Notas de prensa

Un libro sobre a figura do matemático José Rodríguez lembra que foi quen corroborou que a Terra era achatada nos polos

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) continúa cos actos de homenaxe ao matemático José Rodríguez, Científico Galego 2024. Esta mañá presentouse na facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago o libro 'José Rodríguez González (1770-1824). Un matemático sublime'. Nesta publicación, coeditada pola RAGC e o Consello da Cultura Galega, faise un repaso pola traxectoria profesional e vital deste persoeiro ilustre.

Ao evento asistiron o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; o alcalde do Concello de Lalín, José Crespo; o reitor da USC, Antonio López; o presidente da RAGC, Juan Lema; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; e a decana da facultade de Matemáticas da USC, Elena Vázquez Cendón.

A publicación conta con limiares do presidente da RAGC, que se refire ao homenaxeado como “un científico internacional e un liberal transformador”; da presidenta do Consello da Cultura Galega, que fala de ”un matemático excepcional, un cidadán exemplar e un político liberal sempre preocupado polo país”; do conselleiro de Educación, quen pon de relevo a importancia “histórica, académica, científica do matemático Rodríguez, que foi un adiantado ao seu tempo e detrás do que hai moito traballo e talento”; do alcalde de Lalín, quen fala de Rodríguez como “o noso Leonardo da Vinci”; ademais do coordinador da publicación, o académico da RAGC Juan José Nieto Roig.

Inclúe artigos do historiador e cronista oficial do Concello de Lalín Daniel González Alén; dos académicos Manuel de León e Eduardo García Río; da investigadora Carmen Villanueva; do director do Observatorio Astronómico da USC, José Ángel Docobo; do director do Observatorio Astronómico Nacional, Rafael Bachiller; do académico da Real Academia de Farmacia de Galicia Francisco Díaz-Fierros; da profesora de Historia Contemporánea da USC Margarita Barral; e do catedrático de Historia da Arte da USC José Manuel García Iglesias.

No transcurso do evento celebrouse unha mesa redonda na que participaron varios dos autores da publicación, destinada a valorar o traballo e o impacto de José Rodríguez nas súas diferentes facetas. Estiveron Manuel de León, José Manuel García Iglesias, José Ángel Docobo e Daniel González Alén.

O primeiro científico de Galicia

Tal como sinala o coordinador da publicación, “Rodríguez foi un dos científicos europeos máis brillantes da súa época, con grandes contactos nacionais e internacionais, e con achegas non só ás matemáticas, senón tamén á xeometría, á astronomía, á xeografía e á mineraloxía. Foi un científico no sentido moderno do termo e, para moitos, o primeiro de Galicia”. As súas investigacións tamén se extrapolaron a Galicia, onde analizou a xeografía da nosa terra e realizou medicións xeodésicas que lle permitiron situar o centro da comunidade na Fonte de Castiñeiroa, no concello de Lalín, algo que aínda se acepta na actualidade como parte do acervo popular.

En 1806 foi nomeado polo Goberno de España «comisario de las operaciones para la medición del meridiano de Dunkerque a Basilea», dentro dun gran proxecto internacional fundamental para establecer a medida de lonxitude, o metro, e o resto das magnitudes que conforman o actual sistema métrico decimal. Máis adiante foi membro da comisión para a prolongación dese tramo desde Barcelona ata as Illas Baleares. “Agora pode parecer evidente, ou mesmo irrelevante, o uso dunha unidade de medida de lonxitude como o metro, pero na época do Matemático Rodríguez convivían moitas” -salienta Juan José Nieto Roig-.

En 1809 trasladouse a Londres, onde realizou estudos e cálculos do meridiano de Greenwich para dilucidar se era certa a teoría de Newton sobre que a Terra era achatada nos polos. Algúns científicos ingleses sostiñan que era achatada polo ecuador. O seu traballo, publicado pola Royal Society de Londres en 1812, tivo unha gran repercusión. Así, a súa achega máis relevante á ciencia foi demostrar empiricamente que a teoría de Newton era correcta, a pesar das conclusións erróneas doutros científicos e, ademais, facelo cunha maior exactitude que calquera outro matemático da época.

Nieto lembra que a actividade do Matemático Rodríguez non só foi científica, senón tamén política. “Sumouse aos liberais máis progresistas e foi elixido deputado por Galicia en 1820. Declarouse a favor da división provincial de Galicia coa creación dunha quinta provincia con capital en Santiago de Compostela e amosou interese por promover o coñecemento científico e o fomento da industria, o que o levou a defender a creación dunha Universidad Central en Madrid (actual Universidad Complutense), na que ocupou a cátedra de Astronomía” -indica-. Non obstante, ao restaurar Fernando VII o absolutismo, foi cesado e viuse obrigado a fuxir a Portugal en 1824. Ese mesmo ano regresou a Galicia, onde faleceu aos poucos meses.

Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), 2024-10-03

Actualidad

Foto del resto de noticias (fito-2026.jpg) O certame consolídase como un espazo de exhibición para o sector profesional galego e de achegamento da cidadanía ás novas linguaxes escénicas. Teatro de Ningures abrirá a programación o xoves 15 no Teatro Principal coa estrea absoluta de Thelma e Lola. Tamén presentará por primeira vez a súa nova proposta Arun Run, que levará Inorganic ás rúas de Ourense os días 17, 18, 23, 24 e 25. Pola súa banda, a iniciativa 67 Graos Ourense Fervescénica dará a coñecer novas creacións o mércores 21 na Sala Emilia Pardo Bazán do Campus de Ourense. No apartado internacional, a compañía arxentina El Rayo Misterioso regresará ao festival con Todo terminará por Navidad.
Foto de la tercera plana (20261002-xunta.jpg) Galicia comparte coas comunidades autónomas a súa Lei de Educación Dixital, unha normativa pioneira a nivel estatal que regulará por primeira vez o uso da IA no ensino. Faino no I foro europeo EducaIA que se celebrou en Santiago de Compostela coa participación de responsables educativos de dez comunidades autónomas, xunto con docentes e expertos na materia e a intervención por videoconferencia do director de Educación da OCDE, Andreas Schleicher.

Notas

Pasaban 22 minutos das 20.00 horas deste xoves 1 de outubro cando un vehículo de lanzamento Falcon 9 de SpaceX despegaba desde a base da Forza Espacial de Vanderberg (California) levando no seu interior o experimento CORTIS (Camara Observation & Radiation Test in Space), desenvolvido durante un ano polo alumnado da Universidade de Vigo que forma parte da asociación UVigo SpaceLab.
A Universidade da Coruña reuniu hoxe investigadoras e especialistas de referencia para reflexionar sobre os nesgos de xénero, sociais e discriminatorios presentes nos sistemas de intelixencia artificial (IA), así como sobre os retos éticos e tecnolóxicos que suscita o seu desenvolvemento e aplicación en ámbitos cada vez máis diversos da sociedade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES