
Ademais de Antonio López interviñeron no mesmo acto o director da Cátedra, Henrique Monteagudo; o decano da Facultade, Elias Feijó e o secretario xeral da Lingua da Xunta de Galicia, Valentín García.
Henrique Monteagudo afirmou que coa creación desta cátedra e as dedicadas a Rosalía, Otero Pedrayo e Carvalho Calero se busca reforzar a dimensión cultural da Universidade e salientou o feito de que a vocación non é suplantar as institucións que traballan difundindo a obra e a vida do autor rianxeiro, coma a Real Academia Galega, o Museo de Pontevedra ou as fundacións Penzol e Castelao, senón buscar a colaboración de todas difundindo facetas do rianxeiro coma a de artista, debuxantes, escritor ou político.
Elias Feijó, decano do centro, cualificou de acto significativo e con visión de futuro a creación da cátedra, da que deberán xurdir iniciativas para entender mellor o presente e ter propostas de futuro. Mentres, o secretario xeral da Lingua da Xunta de Galicia, Valentín García, subliñou que a obra de Castelao está nos alicerces da cultura galega contemporánea e que foi unha figura cunha dimensión ampla, moi polifacética, que en todos os lugares polos que pasou deixou un ronsel, lembrando ademais que en 2025 se celebra o 75 aniversario do seu pasamento.
Mostra
Ao finalizar a presentación da Cátedra, as persoas asistentes realizaron un percorrido pola primeira exposición organizada desde esta: Castelao, de Sempre en Galiza ao Consello de Galiza (1934-1944). Poderase ver na Facultade de Filoloxía ata o 15 de xaneiro e con ela conmemórase o 80 aniversario da publicación do ensaio Sempre en Galiza, percorrendo as distintas etapas da creación desta obra a través de varios paneis informativos. Estes paneis están acompañados por unha selección de libros nos que se achega información sobre esa época histórica.
Iniciativas
A USC incorporou no Consello de Goberno do 23 de febreiro deste ano a cátedra institucional dedicada a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, centrada na figura, o pensamento e a obra deste representante sobranceiro da cultura galeguista contemporánea, e en particular da Xeración Nós, nas súas diversas vertentes: literatura, artes, identidade, idioma, xornalismo, cidadanía ou activismo político. Os seus obxectivos serán o fomento da investigación e da difusión a nivel estatal e internacional de Castelao e da cultura galeguista, a súa traxectoria e a súa obra, escrita, cívica e artística, promovendo iniciativas de distinto tipo (encontros, debates, conferencias, ou estudos, entre outros) e impulsando a colaboración entre institucións e con entidades da sociedade civil.
Desde a Cátedra, que conta co apoio da Xunta e do Parlamento de Galicia, denvolveranse ademais encontros académicos e actos divulgativos e produciranse materiais de distinto tipo, en particular, considérase prioritaria a creación dun sitio web de referencia, que deberá realizarse en colaboración con diversas entidades; tamén se organizarán actividades de fomento do desenvolvemento local na xeografía vital do autor, en particular na vila de Rianxo e nas cidades de Compostela e Pontevedra.
Así mesmo, dinamizaranse iniciativas e facilitaranse colaboracións con entidades relacionadas coa traxectoria, o pensamento e a obra do autor nos diversos campos -desde a Fundación Castelao ata o Museo do Pobo Galego-, e con aquelas vencelladas co estudo da tradición galeguista e coa memoria da Xeración Nós e das súas principais figuras. A tarefa de divulgación, en xeral, terá lugar en forma de difusión a través da rede, e, no posible, de forma itinerante a través de exposicións, coloquios e outras manifestacións públicas.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.