de Barcelona), José Antonio Sánchez (Universidad de Almería), Javier Marugán Cruz (Universidad Rey Juan Carlos), María Teresa Moreira (Universidade de Santiago de Compostela), Pedro Pablo Gallego (Universidade de Vigo) e Isabel Oller Alberola (Plataforma solar Almería). A súa ampla experiencia en procesos avanzados de oxidación, tratamento e reutilización de augas, descontaminación ambiental, economía circular e tecnoloxías sostibles ofrecerá aos participantes unha visión integral dos principais retos e oportunidades que marcarán o futuro da enxeñaría ambiental e a xestión sostible dos recursos hídricos.

Tres xornadas de conferencias plenarias, comunicación, pósteres e mesas redondas

Ao longo de tres intensas xornadas, o programa combinará conferencias plenarias impartidas por especialistas de primeiro nivel, comunicacións científicas, sesións de pósteres para investigadores emerxentes, mesas redondas e actividades de debate orientadas a identificar os grandes retos futuros da descontaminación ambiental.

“Un dos aspectos que queremos destacar deste encontro é a conexión entre a investigación científica e a súa aplicación na realidade industrial. A visita técnica ás instalacións de tratamento de augas residuais e á planta potabilizadora de Aqualia en Vigo permitirá aos participantes coñecer de primeira man aplicacións reais destas tecnoloxías e poñer en valor a importancia da colaboración entre a Universidade e o sector empresarial”, salientan Ángeles Sanromán e Marta Pazos, coordinadoras do encontro e investigadoras do Cintecx.

A 5th EPS-AOPs conta co apoio de entidades comprometidas coa innovación, a sustentabilidade e o desenvolvemento do coñecemento, ademais da UVigo e Cintecx, a Escola de Enxeñaría Industrial, a Escola Internacional de Doutoramento (EIDO) e o Centro de Posgrao e Formación Permanente da UVigo, así como o Consello Social da Universidade de Vigo, Aqualia, o Concello de Vigo e a Deputación de Pontevedra.

Máis aló do seu impacto científico, a celebración deste encontro internacional contribuirá a reforzar a visibilidade de Vigo e da Universidade de Vigo no panorama europeo da investigación, impulsando novas colaboracións internacionais, a captación de talento investigador e a transferencia de coñecemento cara á sociedade e ao sector produtivo.

Universidade de Vigo (UVigo), 2026-10-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (proxecto-xenoma-galicia.jpg) O proxecto Xenoma Galicia, que conta cun investimento de 20 millóns de euros, ten por obxecto recompilar o ADN de 400.000 galegos para identificar os xenes relacionados co cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ata o de agora, foron analizadas 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e, coa primeira fase do proxecto en marcha, 1.279 mostras dos voluntarios dos primeiros distritos participantes. A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 permitiu detectar 25 novos casos positivos. En concreto, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, dous na síndrome de Lynch e nove en hipercolesterolemia familiar.
Foto de la tercera plana (womex-2026.jpg) A Pedreira e Fillas de Cassandra estarán presentes no Womex 2026, o máis importante encontro mundial das músicas folk e de raíz que se celebra ata este domingo en Las Palmas de Gran Canaria. Trátase dunha iniciativa que ofrece aos artistas e ás empresas galegas un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores, festivais, axencias de contratación e outros profesionais de diferentes países. A artista foi escollida por un xurado internacional independente para formar parte dos Official Showcases, a selección oficial de concertos coa que Womex achega aos profesionais propostas das músicas do mundo.

Notas

A Universidade de Vigo acollerá os días 4, 5 e 6 de novembro a 5th European School on Environmental Applications of Advanced Oxidation Processes (5thEPS-AOPs), un encontro científico internacional que reunirá expertos, persoal investigador, estudantes de doutoramento e representantes do sector empresarial para abordar os últimos avances en tecnoloxías de descontaminación ambiental e tratamento sostible da auga.
A UDC pon en marcha InPacto, unha iniciativa que busca achegar a investigación de excelencia á cidadanía e fortalecer a conexión entre universidade, empresa e sociedade. Este programa reúne por primeira vez nun proxecto común ao persoal investigador Ramón y Cajal (R&C) da UDC para desenvolver unha programación de actividades de divulgación, transferencia de coñecemento e participación social.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES