Noticias

A mostra 'Mulleres Artistas' convida a reflexionar sobre o acceso da muller á ensinanza artística a través dunha exposición do Arquivo de Galicia

Foi inaugurada na Biblioteca e Arquivo de Galicia a exposición 'Mulleres artistas: aprendendo o oficio' enmarcada na programación con motivo do Día da Muller, que se celebra o vindeiro 8 de marzo. Trátase dunha mostra coa que se convida a reflexionar sobre o acceso da muller á educación artística e que se poderá visitar na Cidade da Cultura ata finais deste ano. A mostra artéllase a partir de documentos históricos orixinais de entre 1785 e 1962, procedentes de dúas institucións fondamente enraizadas na cidade de Santiago de Compostela: a Real Sociedade Económica de Amigos do País e da Escola de Artes e Oficios.

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe na Biblioteca e Arquivo de Galicia a exposición Mulleres artistas: aprendendo o oficio enmarcada na programación do Goberno galego con motivo do Día da Muller, que se celebra o vindeiro 8 de marzo. Trátase dunha mostra coa que se convida a reflexionar sobre o acceso da muller á educación artística e que se poderá visitar na Cidade da Cultura ata finais deste ano.

Tal e como explicou o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a mostra artéllase a partir de documentos históricos orixinais de entre 1785 e 1962, procedentes de dúas institucións fondamente enraizadas na cidade de Santiago de Compostela: a Real Sociedade Económica de Amigos do País e da Escola de Artes e Oficios. Neste percorrido por fotografías, regulamentos de funcionamento, informes, láminas ou exercicios afóndase, por exemplo, na escaseza de alumnas matriculadas ou a súa práctica inexistencia nos cadros de persoal do profesorado.

Así mesmo, na presentación Anxo M. Lorenzo destacou que esta mostra documental “é un pertinente recordatorio do difícil camiño ao que moitas mulleres se enfrontaron para conseguir o acceso á educación artística dun xeito igualitario, e tamén para lograr o recoñecemento social do seu talento”. Así, malia que nas clases altas e medias estaba socialmente aceptada a asistencia de mulleres a leccións de debuxo e pintura, lembrou o representante da Xunta de Galicia, “estas ensinanzas constituían un elemento máis dunha formación non encamiñada ao exercicio profesional”.

Neste sentido, a exposición amosa por exemplo expedientes para o establecemento dunha escola de nenas nos que se xustifica o interese de que as mulleres aprendan a debuxar en que poidan trasladar este coñecemento a labores tradicionalmente feminizados, “para que executen con gusto e propiedade os diferentes bordados“. Neste mesmo documento, de 1835, atópanse referencias a como a moralidade da época discriminaba as mulleres na asistencia a clases de debuxo natural da anatomía, ao propoñer ocultar parte da colección de figuras humanas da escola por atopárense “espidas e en actitudes non moi decorosas para a exposición do sexo inocente”.

‘Clase de pintura’, de Elvira Santiso

Mulleres artistas: aprendendo o oficio exhibe tamén unha reprodución do cadro Clase de pintura, de Elvira Santiso. O lenzo, pertencente á Real Sociedade Económica de Amigos do País e elixido como imaxe gráfica da mostra, representa precisamente un grupo de nenas e mulleres asistindo a unha lección de pintura. En 2024 foi exhibido no Museo do Prado como parte da exposición Arte y transformaciones sociales en España 1885-1910.

A pintora Elvira Santiso representou un caso excepcional na historia da escola de debuxo da Real Sociedade Económica de Amigos do País, onde foi alumna do retratista José María Fenollera Ibáñez para despois suceder o seu mestre no cadro docente. A obra de Santiso foi exhibida en diferentes cidades galegas e tamén en Madrid, Bos Aires ou Montevideo, obtendo diversos recoñecementos, entre eles a medalla Afonso X o Sabio, precisamente polo seu labor docente.

Serie ‘Mulleres sobranceiras’

Mulleres artistas: aprendendo o oficio súmase á serie de exposicións que, baixo o título Mulleres sobranceiras, o Arquivo de Galicia inaugura de xeito anual coincidindo coa conmemoración do Día Internacional da Muller. Sempre artelladas a partir dos seus fondos documentais, estas mostras afondaron nos últimos anos en cuestións como a condición de muller migrante ao longo da historia, os patróns de xénero no ingreso de mulleres en institucións de saúde mental como o Hospital de Conxo ou tamén en figuras históricas da nosa cultura como Concepción Arenal ou Luz Pozo Garza.

R., 2025-03-05

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES