
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentou hoxe a nova edición do podcast literario Entreliñas, o programa en formato radiofónico impulsado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para dar a coñecer a actualidade literaria galega e a actividade das bibliotecas públicas.
Na presentación, o representante da Xunta incidiciu en que se trata dunha fórmula atraente para achegarnos ao mundo do libro dunha maneira diferente cun formato que se adapta aos tempos de hoxe. Así, tal e como destacou, polos capítulos de Entreliñas xa teñen pasado autores e autoras como Marilar Aleixandre, Ismael Ramos, Estíbaliz Espinosa, María Solar, Ledicia Costas ou Dores Tembrás. Nesta edición dáse continuidade con nomes como a escritora Fina Casalderrey, que opta ao premio internacional Memorial Astrid Lindgren.
Os oito capítulos que se emitirán a partir de abril tamén porán o foco nos grandes acontecementos de 2025, apuntou Anxo M. Lorenzo antes de referirse a celebracións como as Letras Galegas, cun programa dedicado ás cantareiras, ou ao Ano Castelao. A estas temáticas uniranse, ademais, outros capítulos que versarán sobre a literatura de viaxes, o Día das Escritoras con Olga Novo, o traballo de Dorothe Schubart, estudosa da tradición oral galega, ou un percorrido por 130 anos de cinema e libros.
Como novidade nesta edición, introdúcense nos programas, conducidos por Eva Mejuto e Luz Pérez Costas, os clubs de lectura, unha sección na que se recollen os grupos máis senlleiros e orixinais xa sexa pola súa temática ou polos seus integrantes, entre outras cuestións.
Por outra banda, continuando coa liña de anos anteriores, no podcast inclúense lecturas de textos narrativos e poemas, así como recomendacións literarias feitas por persoas do mundo da cultura e un apartado de actualidade no que se dará conta de feiras, eventos, premios ou novidades literarias. Tamén ten cabida a música co obxectivo de dar a coñecer formacións galegas, e continuarase dándolle voz ás bibliotecas públicas galegas e as súas accións.
Entreliñas pode escoitarse a través das plataformas Spotify, Ivoox.
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.