Noticias

O Colexio Celso Emilio Ferreiro de Cerceda e o Instituto Castelao de Vigo, gañadores do concurso escolar das Letras Galegas

O concurso escolar sobre o Día das Letras Galegas convocado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, e dirixido aos centros de ensino público, xa ten gañadores. Así, nesta edición a comisión avaliadora decidiu que os mellores traballos, coas cantareiras e a poesía popular oral como protagonistas, corresponden ao colexio Celso Emilio Ferreiro, do municipio coruñés de Cerceda, na categoría de Infantil e Primaria, e ao Instituto Castelao, de Vigo, na categoría de Secundaria. A iniciativa convidaba aos estudantes a elaborar unha exposición centrada na obra, a época e a situación sociolingüística da etapa histórica na que viviron as mulleres que protagonizan a efeméride en 2025.

Deste xeito, o centro de Cerceda gañou coa proposta As cantareiras e a poesía oral, mentres que a mostra premiada do instituto vigués leva por título Canta que cadramos ben. Neste senso, cómpre destacar que a colección de dez carteis que integra cada exposición e a súa correspondente guía didáctica será impresa e distribuída en centros educativos de Galicia e do exterior, ademais de bibliotecas e outros espazos culturais. Tamén estará dispoñible no Portal da lingua galega para a súa descarga libre e gratuíta, canda outros materiais elaborados polos equipos de dinamización da lingua galega.

Ademais, cada un dos centros gañadores recibirá un premio de 2.000 €, mentres que o profesorado implicado no deseño e posta en marcha dos traballos obterá unha certificación de primeiro premio de innovación educativa equivalente a 20 horas de formación.

Dinamización da lingua e cultura galegas

Esta proposta do Goberno galego pretende impulsar a achega da mocidade a esta manifestación da cultura popular, profundando na importancia dos cantos e da tradición oral para a lingua galega ao longo da historia e no labor fundamental das mulleres como transmisoras desta riqueza inmaterial, que vai ser recoñecida na próxima celebración das Letras Galegas.

R., 2025-02-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (museo_do_pobo_galego_2.jpg) Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

O concerto de Sofía Ros na Casa do Saber do Campus de Lugo este luns, 26 de outubro, ás 20.15 horas, abre unha nova semana ateigada de citas culturais na USC. Música, diversos faladoiros, así como proxeccións audiovisuais integrarán os vindeiros eventos do Outono Cultural. Ese mesmo 26 de outubr,o no Pazo de Montenegro, a partir das 17.30 horas, desenvolverase o primeiro dos encontros 'Memoria democrática'. María Valcárcel, profesora da USC e periodista cultural, é a persoa coidadora deste proxecto. O acceso require inscrición previa.
A música folk será neste 2026 a gran protagonista do ciclo Música para reCREAr, que a Vicerreitoría do campus promove coa colaboración do Concello de Pontevedra, ao abeiro dun convenio de colaboración. Esta programación botará a andar este xoves 29 de outubro, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, cunha actuación do grupo Caldo, mentres que o 12 de novembro, á mesma hora, poderá coñecerse o proxecto musical do dúo Abril.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES