
Séguenlle outras mencións destacadas, como o Ano Castelao e a película de Oliver Laxe, Sirat, coa que colabora a Xunta de Galicia e que foi seleccionada para os Premios Óscar.
No ámbito nacional, o panel de expertos tamén destaca o CGAC, que recibiu máis de 58.000 visitantes o ano pasado, ao que acompañan nos primeiros postos o Festival Sinsal, celebrado na Illa de San Simón, e a Bienal de Pontevedra. Estes dous últimos aparecen, ademais, distinguidos nos apartados de Mellores Festivais de Música e Mellores Festivais de Arte, respectivamente. Así mesmo, a Bienal está recollida nas novidades máis destacadas do ano, xunto co Festival da Asociación Galega de Empresas Musicais.
Ademais, cómpre destacar a entrada no mellor da cultura dixital de 2025 de Galiciana, Patrimonio Dixital de Galicia, sumándose así ao Gaiás, que repite mención neste apartado, neste caso por Sinte. Foro Internacional de Arte e Cultura Dixital, que reuniu en Santiago algunhas das voces máis recoñecidas do ámbito neste momento, ofrecendo unha visión sobre o presente e o futuro da arte e das industrias creativas nun contexto onde as transformacións tecnolóxicas están a influír moito no eido cultural.
Compromiso social e dinamización do rural
O informe publicado hoxe recoñece tamén o traballo feito polo Goberno galego en liña coa coa Lei de cultura inclusiva e accesible impulsada pola Xunta e aprobada o ano pasado por unanimidade no Parlamento. Neste senso, o Observatorio destaca un total de 6 propostas polo seu compromiso coa dinamización da cultura no rural. Trátase do Festival Agrocuir da Ulloa; o programa Cultura no Camiño; o espazo de creación A Casa Vella; o Festival dos Eidos, o Festival de Cans e o Festival Bal y Gay.
Ademais, o Festival da Luz, que se localiza en Boimorto, e o Sinsal, distínguense entre as propostas exemplares a nivel de España en canto ao compromiso social e ao desenvolvemento sostible.
Estudo referente a nivel nacional
O Observatorio da Cultura da Fundación Contemporánea vén publicando desde o ano 2009 os seus informes anuais nos que analiza o panorama cultural español no seu conxunto, e tamén nas distintas comunidades autónomas. Están realizados a partir da valoración independente dun amplo panel de profesionais incluíndo escritores, artistas, directores e actores, músicos, arquitectos e creadores de todos os campos; responsables de fundacións, directores de museos, centros e institucións culturais; editores, produtores, promotores, responsables de industrias culturais; comisarios de exposicións, así como responsables de áreas e institucións culturais.
En 2025, o cuestionario foi respondido por 443 profesionais de institucións culturais, entidades privadas e profesionais independentes do sector. A partir das súas valoracións elabórase a clasificación das institucións e acontecementos culturais do ano en España e, a partir das opinións dos expertos correspondentes a cada Comunidade Autónoma, os ránkings rexionais.
Foi presentada a novena edición de Intersección, Festival Internacional de Cine da Coruña, celebrada nos Cantones Cines. O festival desenvolverase do 13 ao 17 de outubro cunha programación que combina proxeccións, exposicións, formación e encontros profesionais arredor das novas linguaxes cinematográficas. Así, as seccións competitivas Galicia, Internacional e Fulgor achegarán ao público obras afastadas dos circuítos comerciais habituais e novas voces da creación audiovisual contemporánea. En concreto, a sección Internacional reúne 27 filmes procedentes de 22 países, entre os que figuran catro estreas mundiais, 17 en España e cinco en Galicia. As propostas exploran cuestións como a tecnoloxía, a memoria, o territorio e a identidade desde linguaxes e xeografías diversas.
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou en Santiago, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, o acto do Día da Ciencia en Galicia, no que se homenaxeou á oceanógrafa Aida Fernández Ríos (Vigo, 1947 - Moaña, 2015) como Científica Galega 2026. Ademais, entregáronse as Medallas de Investigación a cinco científicas e científicos da nosa comunidade. O presidente da Academia destacou que 'Aida Fernández Ríos foi unha investigadora capaz de identificar problemas relevantes e de situalos nun contexto internacional, converténdose nunha científica respectada moito máis alá de Galicia.