Notas de prensa

O ciclo Outono das artes levará en novembro o documental 'Bravú XXX' a 25 concellos da provincia

'Bravú XXX', documental producido por Nós Televisión para conmemorar o 30º aniversario dese movemento musical, poderá verse no vindeiro mes de novembro en 25 pequenos e medianos concellos da Coruña, co apoio da Deputación. O filme —incluído na programación do ciclo Outono das Artes, que organiza o departamento provincial de Cultura—, chegará a auditorios, edificios de usos múltiples, casas de cultura, bibliotecas, centros sociais, culturais e de ensino.

Os concellos que acollerán estas proxeccións serán Rois, Zas, Ordes, Culleredo, Sada, Curtis, Porto do Son, Miño, A Laracha, Carral, Neda, Negreira, Muros, Outes, San Sadurniño, Betanzos, Arzúa, Ribeira, Cedeira, Corcubión, Malpica, Melide, Carnota, Boiro e Muxía. Todas as proxeccións serán de balde.

A deputada de Cultura, Natividade González, presentou hoxe na sede provincial o calendario de pases, nunha rolda de prensa na que a acompañaron o condutor e un dos guionistas do filme, Xurxo Souto, e a directora, produtora e tamén guionista do documental, Ana Viqueira.

“Estamos falando dun movemento que marcou historia no mundo da música deste país, do que seguen bebendo moitos dos nosos músicos e músicas de agora”, afirmou González. “Por iso”, engadiu, “no departamento provincial de Cultura non podiamos menos que sumarnos á celebración deste aniversario e facilitar que o documental se poida ver por todo o territorio coruñés”.

Ana Viqueira agradeceu “a oportunidade de que o filme se proxecte, dentro do ciclo Outono das artes, en vinte e cinco concellos, pequenos e medianos, de forma aberta, de balde, para que toda a sociedade poida velo e desfrutalo e que a música e a cultura sexan un dereito e non un privilexio, como ben di o lema da área de Cultura da Deputación”. A directora referiuse á principal tarefa que tiveron por diante á hora de realizar o documental: “facelo desde a perspectiva do propio movemento bravú, que foi unha forza cultural, musical e colectiva que o revolucionou todo”.

Xurxo Souto reiteroulle os agradecementos á Deputación “por ponderar e difundir este gran cántico colectivo”. “Desde logo”, continuou, “hai trinta anos non pensabamos que a Deputación nos ía apoiar, pero si nos apoiou esta, que, como representación de todas, fixo de altofalante para este cántico”. Para o músico e profesor, o documental e a xira de proxeccións “son unha celebración da creatividade, pero da creatividade en colectivo, que é a clave de todo, a forma subversiva”. “O filme é xa fermosísimo desde a forma, en clave total de modernidade, cun acabado extraordinario, con momentos absolutamente emocionantes”, rematou.

“Bravú XXX” é un documental con formato de filme de estrada no que Xurxo Souto invoca o ‘cosmos’ e o espírito do movemento trinta anos despois do se nacemento. O que foi líder dos Diplomáticos de Monte Alto emprende unha viaxe que nos achega ao bravú, conectándoo e explicándoo desde dentro da historia musical de Galicia, e abordándoo coma unha viaxe colectiva, espontánea, honesta e aberta a todas e todos os espectadores. A ruta de Souto fai paradas para conversar con Paola Beiro (das Garotas da Ribeira), Nuno Pico (de Grande Amore), Xosé Manuel Pereiro (o Johnny Rotring de Radio Océano), Sés e Vacalouroas, tamén protagonistas ou herdeiros do bravú e mesmo algún ‘crítico’ gañado de vez e con entusiasmo para a causa.

As proxeccións

4 de novembro. Rois. CPI Os Dices. 16.45 h.
6 de novembro. Zas. IES Maximino Romero de Lema, en Baio. 12.45 h.
7 de novembro. Ordes. Auditorio da Casa da Cultura. 20.00 h.
8 de novembro. Culleredo. Edificio de Servizos Múltiples do Burgo. 19.30 h.
8 de novembro. Sada. Capela de San Roque. 20.00 h.
8 de novembro. Curtis. Edificio de Usos Múltiples de Teixeiro. 21.00 h.
8 de novembro. Porto do Son. Casa da Cultura de Portosín. 21.00 h.
9 de novembro. Miño. Auditorio do Centro Social da Rúa. 19.30 h.
13 de novembro. A Laracha. Casa da Cultura. 13.00 h.
14 de novembro. Carral. Casa da cultura. 20.00 h.
14 de novembro. Neda. Biblioteca Municipal 19.00 h.
14 de novembro. Negreira. Auditorio Afonso Eanes de Cotón. 20.30 h.
15 de novembro. Porto do Son. Casa da Cultura de Porto do Son. 21.00 h.
16 de novembro. Muros. Centro Cultural e xuvenil. 20.30 h.
16 de novembro. Outes. Auditorio da Casa da Cultural. 20.00 h.
16 de novembro. San Sadurniño. Casa da cultura. 19.30 h.
16 de novembro. Betanzos. Cine Alfonsetti. 20.00 h.
19 de novembro. Arzúa. EFA Piñeiral. 12.20 h.
21 de novembro. Ribeira. Auditorio Municipal. 11.30 h.
21 de novembro. Cedeira. Auditorio Municipal. 11.30 h.
22 de novembro. Corcubión. Capela de Pilar. 20.00 h.
23 de novembro. Malpica. Auditorio do Centro Cívico. 20.00 horas
29 de novembro. Melide. Centro Sociocultural Mingos de Pita. 20.00 h.
29 de novembro. Carnota. Salón de actos do Concello. 21.00 h.
30 de novembro. Boiro. Centro Social. 19.30 h.
30 de novembro. Muxía. Salón do Voluntariado. 20.00 h.

Deputación da Coruña, 2024-10-24

Actualidad

Foto del resto de noticias (fito-2026.jpg) O certame consolídase como un espazo de exhibición para o sector profesional galego e de achegamento da cidadanía ás novas linguaxes escénicas. Teatro de Ningures abrirá a programación o xoves 15 no Teatro Principal coa estrea absoluta de Thelma e Lola. Tamén presentará por primeira vez a súa nova proposta Arun Run, que levará Inorganic ás rúas de Ourense os días 17, 18, 23, 24 e 25. Pola súa banda, a iniciativa 67 Graos Ourense Fervescénica dará a coñecer novas creacións o mércores 21 na Sala Emilia Pardo Bazán do Campus de Ourense. No apartado internacional, a compañía arxentina El Rayo Misterioso regresará ao festival con Todo terminará por Navidad.
Foto de la tercera plana (20261002-xunta.jpg) Galicia comparte coas comunidades autónomas a súa Lei de Educación Dixital, unha normativa pioneira a nivel estatal que regulará por primeira vez o uso da IA no ensino. Faino no I foro europeo EducaIA que se celebrou en Santiago de Compostela coa participación de responsables educativos de dez comunidades autónomas, xunto con docentes e expertos na materia e a intervención por videoconferencia do director de Educación da OCDE, Andreas Schleicher.

Notas

Pasaban 22 minutos das 20.00 horas deste xoves 1 de outubro cando un vehículo de lanzamento Falcon 9 de SpaceX despegaba desde a base da Forza Espacial de Vanderberg (California) levando no seu interior o experimento CORTIS (Camara Observation & Radiation Test in Space), desenvolvido durante un ano polo alumnado da Universidade de Vigo que forma parte da asociación UVigo SpaceLab.
A Universidade da Coruña reuniu hoxe investigadoras e especialistas de referencia para reflexionar sobre os nesgos de xénero, sociais e discriminatorios presentes nos sistemas de intelixencia artificial (IA), así como sobre os retos éticos e tecnolóxicos que suscita o seu desenvolvemento e aplicación en ámbitos cada vez máis diversos da sociedade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES