//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias cultura
A Filmoteca de Galicia inicia en maio unha retrospectiva arredor do actor italiano Marcelo Mastroianni como parte dunha carteleira na que tamén sobresaen as visitas de dous destacados nomes do actual panorama cinematográfico estatal: Alauda Ruiz de Azúa e Albert Serra. A oferta mensual da cinemateca da Xunta arranca este venres 2 con Corazón Salvaje, que se exhibe na recta final da homenaxe que se lle está a dedicar ao director David Lynch tralo seu recente pasamento. A nova programación inclúe tamén un repaso ás tres longametraxes do cineasta galego Raúl Veiga e a habitual colaboración co festival Play-Doc de Tui, que desta volta pon o foco en dúas figuras do cinema independente norteamericano: Monte Hellman e Elaine May.
A figura e o legado de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao será divulgada a través dunha decena de publicacións ao longo deste 2025, dentro das accións da programación do Ano Castelo, co que o Goberno galego conmemora o 75 aniversario dunha das figuras máis senlleiras de Galicia. Entre elas estarán 'Celebrando a Castelao. O artista polifacético', de Rubén de Lis, dúas edicións da emblemática obra teatral 'Os vellos non deben de namorarse', os discursos institucionais de Castelao (da man da Fundación Castelao) ou a dixitalización da documentación sobre o Estatuto de 1936 (en colaboración co Instituto Padre Sarmiento).
O Centro Dramático Galego e o colectivo portugués ASTA-Teatro e Outras Artes presentan na Comunidade a súa coprodución 'Rosalía, cartografía de ásperas ortigas'. con tres funcións no Salón Teatro de Santiago, onde poderá verse entre mañá e o luns. Con dirección escénica e dramaturxia do compostelán Roberto Salgueiro, as dúas compañías contan igualmente coa implicación do tamén portugués Cine-Teatro Avenida de Castelo Branco para ofrecer unha proposta teatral actual que reflicte o pensamento e o legado da poeta padronesa. Así, a partir de textos e, sobre todo, versos da escritora tomados de Cantares Gallegos, Follas Novas e En las orillas del Sar, construíuse unha obra propia que afonda na transcendencia da autora.
Ferrol é a primeira das 13 citas co libro e a lectura que terán os galegos e galegas en diferentes vilas e cidades das catro provincias. Tras esta cidade, recollerá o relevo Santiago de Compostela, do 3 ao 11 de maio; Lugo, do 13 ao 17 de maio; O Porriño, do 29 de maio ao 1 de xuño; Redondela, do 12 ao 15 de xuño, e Ourense, do 18 ao 21 de xullo. Xa no mes de xullo haberá Feira do Libro en Vigo, do 1 ao 7 de xullo; en Ponteareas, do 10 ao 13 de xullo, e en Rianxo, do 24 ao 27 de xullo. En agosto as feiras estarán tamén na Coruña, do 1 ao 10; Viveiro, do 12 ao 15; Foz, do 16 ao 19, e, finalmente, en Monforte de Lemos, do 20 ao 23.
Paternidade dialoga coa contorna do Monte Gaiás reflectindo un mecanismo básico da natureza, xa que para que unha nova vida poida saír adiante precisa de protección. A escultura, feita de bronce e cun peso de 120 quilogramos, representa a figura dun pai apertando un neno co fin de evocar o contraste entre a fortaleza e a fraxilidade. O artista di reflectir nesta peza un sentimento que descansa na súa propia experiencia como pai e fillo. De feito, a paternidade é un tema que rexorde en varias ocasións ao longo da súa traxectoria. A obra de Ramón Conde, un dos escultores galegos máis recoñecidos, e moi influenciado polo expresionismo, o surrealismo e o interese na psicoanálise, complementa un conxunto de sete pezas artísticas nos espazos exteriores do Gaiás.
O Centro Dramático Galego inicia a semana que vén a xira por Galicia do espectáculo Manuela Rey Is In Da House, que poderá verse ata mediados de maio en oito escenarios das catro provincias. As dúas primeiras paradas do percorrido serán a do mércores 30 en Ribeira e o xoves 1 en Pontevedra, onde hoxe se presentou esta coprodución galego-portuguesa que recupera a esquecida figura da actriz mindoniense que chegou a ser a estrela do teatro lisboeta na segunda metade do século XIX. Fran Núñez, director da unidade teatral e da peza, participou nesta rolda de prensa.
As bibliotecas públicas xestionadas pola Xunta de Galicia súmanse á celebración de Día do Libro con preto dun cento de propostas que se espallarán desde a mesma data da efeméride, mañá, 23 de abril, ata finais deste mes. A ampla programación está dirixida a todos os públicos e vencellada á promoción e difusión do libro galego. Deste xeito, na Biblioteca de Galicia, situada na Cidade da Cultura, festexarase co agasallo sorpresa de libros a todas as persoas usuarias e visitantes que se acheguen ata as súas instalacións o mesmo día 23, desde ás 9,00 horas ata esgotar existencias. Tamén ofrecerá visitas guiadas, ás 12,30 horas, nas que se dará a posibilidade de descubrir espazos habitualmente restrinxidos.
A IX edición do festival celebrarase os días 8 e 9 de maio nos espazos Flamboyán The Clemente e The Francis Kite Club, e contará cunha ampla programación de recitais poéticos, música e performances escénicas, con presenza de autores e artistas de Galicia, Estados Unidos, Latinoamérica e outros países. O Festival Kerouac, que naceu en Vigo no ano 2010, estendeuse nos últimos anos a outras cidades como Nova York ou Cidade de México, converténdose nun referente da poesía oral e escénica contemporánea. A cita neoyorquina suma xa nove edicións e consolidouse como un evento cultural de referencia para a diáspora galega e para o público estadounidense amante da poesía e das artes vivas.
Baixo o título Onde florecen os libros, a cita inaugural será en Ferrol, do 25 ao 27 de abril. A Feira do Libro de Santiago de Compostela celebrarase do 3 ao 11 de maio; en Lugo do 13 ao 17 de do mesmo mes, e no Porriño do 29 de maio ao 1 de xuño. No mes de xuño, Redondela acollerá a súa feira do día 12 ao día 15, mentres que en Ourense será do día 18 ao día 21. Xa no mes de xullo, Vigo abrirá o día 1, prolongándose ata o día 7, continuando en Ponteareas desde o día 10 ata o 13 e en Rianxo do día 24 ao 27 de xullo. Finalmente, en agosto as Feiras do Libro viaxarán ata A Coruña do día 1 ata o 10, a Viveiro do día 12 ao 15, a Foz do día 16 ao día 19 e rematarán en Monforte de Lemos do día 20 ao 23 de agosto.
A Xunta de Galicia acaba de lanzar a nova edición do seu catálogo Films from Galicia, que ofrece unha completa panorámica da actual produción galega de cinema e televisión para a súa promoción nos principais mercados e feiras do sector a nivel internacional. A compilación de 2025 reúne 62 novos títulos do audiovisual galego, dos que 14 foron estreados recentemente e os 48 restantes están ultimando a súa próxima chegada á gran e pequena pantalla. Tamén son 48 as producións desta escolma que contaron con financiamento da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a través dalgunha das liñas de subvencións ao sector que xestiona a través da Axencia Galega das Industrias Culturais.
A través dunha serie de pezas, que van máis aló da paisaxe para reflectir 'sentimentos e sensacións', sete artistas emerxentes desenvolven o seu 'concepto de mar, un mar libre e subxectivo que busca romper cos convencionalismos'. Deste xeito presentan os estudantes da Facultade de Belas Artes Fabiola Quintela e Héctor Pousa Un mar de sensaciones, a exposición que ao longo deste mes de xaneiro pode visitarse no estudio A Balea, de Moaña, e que comisarían como traballo para a materia Xestión, ámbito artístico e mundo profesional.
O Departamento de Filoloxía Galega e Latina da UVigo acaba de publicar un novo número, e xa van 9, da revista Cumieira, unha publicación que naceu para dar a coñecer os traballos científicos das investigadoras e investigadores máis novos no ámbito dos estudos lingüísticos e literarios en galego. Neste último número recóllense catro investigación nas que se analizan diferentes cuestións, así como unha recensión sobre a novela histórica Ao sur da liberdade, ópera prima no mundo da prosa de ficción histórica do catedrático da UVigo Xosé-Henrique Costas.
A Universidade da Coruña acaba de dar vida a unha nova spin-off, a empresa Artefacto Arteducación, S.L.. Esta nova entidade xorde a partir do Departamento de Didácticas Específicas e Métodos de Investigación e Diagnóstico en Educación, co apoio da Oficina de Transferencia de Coñecemento (OTC) da UDC. O obxectivo desta iniciativa é a transferencia de coñecemento a través do desenvolvemento de proxectos arteducativos, prácticas curatoriais e de mediación artística, educativa e cultural.
'O tempo na Compostela medieval é individual, elástico, a sensación que ten o individuo do tempo vai cambiando conforme cambia o contorno, a sociedade, as actividades que desenvolve', explica o profesor de Historia Xosé Manoel Sánchez, autor do libro 'Tiempo y viaje en la Compostela medieval', que acaban de publicar Edicións USC e o Consorcio de Santiago.
Tivo lugar na Delegación territorial da Xunta de Galicia en Lugo a inauguración da exposición das obras presentadas á XXXV edición do Certame Galego de Arte José Domínguez Guizán, convocada polo Centro do mesmo nome, impulsor do Belén de Begonte, dentro da campaña O Nadal en Begonte. A mostra poderase visitar ata o vindeiro 13 de xaneiro.
O festival 17º Ribeira Sacra xa ten datas para a que será a súa novena edición. Os días 18, 19 e 20 de xullo a Ribeira Sacra albergará este evento no que música, gastronomía, viño, arte e patrimonio danse da man ofrecendo unha experiencia completa para o público. Unha programación de tres días na que non faltarán concertos de artistas nacionais e internacionais.
A Facultade de Formación de Profesorado da Universidade de Santiago de Compostela acaba de inaugurar a Sala 'Araceli Herrero', na antiga sala de investigación do centro, que agora rememorará a quen fora docente desta Facultade vinculada ao Departamento de Didáctica da Lingua e da Literatura e que faleceu en xuño de 2020. Na sesión inaugural deste espazo déronse cita unha nutrida representación de docentes, tanto en activo como persoal xa xubilado.
O proxecto Cantigas de Romaría, presentado no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, combina o estudo das cantigas de amigo, o maior corpus de poesía en voz feminina da Idade Media europea, coa xeolocalización dixital, ofrecendo unha nova perspectiva sobre as setenta e nove composicións coñecidas como cantigas de romaría ou de santuario. As cantigas de romaría remiten a igrexas, capelas e ermidas, evocando un pasado festivo vinculado á devoción relixiosa.
Aínda que o fai, recoñece, sen 'ningunha vontade de historiador', o profesor da Facultade de Belas Artes Alberto Ruiz de Samaniego percorre a historia da pintura no seu novo libro El espacio salvado. Álbum de imágenes. Non en van, o volume reúne máis dun centenar de imaxes de obras pictóricas de diferentes épocas, desde pinturas etruscas ata obras do século XX, acompañadas de textos que non buscan describir ou contextualizar as imaxes, senón que reflicten o que estas lle evocan ou as reflexións que xorden da súa contemplación.
Da memoria familiar e as lembranzas do fogar á vida nunha residencia estudantil, pasando por un retrato visual do barrio vigués de Coia. A contorna natural, persoal e sentimental de nove estudantes das facultades de Comunicación e Belas Artes constituíu a fonte de inspiración das curtametraxes que na tarde deste martes abren a programación do Festival Internacional de Cine de Pontevedra Novos Cinemas.