Noticias

Ampliada a convocatoria da Residencia literaria da Cidade da Cultura a proxectos de narrativa, teatro e poesía en galego

Vénse de abrir o prazo de inscrición para a V Residencia literaria da Cidade da Cultura, que inicia unha nova etapa baixo a dirección da escritora e xestora cultural, Eva Mejuto. Esta nova convocatoria amplía a súa oferta para acoller, ademais de proxectos de narrativa, propostas teatrais e de poesía inéditos de autoras e autores emerxentes e escritos en galego. Ofrécense un total de 10 prazas, sete delas reservadas para persoas nacidas en 1989 e anos posteriores, que queiran perfeccionar as súas obras co acompañamento de autoras e autores de primeiro nivel nas letras galegas e españolas.

Nesta edición da Residencia literaria participarán como convidadas, entre outras, a dramaturga, escritora e narradora oral Paula Carballeira, Premio Nacional de Literatura Dramática en 2023, e Inés Martín Rodrigo, xornalista e escritora galardoada co Premio Nadal de novela en 2022.

Poderán presentarse a esta convocatoria novelas, poemarios, obras dramáticas e coleccións de relatos, orixinais e inéditos, con independencia do seu estado de desenvolvemento. Para favorecer o traballo e posta en común, os proxectos non poderán ter aplicado a ningún premio literario no momento da inscrición nin durante a celebración da residencia.

A participación está dirixida a persoas nadas ou residentes en Galicia e o prazo de inscrición está aberto ata o 4 de abril de 2025. A residencia desenvolverase entre os días 30 de xuño e 12 de xullo de 2025 na Cidade da Cultura, cos gastos de aloxamento e manutención cubertos pola organización.

Mellorar a escrita e aprender a publicar

A V Residencia literaria busca facilitar tamén ás autoras e autoras noveis un coñecemento total do mundo do libro, abordando cuestións fundamentais como os dereitos de autoría, a edición, a distribución e o coñecemento do sistema literario. Traballarase con profesionais do sector aspectos como a presentación dunha obra a unha editorial, a análise de contratos ou a promoción dos libros. A experiencia completarase con actividades como roteiros literarios e maridaxes lectoras.

A posta en común de prácticas e coñecementos nun espazo de aprendizaxe e confianza mutuo segue a ser o piar fundamental dun proxecto que iniciou o escritor e profesor de escritura creativa Javier Peña en 2021, e polo que pasaron xa medio cento de escritoras e escritores.

Neste tempo, participaron na Residencia literaria da Cidade da Cultura figuras destacadas da literatura galega actual como Berta Dávila, Ledicia Costas, Marilar Aleixandre ou Brais Lamela, así como as autoras Sara Mesa, Marta Sanz, Brenda Navarro e Irene Solà, todas elas escritoras sobresaíntes nas letras españolas. Ademais, son xa cinco os proxectos de narrativa que ocupan os andeis das librarías logo do seu paso pola Residencia literaria da Cidade da Cultura.

R., 2025-03-06

Actualidad

Foto del resto de noticias (museo_do_pobo_galego_2.jpg) Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

O concerto de Sofía Ros na Casa do Saber do Campus de Lugo este luns, 26 de outubro, ás 20.15 horas, abre unha nova semana ateigada de citas culturais na USC. Música, diversos faladoiros, así como proxeccións audiovisuais integrarán os vindeiros eventos do Outono Cultural. Ese mesmo 26 de outubr,o no Pazo de Montenegro, a partir das 17.30 horas, desenvolverase o primeiro dos encontros 'Memoria democrática'. María Valcárcel, profesora da USC e periodista cultural, é a persoa coidadora deste proxecto. O acceso require inscrición previa.
A música folk será neste 2026 a gran protagonista do ciclo Música para reCREAr, que a Vicerreitoría do campus promove coa colaboración do Concello de Pontevedra, ao abeiro dun convenio de colaboración. Esta programación botará a andar este xoves 29 de outubro, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, cunha actuación do grupo Caldo, mentres que o 12 de novembro, á mesma hora, poderá coñecerse o proxecto musical do dúo Abril.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES