Noticias

O Centro Dramático Galego coproduce o espectáculo 'Roland mon amour' que Cris Balboa estrea en Madrid

O Centro Dramático Galego coproduce coa creadora Cris Balboa e o Centro Dramático Nacional o espectáculo Roland mon amour, que se estrea mañá no Teatro María Guerrero de Madrid, onde permanecerá en cartel ata o 20 de abril. Desde a sede da compañía pública estatal porá rumbo cara á da unidade teatral da Xunta de Galicia, no Salón Teatro de Santiago de Compostela, para ofrecer unha función o 10 de maio como parte do festival Escenas do Cambio, promovido pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Cris Balboa é a autora, directora e intérprete desta peza de artes vivas, que ela mesma define como “monodrama de desexo e música” e na que mestura o son electrónico, a acción escénica e o movemento para converter o teatro nun acto de conexión íntima e compartida.

O nome da obra, escrita durante a temporada 2022-2023 do programa de Residencias Dramáticas do Centro Dramático Nacional, ten a súa orixe no sintentizador Roland JD Xi que Balboa empregou para a súa performance sonora Technocracia e co que agora lle pon música á súa nova proposta. Nela, a creadora galega amósase “sincera, irónica e doméstica” para compartir co público unha viaxe sonora desde a emoción e o goce, na procura da complicidade e a identificación coa súa fraxilidade.

Pases en galego

Para Roland mon amour, conta ademais coas achegas de Alberto Cortés na asistencia de dirección, Fran Lefrenk Fanzine, na musical, e Laura Iturralde, na iluminación. Durante a súa estadía en Madrid, o público terá a oportunidade de participar nun encontro co equipo tras o pase do 1 de abril, así como de gozar do espectáculo en galego, con subtítulos en castelán, nas representacións dos días 15 e 16 dese mes.

Fundadora da compañía Funboa Escénica, na traxectoria de Cris Balboa figuran montaxes como Technocracia (2020), O que segue (2019), Masa madre + sal marina (2018), Sushi gratis (2015), Sigue buscando (2013), Oiseau Rebelle (2011) e os monólogos Biolóxica (2013) e No me cuentes tu vida (2012). Na meirande parte dos casos, trátase de creacións colectivas a partir de diferentes procesos de escritura e composición escénica, sempre desde a identidade, o contexto e a necesidade de se infiltrar en calquera linguaxe artística.

Roland mon amour súmase ao programa de coproducións do Centro Dramático Galego para este ano 2025, dentro do que xa se estrearon os espectáculos Mala vida e pior morte do Rei Ricardo III, con Producións Teatrais Excéntricas, e Medea-Mamá-Monstro, con Laura Porto e Helena Varela, as dúas dentro do ciclo Clásicas Desfeitas promovido xunto á Cidade da Cultura de Galicia; rosalía, cartografía de ásperas ortigas. co colectivo portugués ASTA-Teatro e Outras Artes, e Fábrica de fume, dirixida por Celina Fernández Ponte e Ana Fontenla.

Esta última proposta pode verse os vindeiros domingos 23 e 30 de marzo no Salón Teatro, que a semana pasada acolleu a súa estrea en paralelo ás representacións de A burra, a mesa e o pau, a nova produción propia da compañía pública galega que tamén se mantén en cartel en Santiago de Compostela ata o 20 de abril.

R., 2025-03-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES