Notas de prensa

Do 16 ao 27 de outubro, volve o Festival Internacional de Teatro de Ourense

Este mes de outubro, as artes escénicas volven a ser as protagonistas da programación cultural de Ourense e fano da man da celebración do XVII Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO). O evento terá lugar do 16 ao 27 de outubro, principalmente na cidade das Burgas pero tamén en Celanova, e contará con 13 espectáculos de compañías galegas e foráneas. A programación foi presentada este mércores no Teatro Principal de Ourense por parte das entidades organizadoras, colaboradoras e patrocinadoras.

Estiveron presentes Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do Campus de Ourense; Jacobo Sutil, director da Axencia Galega de Industrias Culturais; César Gil, vicepresidente da Deputación de Ourense; Olga Mojón, directora do Teatro Principal; Jose Lois Troitiña, xerente do Liceo Recreo Ourensán; Antonio Puga, alcalde de Celanova, e Fina Calleja, directora do FITO. Nas súas intervencións destacaron a colaboración institución que conflúe neste festival e a calidade e traxectoria do Fito, animando ao público a achegarse á súa programación. Na súa intervención, o vicerreitor do campus subliñou que “o teatro é unha ferramenta de transformación social e persoal” e lembrou o compromiso da institución académica con el a través de iniciativas como as aulas de teatro do campus de Ourense.

11 días de programación

Neste ano 2024, o Fito, indican desde a súa organización, “chega coa vontade de revalidarse como espazo de convivencia democrática, como facilitador de transferencia de coñecemento, como un escaparate no que se apertarán xéneros, experiencias e linguaxes coa vontade de comunicarse cos seus espectadores máis fieis pero tamén con aqueles que aínda non o senten como unha cita propia”. Con 16 anos de existencia do festival ás costas, indican, “seguimos ambicionando seguir medrando deseñando unha programación aberta á cidadanía”.

Nesta ocasión serán 11 días de programación, con 13 espectáculos de xéneros diversos e de compañías procedentes de Galicia, Catalunya, Madrid, Arxentina e Portugal-Alemaña. Os escenarios elixidos en Ourense cidade son o campus, o Liceo, o Teatro Principal e a Praza de San Martiño. Xa en Celanova haberá actuacións na súa Praza Maior e no Auditorio Municipal. A programación arrancará o día 16 no Liceo coa obra Vía morta, de Culturactiva e rematará o día 27 no Teatro Principal con O auto do Castromil, de Producións Teatrais Excéntricas, habendo no medio actuacións como a de Mercedes Peón Ósmose. Segundo explicou Fina Calleja na presentación, nesta edición do Fito, seguindo o espírito das anteriores, apóstase nesta programación “polo hibridismo, as novas linguaxes e a paridade”.

Concretamente no campus de Ourense, na sala Emilia Pardo Bazán, no Edificio de Ferro, serán dúas as actividades que se celebrarán. O martes 22 poderá verse o espectáculo María Consolación Visitación Amadora, de Loia Producións, e o día 23 67 Graos-Ourense Fervescénica, un espazo de encontro e diálogo entre disciplinas e artistas.

Universidade de Vigo (UVigo), 2024-10-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (fito-2026.jpg) O certame consolídase como un espazo de exhibición para o sector profesional galego e de achegamento da cidadanía ás novas linguaxes escénicas. Teatro de Ningures abrirá a programación o xoves 15 no Teatro Principal coa estrea absoluta de Thelma e Lola. Tamén presentará por primeira vez a súa nova proposta Arun Run, que levará Inorganic ás rúas de Ourense os días 17, 18, 23, 24 e 25. Pola súa banda, a iniciativa 67 Graos Ourense Fervescénica dará a coñecer novas creacións o mércores 21 na Sala Emilia Pardo Bazán do Campus de Ourense. No apartado internacional, a compañía arxentina El Rayo Misterioso regresará ao festival con Todo terminará por Navidad.
Foto de la tercera plana (20261002-xunta.jpg) Galicia comparte coas comunidades autónomas a súa Lei de Educación Dixital, unha normativa pioneira a nivel estatal que regulará por primeira vez o uso da IA no ensino. Faino no I foro europeo EducaIA que se celebrou en Santiago de Compostela coa participación de responsables educativos de dez comunidades autónomas, xunto con docentes e expertos na materia e a intervención por videoconferencia do director de Educación da OCDE, Andreas Schleicher.

Notas

Pasaban 22 minutos das 20.00 horas deste xoves 1 de outubro cando un vehículo de lanzamento Falcon 9 de SpaceX despegaba desde a base da Forza Espacial de Vanderberg (California) levando no seu interior o experimento CORTIS (Camara Observation & Radiation Test in Space), desenvolvido durante un ano polo alumnado da Universidade de Vigo que forma parte da asociación UVigo SpaceLab.
A Universidade da Coruña reuniu hoxe investigadoras e especialistas de referencia para reflexionar sobre os nesgos de xénero, sociais e discriminatorios presentes nos sistemas de intelixencia artificial (IA), así como sobre os retos éticos e tecnolóxicos que suscita o seu desenvolvemento e aplicación en ámbitos cada vez máis diversos da sociedade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES