
Impulsado pola UDC, InPacto quere dar maior visibilidade á investigación desenvolvida na institución e poñer en valor o talento investigador captado a través de programas competitivos.
Tal e como explicou esta mañá na presentación o vicerreitor de Investigación e Transferencia, Jerónimo Puertas, este programa nace da convicción de que a investigación acada o seu máximo valor cando o coñecemento xerado transcende o ámbito académico e contribúe a mellorar a sociedade, impulsar a innovación e responder aos grandes desafíos científicos, tecnolóxicos, sociais e ambientais do noso tempo.
No marco desta iniciativa, desenvolveranse novos formatos de divulgación científica accesibles e participativos, fortaleceranse as relacións coa cidadanía e o tecido produtivo e impulsaranse novos modelos de transferencia.
InPacto contará coa participación dun amplo grupo de persoas investigadoras Ramón y Cajal, máis dunha trintena, pertencentes a ámbitos tan diversos como a intelixencia artificial, a biomedicina, a química, a física, a enxeñaría, as matemáticas, a sustentabilidade, as ciencias sociais, a psicoloxía ou o dereito, procedentes de centros de referencia da universidade como o CITIC, o CICA, o CITEEC e o CITENI, así como de distintas facultades e escolas da institución.
Esta diversidade converte a iniciativa nun proxecto transversal capaz de ofrecer unha visión ampla da investigación que se desenvolve na UDC e da súa contribución ao progreso científico e social.
A programación estruturarase arredor de distintas iniciativas. A primeira acción terá lugar o mércores, 28 de Outubro, cun encontro de persoal R&C co tecido empresarial da contorna dentro do programa UDC Conecta. Tomará o relevo a programación de Abastos de ciencia, unha experiencia piloto que se desenvolverá no Mercado de San Agustín o 7 de novembro, para achegar a ciencia a diferentes colectivos e nun espazo no que, ademais de mercar, se poderá conversar de ciencia e experimentar
Xa no 2027, terá lugar a competición divulgativa "InPACTO League", a Liga da Ciencia, unha competición arredor de diversos ámbitos de investigación; e a organización dun TEDxUDC, evento anual que reunirá a persoal investigador para achegar ideas innovadoras de impacto social e con capacidade para transformar.
Finalmente, crearase unha plataforma web destinada a centralizar e difundir os contidos xerados polo programa.
Con esta iniciativa, a Universidade da Coruña dá un novo paso na súa estratexia de fortalecemento da cultura científica e da transferencia de coñecemento, creando un ecosistema estable de comunicación pública da ciencia que permitirá achegar o talento investigador á sociedade, promover novas colaboracións e visibilizar o impacto real que a investigación ten na vida das persoas.
O proxecto Xenoma Galicia, que conta cun investimento de 20 millóns de euros, ten por obxecto recompilar o ADN de 400.000 galegos para identificar os xenes relacionados co cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ata o de agora, foron analizadas 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e, coa primeira fase do proxecto en marcha, 1.279 mostras dos voluntarios dos primeiros distritos participantes. A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 permitiu detectar 25 novos casos positivos. En concreto, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, dous na síndrome de Lynch e nove en hipercolesterolemia familiar.
A Pedreira e Fillas de Cassandra estarán presentes no Womex 2026, o máis importante encontro mundial das músicas folk e de raíz que se celebra ata este domingo en Las Palmas de Gran Canaria. Trátase dunha iniciativa que ofrece aos artistas e ás empresas galegas un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores, festivais, axencias de contratación e outros profesionais de diferentes países. A artista foi escollida por un xurado internacional independente para formar parte dos Official Showcases, a selección oficial de concertos coa que Womex achega aos profesionais propostas das músicas do mundo.