
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participou hoxe no Parlamento Europeo na inauguración da mostra José Rodríguez. O matemático do Bermés, un novo fito na divulgación do legado deste científico galego, cunha fonda pegada a nivel internacional, coincidindo co bicentenario do seu pasamento. Trátase da última parada dunha mostra, organizada xunto á Real Academia Galega de Ciencias, que comezou en Santiago de Compostela e continuou en Lalín e Madrid. Agora culmina no corazón da Europa, o que dá mostra da relevancia que o Matemático Rodríguez tivo e ten como figura universal da ciencia.
No acto, onde estivo acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, tamén participaron o presidente da Real Academia Galega de Ciencias, Juan Lema; o alcalde de Lalín, José Crespo, e o presidente da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (Acsug) e académico, Juan José Nieto, ademais de eurodeputados galegos e do resto de España e traballadores do Parlamento.
O conselleiro salientou a transcendencia dun auténtico pioneiro cuxo traballo foi fundamental na definición do sistema métrico decimal tal e como o coñecemos hoxe. Ademais de agradecer a cantos fan posible a exposición, subliñou a súa conexión coas sociedades xeográficas máis avanzadas da época, un feito que demostra a enorme relevancia que tivo no progreso científico europeo. Ademais, recalcou a importancia de manter vivo o seu legado e de que Galicia siga apostando pola vangarda do coñecemento para impulsar novos avances en múltiples ámbitos.
A mostra, que contribuirá a divulgar a Matemático Rodríguez entre os representantes da política comunitaria e os visitantes do Parlamento, expón as súas contribucións á matemática e á astronomía e reivindica o seu papel como unha das mentes máis brillantes de finais do século XVIII e principios do XIX, cando desenvolveu o seu traballo.
Este momento supón un recoñecemento internacional á súa traxectoria e reforza a idea de que Galicia non só ten un pasado científico de prestixio, senón que tamén está decidida a preservar e divulgar o seu legado -declarou o conselleiro-. Logramos así que o mundo coñeza a importancia de José Rodríguez e o seu impacto na ciencia internacional.
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.