Notas de prensa

A Primavera Cultural 2026 xa agroma na USC

A USC bota a andar unha nova edición da súa Primavera Cultural, programa amplo e diverso do que agroman as diversas iniciativas que, en materia de cultura, a Universidade vai desenvolver nos vindeiros meses nos campus de Santiago e Lugo. Música, audiovisuais, exposicións, fotografía, teatro, danza, Faíscas Culturais, foros, formación, certames e convocatorias coas que impulsar a dinamización e a creación nutren o abano de iniciativas que arrancan a principios do mes de febreiro.

“Seguimos apostando por artistas do país e por diversas especialidades que van dende o folk ata estilos máis urbanos”. Así define a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, a programación musical da Primavera Cultural que con enorme éxito vén ateigando de estudantado cada un dos concertos impulsados pola USC. Na Primavera Cultural 2026 actuarán no Campus de Lugo XMaseda65, Lina e Lola + Unto Vello, Zeltia Irevire, XianPais + Ulex, Kid Mount + ünder & Diego Flâneur, Sofía Espiñeira, O Xoán e a Coral Lucus Terra IV Ciclo. Pola súa parte, Santiago de Compostela acollerá as actuacións de Alana e Kid Mount, así como a final do terceiro Certame de Grupos Musicais da USC con ünder & Diego Flâneur. Ademais, a Orquestra e Coro da USC interpretará o seu concerto de primavera nos dous campus e conmemorará en Compostela, o 21 de xuño, o Día Europeo da Música.

Exposicións

Nos vindeiros meses tamén se inicia unha nova etapa expositiva na USC con proxectos de moi diversa natureza. Trátase de ‘Ficcións especulativas’, ‘Auga, lodo e capital’ de Álvar Calvet, ‘Virando o rosa’ de Diana Fajardo, ‘Verde: un bico superficial sobre o costado do rostro’ de Luciana Rago, ‘Iguais baixo o sol. Unha mirada profunda ao albinismo na África subsahariana’, ‘Mulleres e comercio na Galicia, séculos XIX e XX’, ‘Organspace’ de Xoán Xil, ‘Arxila, auga e lume’ de Xurxo Oro Claro, ‘As voces de Begoña Caamaño’, ‘Espazo imprevisto’ de Óscar Aldonza e Fausto García, ‘Historia dos movementos feministas’, ‘A Galicia inédita. II edición’ e ‘100 anos da Biblioteca América’.

Teatro e danza

O XXX Festival Internacional de Teatro Universitario chega a Compostela no mes de febreiro e o XXXII Festival de Teatro Universitario terá lugar en Lugo en abril. A estas citas xa consolidadas no panorama cultural de Galicia hai que engadir o EscaparArte, a estrea da Compañía de Teatro da USC-Lugo coa obra ‘Do marabilloso mundo dos animais: os años’, a estrea da Compañía Vaites Vaites IV Ciclo coa peza ‘A asemblea das mulleres’, a XXVI Mostra de Teatro Universitario de Galicia, a presentación do traballo final do estudantado da Escola de Teatro ou a interpretación de ‘Irmás’ de Pascal Rambert, a cargo da Aula de Teatro da USC. Compañía de Teatro. No capítulo de danza, cómpre destacar o V Tradi-Fest, a X Semana da Danza Latina, o XXIV Encontro de Danza da USC e o IV MilongUSC.

Faíscas Culturais

O programa Faíscas Culturais continúa neste 2026 co obxectivo de prender a reflexión cultural nas aulas da USC e complementar a formación do estudantado a través de intervencións e actividades de carácter cultural. Así, nesta Primavera Cultural manterase a colaboración co Centro Dramático Galego a través das Faíscas ‘To be or not to be: Hamlet’ en Santiago de Compostela, e ‘A sociedade nos anos 40: O neno labrego’ en Lugo. Nos vindeiros meses tamén terán lugar as Faíscas ‘Laboratorio de ficcións especulativas’ en Compostela e ‘A perda’ en Lugo. As Faíscas Culturais son proxectos artístico-pedagóxicos que se sitúan na intersección que existe entre o coñecemento académico e a expresión artística e cos que se pretende fomentar o espírito crítico do estudantado.

Foros, formación e convocatorias

A palabra é tamén protagonista da Primavera Cultural a través de diversos foros nos que se analizan e debaten cuestións de actualidade e alcance, como é o caso dos Encontros de Lúa Chea, impulsados polo colectivo Proxéctate en galego. Outro exemplo é o Microaberto, no que as persoas inscritas poden intervir con monólogos, textos, poemas ou no formato oral no que desexen expresar a súa creatividade. A estas dúas citas do Campus de Lugo, cómpre engadir o xa tradicional Curso de Primavera.

No eido da formación, desenvolveranse en Compostela diversos Monográficos de Arte Escénica que abarcan contidos como Interpretación, Escrita dramática, View Points, Iluminación escénica e Dirección de escena. A todo esta ringleira de iniciativas débense sumar as convocatorias para fomentar a creatividade e a dinamización da comunidade universitaria. Trátase da Convocatoria de axudas ao desenvolvemento de actividades de dinamización físico-deportiva e cultural organizadas polo estudantado da USC e a Convocatoria de axudas á creación e aos proxectos de agrupacións teatrais e de danza da USC.

Audiovisuais e fotografía

Finalmente, o Campus de Lugo, cuxo programa de actividades presentouse este martes 27 nun acto no Pazo de Montenegro, continuará un ano máis acollendo as Sesións de Filmoteca do Club Valle-Inclán, e impulsando o certame Findecurta co que promover a creación audiovisual de estudantado e cidadanía no seu conxunto.

A Primavera Cultural da USC conta co apoio de Concello de Lugo, Deputación Provincial de Lugo e Deputación Provincial da Coruña.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2026-01-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (vilablues-2026.jpg) Un dos elementos diferenciais do Vilablues é que a súa programación transcende o recinto principal e se integra na propia vida do municipio. O festival conta con concertos, pasarrúas, sesións, jam sessions e actividades dirixidas a diferentes públicos, facendo que a música dialogue co espazo público, coa hostalaría, co comercio e coa actividade cotiá de Vilanova de Arousa. O cartel desta undécima edición estará encabezado por Dr. Feelgood, unha das grandes lendas británicas do pub rock.
Foto de la tercera plana (tecnoloxia-cuantica.jpg) A incorporación da intelixencia artificial (IA), o internet das cousas (IoT) e o big data nos sistemas xeoespaciais corporativos da Xunta, xunto co despregamento da plataforma de soporte a xemelgos dixitais, están a transformar a xestión territorial de Galicia, segundo o balance de 2025 da Estratexia Galicia Dixital 2030. O novo modelo, resultado do Programa de Xestión Territorial Intelixente, permite aproveitar as oportunidades en materia de xestión e coñecemento do territorio, de acordo coa visión estratéxica dunha transformación dixital adaptada ás necesidades específicas de Galicia.

Notas

Dous investigadores acaban de construír as primeiras ‘xeometrías de Einstein’ non homoxéneas sobre un dos espazos máis fundamentais das matemáticas, os espazos proxectivos complexos. Con isto responden afirmativamente nas dimensións n = 4 e n = 6 unha pregunta que o xeómetra francés Marcel Berger formulou en 1965 e que se resistira durante seis décadas.
No marco do convenio asinado pola USC e a Deputación da Coruña, o grupo de investigación Histagra da USC, tamén pertencente ao Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), está a coordinar o estudo histórico e arqueolóxico das fosas localizadas no cemiterio de Serantes (Ferrol). A primeira cata arqueolóxica neste espazo desenvolverase entre o luns 31 de agosto e o venres 11 de setembro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES