//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias cultura
Foi presentada a oitava edición do festival Alguén que respira!, unha cita organizada para poñer en valor o talento dos creadores galegos e a calidade das letras galegas a través da poesía. O festival Alguén que respira! celebrarase no Teatro Principal de Santiago de Compostela do 20 ao 22 de marzo. Durante esas tres xornadas haberá recitais, concertos e faladoiros onde participarán máis de 40 poetas, músicos ou performers como a autora galega Miriam Reyes; a poeta irlandesa Ailbhe ní Ghearbhuigh; os poetas palestinos Sammer Abu Hawwash e Mohamad Bitari, e o crítico literario Xosé María Álvarez Cáccamo, que será o responsable da lectura do manifesto da cita.
O Salón Teatro de Santiago de Compostela acollerá o vindeiro domingo a estrea do espectáculo Fábrica de fume, unha proposta de teatro comunitario que afonda no concepto de arte e industria a través da historia de Sargadelos. Celina Fernández Ponte e Ana Fontenla asinan a dramaturxia e a dirección de escena deste traballo que tivo a súa orixe no proxecto internacional de teatro en linguas minoritarias Phōnē e que coproduce agora o Centro Dramático galego. A montaxe conta coa interpretación dun elenco de 18 actores e actrices pertencentes a Fegatea: Nieves Pérez, Juanín Ares, Chus Devesa, Antonio V. Turnes, Pablo Fernández, Lola Roel, Valentín Entrialgo, Edita Álvarez, Guadalupe López, Carmen Lois, Sara Nieto, María José Lagoa, Quico Ramilo, Manuel Llilla, Lucía González, María José González, Reyes López e Ana Rosa Pavón.
O CDG retoma as representacións do seu último espectáculo de produción propia: A burra, a mesa e o pau, do que ofrecerá ata o 20 de abril cinco funcións semanais no Salón Teatro de Santiago de Compostela. A montaxe, con dirección e dramaturxia de Lorena Conde, conta cun elenco de 15 actores e actrices que integran Xúlio Abonjo, Maika Aguado, Beatriz Barcia, Xosé Manuel Esperante, Andrés Giráldez, Alixa Ladson, Roberto Leal, Mario López, Pablo Loureiro, Carla Mojón, Grial Montes, Paloma Otero, Paulo Serantes, Nelu Vermouth e Arantza Villar para dar vida a unha proposta escénica ideada como unha fábula arredor dunha familia obreira galega desexosa de atopar solucións máxicas para saír da súa precariedade.
A 20ª Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego abre a vindeira semana en Santiago de Compostela o calendario anual de festivais audiovisuais que veñen recibindo o apoio da Xunta a través da liña específica de subvencións para estes eventos profesionais. A programación estenderase do 12 ao 16 de marzo con 13 filmes a concurso, máis de 40 proxeccións fóra do certame e diversas actividades paralelas para todos os públicos entre as que destaca a sesión inaugural protagonizada polo documental O carro e o home, recentemente dixitalizado pola Filmoteca de Galicia.
Vénse de abrir o prazo de inscrición para a V Residencia literaria da Cidade da Cultura, que inicia unha nova etapa baixo a dirección da escritora e xestora cultural, Eva Mejuto. Esta nova convocatoria amplía a súa oferta para acoller, ademais de proxectos de narrativa, propostas teatrais e de poesía inéditos de autoras e autores emerxentes e escritos en galego. Ofrécense un total de 10 prazas, sete delas reservadas para persoas nacidas en 1989 e anos posteriores, que queiran perfeccionar as súas obras co acompañamento de autoras e autores de primeiro nivel nas letras galegas e españolas.
Foi inaugurada na Biblioteca e Arquivo de Galicia a exposición 'Mulleres artistas: aprendendo o oficio' enmarcada na programación con motivo do Día da Muller, que se celebra o vindeiro 8 de marzo. Trátase dunha mostra coa que se convida a reflexionar sobre o acceso da muller á educación artística e que se poderá visitar na Cidade da Cultura ata finais deste ano. A mostra artéllase a partir de documentos históricos orixinais de entre 1785 e 1962, procedentes de dúas institucións fondamente enraizadas na cidade de Santiago de Compostela: a Real Sociedade Económica de Amigos do País e da Escola de Artes e Oficios.
A Filmoteca de Galicia conmemora o Día da Muller durante todo marzo cunha nova edición do programa Olladas de Muller, coa proxección de 11 filmes e curtametraxes de autoría feminina, e con dúas actividades do ciclo Close-up, que ofrece un encontro con Jonás Trueba e Itsaso Arana e unha mesa de debate arredor da programación con perspectiva integradora. Neste mes, a cinemateca acolle un especial sobre o cineasta nipón Shinji Sōmai e dálle continuidade á retrospectiva sobre o director e produtor catalán Pere Portabella. Do 5 ao 8 de marzo regresa á sala José Sellier da Coruña o ciclo gratuíto Olladas de Muller, coa visita de tres directoras galegas para presentar as súas últimas películas: Prefiro condenarme, de Margarita Ledo Andión (mércores 5); Filmei paxaros voando, de Zeltia Outeiriño (xoves 6), e As Neves, de Sonia Méndez (venres 7).
O concurso escolar sobre o Día das Letras Galegas convocado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, e dirixido aos centros de ensino público, xa ten gañadores. Así, nesta edición a comisión avaliadora decidiu que os mellores traballos, coas cantareiras e a poesía popular oral como protagonistas, corresponden ao colexio Celso Emilio Ferreiro, do municipio coruñés de Cerceda, na categoría de Infantil e Primaria, e ao Instituto Castelao, de Vigo, na categoría de Secundaria. A iniciativa convidaba aos estudantes a elaborar unha exposición centrada na obra, a época e a situación sociolingüística da etapa histórica na que viviron as mulleres que protagonizan a efeméride en 2025.
A Biblioteca de Lugo organiza un 'escape room' para escolares de sexto curso de Educación Primaria de Lugo arredor da figura de Castelao, que se desenvolverá na Biblioteca Pública entre o 10 de marzo e o 21 de abril. Esta iniciativa combinará xogo e literatura para implicar aos rapaces e rapazas na celebración do Ano Castelao, resolvendo misterios e retos baseados nos seus textos, ilustracións e ideais. 'Pescudando en Castelao. O tesouro das cousas' propón un xogo de pistas que cada grupo de alumnos deberá resolver no prazo dunha hora. Os participantes, 'detectives literarios', deberán adentrarse na Biblioteca para descifrar unha serie de enigmas baseados na vida e obra de Castelao. A meta é descubrir unha mensaxe oculta que o autor deixou nos seus escritos e debuxos, e só superando todos os pasos poderán desbloquear a mensaxe final.
O festival internacional de animación Imaxinaria regresa por terceiro ano consecutivo á Coruña para amosarlle ao público galego unha selección das máis destacadas curtametraxes europeas neste ámbito. O certame desenvolverase do 12 ao 16 de marzo arredor dunha sección competitiva e varias paralelas, como a que se lle dedica este ano á animadora británica Joanna Quinn. Na sede coruñesa de Afundación poderán verse as 43 películas a concurso da Sección Oficial, das que 38 proceden de diferentes países europeos e, na súa meirande parte, terán aquí a súa estrea española ou galega. Entre as fitas seleccionadas, figura Sobre el rostro, da galega Uxía Larrosa Villanueva.
O xoves, día 17 de outubro, ás 19.30 horas en NORMAL, o Espazo de Intervención Cultural da Universidade da Coruña, terá lugar a inauguración da exposición Fío do Norte, comisariada por Juan Luis Toboso en diálogo con Filipa Ramos. O evento contará,ás 20:00 horas, co concerto de Carme López, que engadirá unha experiencia sonora única á inauguración.
A Intelixencia Artificial e os seus retos de futuro é a temática central da vindeira sesión dos Encontros de Lúa Chea que terá lugar este mércores 16, ás 19.00 horas, na cafetaría da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus de Lugo. Este programa de debate sobre cuestións de actualidade organizado polo colectivo universitario Proxéctate en Galego e incluído dentro da programación do Outono Cultural, contará nesta ocasión coas intervencións de Roberto Iglesias Rodríguez e Juan Antonio Corrales Ramón.
'Cando se fala hoxe en día de atopar a túa voz, penso que se fai referencia a unha certa maneira de ollar o próximo, de ollar o mundo', sinala o cineasta Álvaro Gago, quen situou no próximo, na contorna persoal, o punto de partida das curtametraxes que desenvolven co seu asesoramento nove estudantes de Belas Artes e Comunicación Audiovisual. O director de Matria é o responsable de impartir o obradoiro 'Cine rachado e consciente na praza do teu pobo'.
Trátase de 'O próximo baile, será comigo', de Sabela Losada Cortizas; 'Ofuscadas polo vicio da razón', de Yarama África; 'Non calarás', da Asociación Cultural Alexandre Bóveda; 'Altas luces', de Illa Bufarda; ' A historia vaxenial', de Artyc Content; 'Punto en boca. Costura e teatro', de Raquel García Crespo; 'As mulleres no xornalismo Galego: a crónica revelada', do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia; e 'A clase', de Mala Herba Producións.
A Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes inaugura a súa programación no presente curso cunha mostra na que o artista chileno César Gabler propón unha relectura da produción visual de Luis Seoane, partindo dunha serie de aspectos vinculados ao exilio, as vangardas e a cultura popular. Desenvolvida especificamente para esta sala, Ultramarinos Seoane é a primeira mostra en España deste artista e docente da Universidade de Finis Terrae de Santiago de Chile.
Este mes de outubro, as artes escénicas volven a ser as protagonistas da programación cultural de Ourense e fano da man da celebración do XVII Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO). O evento terá lugar do 16 ao 27 de outubro, principalmente na cidade das Burgas pero tamén en Celanova, e contará con 13 espectáculos de compañías galegas e foráneas. A programación foi presentada este mércores no Teatro Principal de Ourense por parte das entidades organizadoras, colaboradoras e patrocinadoras.
O Colexio de Fonseca acubilla ata o 16 de novembro a exposición 'Cantantes líricas galegas dos séculos XIX e XX. De Galicia aos teatros de Europa, América e África', que recupera a memoria de 23 mulleres 'extraordinarias, emprendedoras, valientes e protagonistas en moitos casos de éxitos internacionais', explicou o profesor de Historia da Música da USC Javier Garbayo na inauguración deste venres, que estivo presidida pola vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, que puxo de relevo o carácter científico do proxecto
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) continúa cos actos de homenaxe ao matemático José Rodríguez, Científico Galego 2024. Esta mañá presentouse na facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago o libro 'José Rodríguez González (1770-1824). Un matemático sublime'. Nesta publicación, coeditada pola RAGC e o Consello da Cultura Galega, faise un repaso pola traxectoria profesional e vital deste persoeiro ilustre.
Un total de 3.334 lucenses participaron na XLVI Semana de Cine de Lugo, tanto nas proxeccións nas cinco sedes do Festival, en Aspnais ou nos Centros Penitenciarios de Monterroso, Bonxe e Teixeiro, como nas actividades especiais organizadas con motivo da Semana. A maior parte dos participantes acudiron ao Auditorio, onde se contabilizan 1.509 persoas nas seccións Oficial, infantil e O mellor do ano.
Entre o 20 e o 28 de setembro, o Galician Freaky Film Festival convertiuse en Vigo St., grazas á celebración do VIII Galician Freaky Film Festival, o festival internacional de cinema freak e fantástico de Galicia. Seis día de proxeccións e actividades paralelas culminaron coa entrega de premios, na que se coñeceron os gañadores dos Dinosetos decapitados, que este ano eran prateados e con ollos vermellos, emulando ao T800 de Terminator.