
Ademais da comisaria, interviñeron no acto inaugural que tivo lugar este venres 12, a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, e Juan Andrés Bayón da Fundación Alfredo Brañas. Pilar Murias puxo en valor os fondos da USC que integran a mostra e destacou que este tipo de actividades permiten manter vivas as nosas bibliotecas e o noso arquivo. Pola súa parte, Juan Andrés Bayón reivindicou que Alfredo Brañas puxo en valor a Galicia no contexto nacional.
A mostra lanza unha ollada á figura e obra de Alfredo Brañas desde o século XXI, detense nos seus principais fitos biográficos, aborda a decadencia das estruturas do antigo réxime, a revolución xurídica e o cambio económico e demográfico, o papel do intelectual no Rexurdimento, o seu rol no seo da USC, a proposta rexionalista de Brañas, e profunda en como o autor concibe o futuro de Galicia, alén de abordar temáticas como o feminismo, a familia, a industrialización, ou a cuestión da terra dende distintas perspectivas.
Ideólogo
Alfredo Brañas Menéndez (Carballo, 1859 Santiago de Compostela, 1900) foi un xurista, escritor e ideólogo do Rexionalismo galego. Entre as súas obras, destaca a publicación, en 1889, de El Regionalismo. Estudio sociológico, histórico y literario. En 1890 participa na creación da Asociación Regionalista Gallega e en 1892 redacta Las Bases generales del Regionalismo y su aplicación a Galicia.
Os seus intereses abranguían o pensamento político e xurídico, a economía, a literatura, a historia e a cultura popular, tal e como reflicte a súa obra. Ademais da súa actividade profesional e académica, colaborou con diversos xornais da época, alén de formar parte do Rexurdimento, movemento rexionalista, cultural e literario, que aspiraba á recuperación da lingua galega.
Figura relevante da Universidade de Santiago de Compostela, pronunciou o discurso de apertura do curso 1892-93 titulado La Crisis económica en la época presente y la descentralización regional. Participou ademais dun momento de transformación da Universidade que afectou a súa administración e a docencia universitaria.
A mostra enmárcase no Outono Cultural da USC e conta co apoio da Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, a Fundación Alfredo Brañas, a Fundación Castelao, e está dotada con fondos da Biblioteca Universitaria e o Arquivo Histórico Universitario da USC.
O proxecto Xenoma Galicia, que conta cun investimento de 20 millóns de euros, ten por obxecto recompilar o ADN de 400.000 galegos para identificar os xenes relacionados co cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ata o de agora, foron analizadas 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e, coa primeira fase do proxecto en marcha, 1.279 mostras dos voluntarios dos primeiros distritos participantes. A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 permitiu detectar 25 novos casos positivos. En concreto, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, dous na síndrome de Lynch e nove en hipercolesterolemia familiar.
A Pedreira e Fillas de Cassandra estarán presentes no Womex 2026, o máis importante encontro mundial das músicas folk e de raíz que se celebra ata este domingo en Las Palmas de Gran Canaria. Trátase dunha iniciativa que ofrece aos artistas e ás empresas galegas un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores, festivais, axencias de contratación e outros profesionais de diferentes países. A artista foi escollida por un xurado internacional independente para formar parte dos Official Showcases, a selección oficial de concertos coa que Womex achega aos profesionais propostas das músicas do mundo.