
Nela pode contemplarse unha escolma de imaxes de seis fotógrafos e fotógrafas ucraínas, coas que busca reflectir, explica, outra faceta menos visible para o público estranxeiro: a vida cotiá da sociedade ucraína.
Natural do Donbas, Pantiukh presenta por primeira vez un proxecto para o que seleccionou 14 fotografías, tomadas entre 2022 e 2024 por Herman Krieger, Borys Kulikovskyi, Serhiy Lastochka, Oleksandr Zanin, Anastasiia Tiutiunnyk e Viktoriia Nedilia. O obxectivo da exposición foi atopar fotografías urbanas nas que necesariamente apareceran persoas na súa rutina cotiá, salienta a comisaria dunha mostra que presenta os traballos de seis autores e autoras novos, menores de 35 anos, que traballan en diferentes cidades do país e que permiten observar a vida en Ucraína desde perspectivas diversas e complementarias.
Autora tanto de publicacións académicas como de artigos e ensaios sobre arte contemporánea e crítica visual, Pantiukh sinala que pese a que a cobertura informativa da guerra é extremadamente importante, esta implica que a cidadanía perciba só as imaxes máis tráxicas da realidade ucraína. A idea da exposición nace precisamente da necesidade de mostrar a outra cara, como as persoas seguen vivindo, que as rodea, que permanece, que cambia e como a vida continúa mesmo en condicións de incerteza, salienta.
Ucraína máis alá da guerra poderá visitarse ata o 28 de novembro nesta sala xestionada coordinada polo colectivo de estudantes Luscofusco, xunto co Vicedecanato de Cultura, onde foi inaugurada na tarde deste xoves. Este acto de apertura contou coa participación da vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, e do vicedecano Ignacio Pérez-Jofre, así como do poeta e tradutor Keith Payne, quen estivo moi implicado en todo o proceso da exposición e da produción da obra, como destaca Pérez-Jofre. O vicedecano destaca así mesmo este proxecto como unha moi boa oportunidade tanto para achegar á facultade un traballo moi interesante de fotógrafos profesionais, como de dar visibilidade a unha situación moi dramática", pondo o foco neste caso en que Ucraína segue sendo un país cunha poboación civil.
Dúas ladeiras da mesma montaña
Tras a apertura desta mostra, Belas Artes acollerá a vindeira semana a inauguración dunha nova exposición, organizada polo Centro de Arte Fundación María José Jove, en colaboración coa facultade. Trátase de Dúas ladeiras da mesma montaña, que poderá visitarse na Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes a partir do xoves 20 de novembro e que reunirá as obras que Elena Jones e Martín Llavaneras desenvolveron ao abeiro da primeira convocatoria das residencias internacionais do Centro de Arte da Fundación María José Jove.
Concretamente, a exposición comisariada por Susana González dá continuidade aos traballos que desenvolveron na cidade mexicana de Guadalajara no marco destas residencias, reunindo os traballos de dous artistas que comparten unha atención particular cara os procesos materiais, as transformacións da materia e os sistemas de relación que se xeran entre os corpos, os obxectos e a contorna.
A mostra complétase con dous talleres, nos que estes dous artistas afondarán nos seus procesos de traballo. Dirixidos a estudantes, graduados e graduadas, o primeiro taller correrá a cargo do catalán Martín Llavaneras, quen o vindeiro mércores 19 abordará o proceso escultórico como unha práctica ampliada vinculada ao medio ambiente. Xa o martes 25, Elena Jones proporá aos e ás participantes, partindo do seu propio traballo, unha experiencia de activación sonora dos obxectos e o espazo cotián.
O proxecto Xenoma Galicia, que conta cun investimento de 20 millóns de euros, ten por obxecto recompilar o ADN de 400.000 galegos para identificar os xenes relacionados co cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ata o de agora, foron analizadas 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e, coa primeira fase do proxecto en marcha, 1.279 mostras dos voluntarios dos primeiros distritos participantes. A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 permitiu detectar 25 novos casos positivos. En concreto, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, dous na síndrome de Lynch e nove en hipercolesterolemia familiar.
A Pedreira e Fillas de Cassandra estarán presentes no Womex 2026, o máis importante encontro mundial das músicas folk e de raíz que se celebra ata este domingo en Las Palmas de Gran Canaria. Trátase dunha iniciativa que ofrece aos artistas e ás empresas galegas un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores, festivais, axencias de contratación e outros profesionais de diferentes países. A artista foi escollida por un xurado internacional independente para formar parte dos Official Showcases, a selección oficial de concertos coa que Womex achega aos profesionais propostas das músicas do mundo.