Actualidad de Cultura

Noticias cultura

Foi inaugurada a exposición 'Cantareiras. Oralidade – Creación – Transmisión', impulsada polo Museo do Pobo Galego, no marco das homenaxes das Letras Galegas 2025. A mostra, que se pode visitar ata o 28 de setembro, salienta o papel das mulleres que, a través da súa voz, foron vehículo de transmisión da poesía popular oral galega ao longo das xeracións. A exposición, reúne fondos sonoros do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade do propio museo, material gráfico e documental, así como pezas cedidas por particulares. A proposta museográfica artéllase arredor da cadea de transmisión oral e incorpora unha perspectiva de xénero para recoñecer os espazos, formas e persoas que fixeron posible a conservación deste legado.
O audiovisual galego vén de acadar un novo fito coa selección na sección oficial do Festival de Cannes de dúas películas con participación galega. Sirat, do galego Oliver Laxe, e Romería, rodada en Galicia pola catalá Carla Simón, serán ademais as únicas producións españolas que competiran este ano pola Palma de Ouro, a máxima distinción do prestixioso certame francés, que desenvolverá a súa 78ª edición do 13 ao 24 de maio. A cuarta longa de Laxe forma parte da selección oficial cunha historia rodada entre Aragón e Marrocos e protagonizada por Sergi López e Bruno Núñez, nos papeis dun pai e o seu fillo que viaxan ao sur do país árabe na procura da súa filla e irmá.
Úbeda, tras interesarse dende novo pola pintura, viaxou a Madrid nun camión de peixe para vivir varios anos na capital. Dende aí, trasladouse a Holanda e Italia, gañando galardóns como o Gran Premio Roma e vinculándose a artistas do mundo do cinema como o director Federico Fellini ou o actor de comedias Totó. Na actualidade, continúa pintando no seu estudo de Samieira (Pontevedra). A exposición componse de 45 pinturas, 5 debuxos e unha peza audiovisual inédita para mergullarse no seu universo creativo. Úbeda desprega a súa vida en chave puramente artística e a súa obra pode entenderse como a construción dunha paisaxe interior-exterior que reflicte lugares, tempos e xentes.
A cidade da Coruña acollerá o vindeiro xoves 3 de abril a cerimonia de entrega dos XXIX Premios María Casares de Teatro, que congregará no Teatro Rosalía Castro unha ampla representación do sector escénico galego. Con dirección e dramaturxia de Fernando Dacosta, a compañía Sarabela Teatro será a encargada de conducir a gala desta 29ª edición, que tomará como referencia o concepto clásico das compañías ambulantes reflectido no cartel deste ano para poñer o foco nos diferentes oficios profesionais que conforman o feito teatral. O elenco estará integrado por Elena Seijo, Sabela Gago, Belén Constenla, Josito Porto, Fernando González e Víctor Mosqueira.
A programación presentada hoxe comprende a Cidade da Cultura, o Centro Galego de Arte Contemporánea e o Museo das Peregrinacións e de Santiago, en Santiago de Compostela; o Museo de Belas Artes, na Coruña; a Fundación Pública Camilo José Cela, no concello coruñés de Padrón; o Museo do Mar de Galicia, en Vigo; o Museo Massó, en Bueu; o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, na cidade das burgas; o Museo Etnolóxico e o Museo do Viño, no municipio ourensán de Ribadavia, e o Museo do Castro de Viladonga, na localidade lucense de Castro de Rei. O programa expositivo vai acompañado dun amplo plan de actividades xa consolidado en cada un dos centros museísticos, exercendo tamén así como importantes puntos de dinamización cunha coidada oferta de lecer cultural.
Foi presentada hoxe no Parlamento Europeo a mostra 'José Rodríguez. O matemático do Bermés', un novo fito na divulgación do legado deste científico galego, cunha fonda pegada a nivel internacional, coincidindo co bicentenario do seu pasamento. Trátase da última parada dunha mostra que comezou en Santiago de Compostela e continuou en Lalín e Madrid. Agora culmina no corazón da Europa, o que dá mostra da relevancia que o Matemático Rodríguez tivo e ten como figura universal da ciencia. A mostra, que contribuirá a divulgar a Matemático Rodríguez entre os representantes da política comunitaria e os visitantes do Parlamento, expón as súas contribucións á ciencia e reivindica o seu papel como unha das mentes máis brillantes de finais do século XVIII e principios do XIX.
A gala de entrega dos Premios da Cultura Galega 2024 celebrarase o vindeiro 23 de abril no Teatro Jofre de Ferrol. A celebración na cidade departamental segue a senda iniciada en 2019, cando os Premios da Cultura Galega se organizaron por vez primeira fóra da capital de Galicia, escollendo como acto para a cerimonia o mosteiro ourensán de Montederramo. Seguiulle nesta estratexia o Teatro Afundación, en Vigo, en 2020. Tras dous anos que se viron afectados pola pandemia, retomouse a súa descentralización coa celebración no Auditorio Gustavo Freire de Lugo, no ano 2023. O ano pasado escolleuse para este acto o convento de Santa Clara, en Pontevedra.
A sala Germán Coppini da Fundación SGAE en Santiago de Compostela acollerá os vindeiros 28 e 29 de marzo a estrea de Cicatriz, espectáculo de danza contemporánea coproducido por Artestudio e o Centro Coreográfico Galego, que aborda por primeira vez a inclusión nesta disciplina. A peza, con dirección e coreografía da bailarina galego-cubana Kirenia M. Acosta, pon en escena o poema homónimo do artista galego Antón Reixa nunha proposta interpretada a dúo por ambos os dous. Cicatriz é unha obra de trescentos versos que comezan coa palabra 'quero'.
O Centro Dramático Galego coproduce coa creadora Cris Balboa e o Centro Dramático Nacional o espectáculo Roland mon amour, que se estrea mañá no Teatro María Guerrero de Madrid, onde permanecerá en cartel ata o 20 de abril. Desde a sede da compañía pública estatal porá rumbo cara á da unidade teatral da Xunta de Galicia, no Salón Teatro de Santiago de Compostela, para ofrecer unha función o 10 de maio como parte do festival Escenas do Cambio, promovido pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Cris Balboa é a autora, directora e intérprete desta peza de artes vivas, que ela mesma define como “monodrama de desexo e música” e na que mestura o son electrónico, a acción escénica e o movemento para converter o teatro nun acto de conexión íntima e compartida.
O DOG publica a declaración do Entroido galego como BIC, feito co que conclúe o proceso deste recoñecemento co que se acredita o seu valor sobranceiro como patrimonio inmaterial do pobo galego, e que supón a aplicación do réxime de tutela da Lei de Patrimonio cultural. O decreto salienta a multitude de funcións sociocomunitarias e culturais que cumpre o Entroido. Neste senso, pon en valor o seu papel para 'reafirmar os lazos de identidade colectiva dun lugar, aldea, parroquia ou concello, a través da manifestación dun espírito lúdico e trouleiro' e, desta forma, favorecer nunha comunidade 'a sociabilidade, a integración e inclusión social e unha rica convivencia interxeracional'.
« Anterior | 18  de  290 | Siguiente »

Notas cultura

A formación e o cinema emerxente serán os “dous piares fundamentais”, como sinalan os seus responsables, da novena edición do Festival Internacional de Cine de Pontevedra Novos Cinemas, que se desenvolverá entre o 10 e o 15 de decembro, co apoio da Universidade de Vigo, o Concello de Pontevedra, a Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e o Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales.
O Festival de Jazz & Blues de Ribadeo, que este ano chega a súa décima edición, vense celebrando na vila ribadense coa participación dos mellores músicos galegos, nacionais e internacionais da música negra en xeral, tanto de jazz como de blues, soul, funky ou góspel. Polo seu escenario desfilaron figuras da talla de Hiromi, Nicholas Payton, Ray Gelato, Eric Sardinas, Andrea Motis, Marlango, Jorge Pardo, Zenet, Sumrrá, Abe Rábade, etc.
Cada día ao amencer, millóns de mulleres e nenas de todas as condicións sociais do sur da India adornan os limiares das súas casas con deseños xeométricos realizados con fariña de arroz -chamados kolams-, que en ocasións están inspirados na natureza. No transcurso do día, os kolams esvaecen pola choiva, pisados polos viandantes ou simplemente difuminados polo vento, convertendo estas preciosas creacións nunha arte perecedoira.
'Era unha débeda que tiñamos desde a Universidade', asegurou este martes o reitor Antonio López na Facultade de Filoloxía, na presentación da Cátedra Institucional Castelao, creada na USC, para promover a difusión e proxección cara ao futuro da vida e da obra de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e a lingua e a cultura galegas. O reitor asegurou que permitirá 'abrir as portas' do coñecemento arredor de Castelao e da súa época e levalo desde o ámbito académico á sociedade, converténdose nunha ferramenta 'fabulosa' para facer 'que a cultura chegue á cidadanía'.
A Cátedra Internacionl José Saramago e o grupo de investigación BiFeGa da UVigo acaban de lanzar unha nova proposta cultural para este outono, trátase do ciclo de cinema Mulheres (d)e Abril. As realizadoras e a revoluçao, unha reflexión crítica sobre a visión das realizadoras portuguesas en torno a tres momentos clave da historia de Portugal: o período colonial, o proceso político que culminou na Revolução dos Cravos, e a loita pola emancipación da muller e o movemento feminista.
Despois da estancia en Portugal co gallo do Festival da Plataforma Transfronteiriza do Teatro Amador, retomamos as actividades da XVII Mostra de Teatro Amador Terras do Orcellón' con novas forzas. O venres, día primeiro de novembro chega o grupo Disfunción Continua da Estrada (Pontevedra) coa comedia ENTRAÑAS NEGRAS para que botemos unhas risas coa historia de tres irmáns, Isaura, Hortensia e Aurora, que están a velar o cadáver do defunto marido de Isaura no pazo familiar, onde semella que os reloxos quedaron parados noutro tempo.
'Bravú XXX', documental producido por Nós Televisión para conmemorar o 30º aniversario dese movemento musical, poderá verse no vindeiro mes de novembro en 25 pequenos e medianos concellos da Coruña, co apoio da Deputación. O filme —incluído na programación do ciclo Outono das Artes, que organiza o departamento provincial de Cultura—, chegará a auditorios, edificios de usos múltiples, casas de cultura, bibliotecas, centros sociais, culturais e de ensino.
O son en todas as súas posibles representacións: o son que se escoita, o son que se mira, se presenta, se intúe e se lembra. O son como material e o son como significante. Este o eixo central e vertebrador da exposición Ollo á orella, 8 obras sonoras e unha partitura colectiva, que recolle creacións de dez artistas que teñen en común o seu paso pola Facultade de Belas Artes de Pontevedra. A exposición, que se pode visitar a partir do venres na Fundación Laxeiro, está comisariada polo profesor Ignacio Barcia
O profesor da Facultade de Filoloxía Joel Varela Rodríguez acaba de publicar en USC Editora o volume Más allá del Códice Calixtino. Otros textos en torno a Santiago el Mayor hasta el siglo XII, no que se recollen catro textos xacobeos inéditos anteriores á famosa guía medieval para as peregrinacións a Compostela. No libro recóllense ademais textos ou fragmentos de textos xa coñecidos e moi relevantes para o coñecemento do culto xacobeo, dende as súas orixes máis antigas ata o ano 1200, algúns deles revisados.
A AGAPI vén de facer públicos os proxectos seleccionados para a III Edición do AGAPI IMPULSA COPROS, un programa gratuíto de asesoría personalizada para mellorar e orientar no seu financiamento proxectos de coprodución para cinema e televisión. O comité desta III Edición, formado por profesionais de recoñecido prestixio dentro do ámbito da produción executiva, estivo composto por Raúl García de Meteórica Cine, Pilar Abades de Illa Bufarda e Javi Lopa de Undodez.


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES