Noticias

A Filmoteca de Galicia celebra o Día da muller durante todo o mes de marzo con 16 traballos de dirección feminina

A Filmoteca de Galicia conmemora o Día da Muller durante todo marzo cunha nova edición do programa Olladas de Muller, coa proxección de 11 filmes e curtametraxes de autoría feminina, e con dúas actividades do ciclo Close-up, que ofrece un encontro con Jonás Trueba e Itsaso Arana e unha mesa de debate arredor da programación con perspectiva integradora. Neste mes, a cinemateca acolle un especial sobre o cineasta nipón Shinji Sōmai e dálle continuidade á retrospectiva sobre o director e produtor catalán Pere Portabella. Do 5 ao 8 de marzo regresa á sala José Sellier da Coruña o ciclo gratuíto Olladas de Muller, coa visita de tres directoras galegas para presentar as súas últimas películas: Prefiro condenarme, de Margarita Ledo Andión (mércores 5); Filmei paxaros voando, de Zeltia Outeiriño (xoves 6), e As Neves, de Sonia Méndez (venres 7).

O programa tamén inclúe a proxección da longametraxe Elas também estiveram lá, no que a portuguesa Joana Craveiro afonda no papel das mulleres na revolución do 25 de abril, e de varios traballos de Nancy Savoco, unha cineasta independente norteamericana redescuberta hai pouco: Renata e True Love (día 5), Household Saints (día 7) e Bad Timing (sábado 8). Este último título compartirá sesión con outras curtas feitas nos últimos anos por directoras galegas: Vogar, de Andrea de la Iglesia; Deolinda sempre traballando, sempre cantando, de Alicia López, e 12 de maio de 1937, de Mar Caldas.

Dúas sesións e Close-Up

No marco de Close-Up: Cine e perspectiva de xénero, o martes 11 de marzo terá lugar un encontro con Itsaso Arana e Jonás Trueba vinculado á proxección do filme deste, Volveréis, do que haberá un segundo pase o venres 14. Nesta fita, Arana interpreta o papel dunha directora inspirado no propio Trueba, nun xogo de inversión de xéneros que encaixa á perfección coa temática do ciclo da Filmoteca de Galicia.

O mércores 12 de marzo terá lugar a mesa redonda Por unha programación plural coa participación de Javier H. Estrada, xefe de programación da Seminci de Valladolid; Nuria Cubas, directora de Filmadrid, e Irene Castro e Noah Benalal, do colectivo independente Roedor. O debate estará seguido da proxección de Las chicas están bien, a primeira longametraxe de Itaso Arana, que tamén poderá verse o xoves 13.

Nova colaboración con Fundación Japón

Outra das principais liñas desta nova carteleira é a retrospectiva dedicada ao cineasta Shinji Sōmai, organizada en colaboración coa Fundación Japón. Baixo o título Ventos de xuventude, entre os días 18 e 28 exhibiranse sete traballos do director, un dos máis representativos do cinema xaponés dos anos 80 e 90: Typhoon Club, Sailor Suit and Machine Gun, P.P. Rider, Dreamy fifteen, Love Hotel, Stepchildren e Kaza-hana. Esta selección préstalle especial atención a un dos xéneros que tan ben soubo explorar, as películas xuvenís.

Ademais, a sección Fóra de Serie presenta o mes que vén na Coruña os filmes The Human Hibernation, de Anna Cornudella Castro (día 13); Historia de una segadora, de Katsuhiko Fukuda (día 14), e Hilm pussy, de Nora El Hourch (días 21 e 25).

Por outra banda, en marzo remata o ciclo dedicado ao catalán Pere Portabella cunha ampla representación dos seus traballos na produción. É o caso de Los Golfos, de Carlos Saura (día 18); El cochecito, de Marco Ferreri (día 19); Tren de sombras. El espectro de Le Thuit, de José Luis Guerin (día 26), e In the same boat de Rudy Gnutti (día 27). Ademais, con entrada de balde, o día 20 de marzo presentarase o libro do propio Portabella Impugnar las normas. Intervenciones sobre arte, cine y política, presentado polo editor Esteve Riambau e coa proxección posterior de Constelación Portabella, de Claudio Zulian.

Off Galicia

En canto ás seccións gratuítas da programación da cinemateca da Xunta, Off Galicia regresa mañá sábado coa visita de Alberto Lobelle para mostrar Pico Sacro, documental co que gañou o Premio á Mellor Película en CineMística 2024. Xa contra finais de mes, o día 22 Alberto Castaño presentará Diez años de Fanzine Fest e o día 29 será a quenda de Nuria Vil, coa curta Delincuente e un coloquio posterior en colaboración con Ensaia.

Ademais, Dunia y el eco del tambor protagoniza Filmoteca Jr. o sábado 15, mentres que no marco de Materiais para una historia do cine en Galicia, o día 28 exhibiranse catro documentais realizados entre 1951 e 1974 polo Servizo de Extensión Agraria do Ministerio de Agricultura.

R., 2025-02-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (estacions-ano-cdc.jpg) A exposición 'As estacións do ano na arte galega dos séculos XX e XXI' pecha as súas portas no Museo Centro Gaiás o domingo 6 de setembro con máis de 36.000 visitas desde a súa inauguración. Concibido e comisariado pola artista e investigadora Mónica Alonso, o proxecto destaca polo seu deseño innovador, que constrúe un percorrido sensorial para mergullarse na arte contemporánea. Máis de 80 obras de 63 artistas dan forma a un itinerario que transita polas paisaxes, símbolos e lembranzas asociadas ao paso do tempo e os cambios entre a primavera, o verán, o outono e o inverno en Galicia.
Foto de la tercera plana (infancia_2.jpg) Galicia continúa a manter o liderado na taxa de escolarización 0-3 por cuarto curso consecutivo, cun 64 %. Os datos do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes referentes ao período lectivo 2026-2026 consolidan este primeiro posto, con 14 puntos por riba da media nacional. Ademais, Galicia é a única comunidade autónoma que está por encima da barreira do 60 % en niveis de escolarización no primeiro ciclo de Educación Infantil e supera en case 20 puntos o obxectivo da Unión Europea para o ano 2030, que é do 45 %. Estas cifras colocan a Galicia como referente no apoio ás familias e á infancia e son posibles grazas a medidas como a gratuidade das escolas infantís.

Notas

Ducias de persoas participaron nas actividades do Vendaval, Mostra de Cinema Portugués na Ribeira Sacra, que entre o 25 e o 30 de agosto levou proxeccións, concertos, conversas e encontros con cineastas a diferentes espazos da comarca. Unha proposta cultural diferente, de balde e vinculada ao territorio que volverá durante o outono e a primavera con dous novos pases e novas propostas cinematográficas.
A USC vén de reafirmar a súa aposta en prol da administración dixital e de que parte dos seus servizos poidan ser prestados de xeito eficaz por medios telemáticos, coa renovación (2026-2028) do Certificado de conformidade co Esquema Nacional de Seguridade no seu nivel medio. Isto é froito do traballo conxunto da Secretaría Xeral, a unidade de Seguridade da Información que coordinou o proceso, a Área TIC, e o Comité de Seguridade da Información.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES