Noticias

A Filmoteca de Galicia dedícalle febreiro ao cinema de Hiroshi Shimizu e recibe a José Luis Guerin co seu último filme premiado en San Sebastián

A Filmoteca de Galicia dedica en febreiro o eixo principal da súa carteleira na sala José Sellier ao ciclo Hiroshi Shimizu, o arte de perderse, realizado en colaboración coa Fundación Xapón, ao tempo que programa o inicio do especial sobre as colaboración entre Béla Tarr e László Krasznahorkai. Outras citas importantes da súa actividade mensual serán a visita de José Luis Guerin dentro da conmemoración dos 20 anos de Cinema en curso e co seu filme Historias del buen valle. A actividade prevista, que conforma o programa número 300 do centro, complétase coa segunda entrega de Territorios mutantes.

Cine e poshumanismo, coa despedida do ciclo De xasmín e cascallos. Cinema desde o Líbano e novas sesións de Off Galicia, Filmoteca Júnior e Materiais para unha historia do cine en Galicia, con varias proxeccións acompañadas de presentación e coloquio.

Un xenio do período clásico xaponés

Coorganizado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude coa Fundación Xapón, o ciclo de Hiroshi Shimizu recupera a obra dun dos cineastas máis prestixiosos da súa época, autor dunha filmografía amplísima na que chegou a dirixir arredor de 160 películas, hoxe en boa parte perdidas. A selección percorre desde o cinema mudo ata mediados dos cincuenta e destaca a súa aposta temperá por rodar en exteriores, coa que foi abrindo camiño a un novo realismo.

As nove sesións terán lugar os días 5, 6, 10, 12, 18, 20, 26 (dobre programa) e 28, cunha programación que inclúe Japanese Girls at the Harbor, Forget Love for Now, The Masseurs and a Woman, Introspection Tower, Notes of an Itinerant Performer, Ornamental Hairpin, Children of the Beehive, Mr. Shosuke Ohara e The Shiinomi School.

Béla Tarr e Krasznahorkai, unha alianza de culto

Ademais, a Filmoteca de Galicia inicia o 11 de febreiro o ciclo dedicado ás cinco colaboracións entre o cineasta húngaro Béla Tarr, recentemente falecido, e László Krasznahorkai, último premio Nobel de Literatura. Unha referencia do slow cinema europeo que acadou status de culto polas súas longas tomas e o seu ritmo contemplativo.

O ciclo reúne cinco colaboracións consideradas xa imprescindibles do cinema europeo recente, cunha mirada existencialista e unha posta en escena hipnótica baseada en longos planos secuencia e no protagonismo do espazo. En febreiro proxectaranse La condena (día 11), Armonías de Werckmeister (días 13 e 14) e El caballo de Turín (día 27). O programa desenvolverase ata o 14 de marzo e completarase na primeira semana dese mes con El hombre de Londres e coa proxección de Satantango.

José Luis Guerín en Compartir o cinema

O ciclo Compartir o cinema. 20 anos de Cinema en curso recibirá a visita de José Luis Guerín, que participará nas dúas sesións programadas o 19 de febreiro como parte da conmemoración do vixésimo aniversario deste programa didáctico audiovisual do que forma parte a Filmoteca de Galicia. A primeira será unha proposta elixida polo propio cineasta, cunha selección que inclúe pezas dos irmáns Lumière, Oskar Fischinger, Jonas Mekas e do propio Guerin.

Na mesma xornada, o director presentará Historias del buen valle, o seu último filme, Premio Especial do Xurado na última edición do Festival Internacional de Cine de San Sebastián. A proxección da fita, que se estreará en salas poucos días antes, o 6 de febreiro, irá seguida dun coloquio posterior co público.

Paisaxes que senten en Territorios mutantes

A segunda entrega de Territorios mutantes desenvolverase baixo o subtítulo Paisaxes que senten. Cine e poshumanismo, cun foco na relación entre o humano e o mundo vexetal e na reflexión contemporánea sobre o lugar que ocupamos como especie. O bloque incluirá dous encontros con persoas convidadas: Paco Calvo, investigador especializado en intelixencia vexetal, e a cineasta Candela Sotos.

Como antesala, programaranse Naves misteriosas (días 3 e 4), Samsara (días 5 e 10) e El incidente (día 18). As sesións centrais serán o día 24, cun encontro con Paco Calvo e a proxección de Silent Friend, e o día 25, co filme Yrupẽ e encontro con Candela Sotos.

Despedida do cinema libanés

O ciclo De xasmín e cascallos. Cinema desde o Líbano conclúe este mes coas tres últimas sesións, propoñendo unha fiestra á complexidade do país e ás súas feridas recentes a través de obras producidas entre os anos setenta e a actualidade. A súa comisaria, Feyrouz Serhal, participará nas dúas derradeiras xornadas para presentar os filmes e dialogar co público. A selección deste mes inclúe Erased,___Ascent of the Invisible (día 3), Octopus (día 11), con presentación e coloquio a cargo de Serhal e moderación de Martin Pawley, e un programa de curtas (día 12) que incorpora tamén a súa peza Tshweesh.

A programación complétase con catro sesións de Off Galicia: Furada Negra. Unha memoria do inframundo (día 4), con presentación e coloquio con Berio Molina, Alba Cid, Xavier Groba e Ramón Pinheiro Almuinha; La Parra (día 6), con presentación e coloquio con Alberto Gracia; Adeus, Berta (día 13), con Fernando Tato; e 4 clips de estreno (día 21), presentada por José Luis Ducid. Filmoteca Júnior proxectará Un barco no xardín (día 7) e Materiais para unha historia do cine en Galicia ofrecerá o 20 de febreiro unha selección de noticiarios históricos de finais dos anos 20 e comezos dos 30 do século pasado.

R., 2026-02-02

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES