Notas de prensa

As dimensións simbólica e poética da neve centran o novo proxecto expositivo de Ruiz de Samaniego

Recoñecida en 2021 coa Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes, a Fundación Cerezales Antonino y Cinia (FCAYC) emprázase en Cerezales del Condado, unha vila leonesa de pouco máis de 80 habitantes, próxima ás montañas. 'O espírito desta institución está fortemente impregnado dunha conciencia etnoambiental na súa relación coa arte e a cultura contemporáneas', sinala o profesor da Facultade de Belas Artes Alberto Ruiz de Samaniego.

Baixo o título de Dónde estarán las nieves de antaño, a mostra comisariada por este crítico e docente reúne as creacións de máis de 30 artistas de diferentes países.

O proxecto expositivo, sinalan desde a FCAYC, parte da desaparición da neve como compoñente atmosférico e as súas diferentes materializacións, desde o literario ao artístico. “Tal vez agora, cando a neve desaparece do horizonte, caiba a posibilidade de que poida comprenderse na súa máis ampla perspectiva; simbólica, poética, antropolóxica”, subliña o comisario dunha exposición que se exhibe ata o 15 de febreiro nesta fundación. Dónde estarán las nieves de antaño, apuntan desde a FCAYC, analiza “a neve como unha presenza efémera que conecta o pasado cun futuro incerto”, invitando a unha “reflexión sobre o porvir do mundo”. Luz, frío, silencio, brancura, soidade ou refuxio, así como a “transformación súbita dun territorio”, son nese senso algunhas das dimensións que convida a explorar unha exposición que reúne instalacións, fotografías ou obras pictóricas, xunto con pezas en vídeo e materiais documentais.

Do século XIX ao presente

Este proxecto expositivo conta con materiais artísticos e documentais que comprenden un arco temporal que abrangue desde o século XIX ata obras de recente creación. Así, na mostra poden verse pezas como un trineo do artista conceptual alemán Joseph Beuys ou un iglú do italiano Mario Merz, cedido polo Museo Reina Sofía, ademais dunha litografía do británico Richard Long. Xunto ás súas obras amósanse as creacións de artistas como Paco Mesa, Lola Mazaruela, Xesús Vázquez, Inés García ou a tamén profesora da Facultade de Belas Artes Natividad Bermejo. As súas propostas comparten á súa vez espazo con documentos audiovisuais dos irmáns Lumière, fotografías de José Suárez, pezas en vídeo ou unha videoinstalación de Ãlvaro Laiz. Todo isto, lembra Ruiz de Samaniego, “aderezado con textos poéticos”, de Antonio Gamoneda, Julio Llamazares, Robert Walser ou Silvia Plath, que complementan unha exposición que, de feito, toma o seu nome dun texto do poeta medieval francés François Villon.

Recuperar a capacidade de contemplación

A partir desta selección de obras e materiais, Ruiz de Samaniego “pretende que o espectador poida iniciar un proceso de interiorización entre a ética e a estética”, sosteñen desde a FCAYC, de tal xeito que este proxecto non só leve a reflexionar sobre a relación do individuo coa súa contorna, senón tamén sobre a súa propia capacidade de observación e interpretación. “A contemplación dun espazo nevado xa non pode responder ao desexo de saber, senón ao mero pracer de ver, anulada toda referencia e significación precisa”, sinala o docente e investigador, que aborda a través da neve a idea do silencio, dun “territorio abandonado polos signos”, á vez que a súa capacidade como “elemento transformador”. A neve, lembra, poder remitir a ideas como o “maternal” ou o “inmaculado”, mais tamén “anuncia o obsesivo, o frío invasor, o salvaxe”, contrapondo a idea de fugacidade coa súa proxección como aquilo “que dura ás veces de maneira interminable”.

“A neve dispón unha experiencia que se diría íntima e, ao tempo cósmica”, engade o profesor de Estética, que presenta tamén nesta mostra o vídeo-ensaio Palabras para la nieve, que realizou xunto con José Manuel Mouriño e que afonda nesas múltiples dimensións asociadas ao fenómeno. Nese senso, Ruiz de Samaniego incide tamén neste proxecto na idea da nevarada como “un acontecemento máxico”, grazas ao que “un se deita nun mundo e, ao espertar, atópase noutro distinto”. Ao mesmo tempo reflexiona tamén sobre a neve “como nostalxia da infancia ou da propia virxindade mítica dun territorio” ou sobre como o ser humano xera a partir desta “infinidade de criaturas e aparicións”. A exposición aborda así mesmo “o carácter elexíaco, fúnebre incluso, da neve”, como elemento capaz de borrar todo o que se sitúa baixo esta, á vez que como “signo inmemorial da existencia” que “gusta de desaparecer ou ocultarse”.

Universidade de Vigo (UVigo), 2026-01-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (incendios-xente.jpg) O Consello da Xunta analizou na súa reunión de hoxe un informe da Consellería do Medio Rural sobre o anteproxecto de Lei de loita contra os incendios forestais de Galicia (LLCIF), antes da súa remisión para consulta ao Consello Forestal de Galicia, cuxa reunión está prevista para mañá martes. A futura normativa prioriza reforzar a protección da poboación e a xestión integral do territorio. O presidente do Goberno autonómico, Alfonso Rueda, lembrou que actual lexislación sobre incendios forestais 'ten case 20 anos' e 'cómpre actualizarla e adaptala aos novos tipos de lumes así como aos avances que houbo tanto na loita como na prevención de incendios'.
Foto de la tercera plana (tecnoloxia-cuantica.jpg) Galicia é a rexión que máis solicitudes presentou en Europa para participar en proxectos interrexionais de I+D+i. Así o indican os datos da Vanguard Initiative, alianza europea da que a nosa Comunidade forma parte, xunto a outras rexións, para estimular o crecemento europeo da I+D+i a través da colaboración entre territorios de distintos países e a especialización intelixente. Precisamente a Xunta vén de publicar a convocatoria VInnovate Galicia, unha liña de axudas para organismos de investigación e empresas que presenten proxectos con outras rexións. Para poder candidatar á convocatoria VInnovate Galicia da Xunta, cuxo prazo de presentación de propostas está aberto desde hoxe ata o 19 de outubro, os posibles participantes teñen que presentarse antes á fase europea.

Notas

A iTERRA Night 2026 achegará o 25 de setembro a investigación que se realiza dende o Instituto de Saúde Global e Desenvolvemento Sostible do Campus Terra da USC á cidadanía a través dunha tarde de ciencia, experimentación e aprendizaxe para diferentes idades. A iniciativa desenvólvese no soto da Praza de Abastos lucense como evento asociado á European ResearchersÂ’ Night, unha iniciativa das Marie Skłodowska-Curie Actions (MSCA).
Os laboratorios do Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo (CINBIO), pertencente á Rede Cigus, volveron converterse nun espazo aberto á cidadanía coa celebración dunha nova edición da súa xornada de portas abertas, unha iniciativa integrada no programa de divulgación científica Ciencia con C de CINBIO. Máis de 80 persoas de diferentes idades participaron nesta actividade, deseñada para achegar a investigación que se desenvolve no centro ao público dun xeito participativo e próximo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES