Noticias

O Centro Dramático galego coproduce o espectáculo de teatro comunitario 'Fábrica de fume' inspirado na historia de Sargadelos

O Salón Teatro de Santiago de Compostela acollerá o vindeiro domingo a estrea do espectáculo Fábrica de fume, unha proposta de teatro comunitario que afonda no concepto de arte e industria a través da historia de Sargadelos. Celina Fernández Ponte e Ana Fontenla asinan a dramaturxia e a dirección de escena deste traballo que tivo a súa orixe no proxecto internacional de teatro en linguas minoritarias Phōnē e que coproduce agora o Centro Dramático galego. A montaxe conta coa interpretación dun elenco de 18 actores e actrices pertencentes a Fegatea: Nieves Pérez, Juanín Ares, Chus Devesa, Antonio V. Turnes, Pablo Fernández, Lola Roel, Valentín Entrialgo, Edita Álvarez, Guadalupe López, Carmen Lois, Sara Nieto, María José Lagoa, Quico Ramilo, Manuel Llilla, Lucía González, María José González, Reyes López e Ana Rosa Pavón.

O Salón Teatro de Santiago de Compostela acollerá o vindeiro domingo 16 de marzo, ás 12,00 h., a estrea do espectáculo Fábrica de fume, unha proposta de teatro comunitario que afonda no concepto de arte e industria a través da historia de Sargadelos. Celina Fernández Ponte e Ana Fontenla asinan a dramaturxia e a dirección de escena deste traballo que tivo a súa orixe no proxecto internacional de teatro en linguas minoritarias Phōnē e que coproduce agora o Centro Dramático galego co financiamento da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a colaboración da Federación Galega de Teatro Afeccionado.

Así o presentaron hoxe o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e o director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, xunto coas creadoras e representantes das entidades implicadas en Fábrica de fume. Todos eles coincidiron en sinalar o valor desta iniciativa, tanto pola súa metodoloxía de investigación levada a cabo polas autoras como pola construción estética colectiva sobre o escenario.

Así, a montaxe conta coa interpretación dun elenco de 18 actores e actrices pertencentes a Fegatea: Nieves Pérez, Juanín Ares, Chus Devesa, Antonio V. Turnes, Pablo Fernández, Lola Roel, Valentín Entrialgo, Edita Álvarez, Guadalupe López, Carmen Lois, Sara Nieto, María José Lagoa, Quico Ramilo, Manuel Llilla, Lucía González, María José González, Reyes López e Ana Rosa Pavón. Pola súa banda, as realizacións de vestiario e caracterización son obra do alumnado do Centro Integrado de Formación Profesional Paseo das Pontes (A Coruña) e do Instituto A Pinguela (Monforte de Lemos), baixo a coordinación de Ana Calviño, Rosa Mar Díaz e Luz Freire, en tanto que o deseño de iluminación o asinan As Dúas e Punto.

Investigación, pedagoxía e creación

Celina Fernández Ponte e Ana Fontenla levan desenvolvendo desde hai dous anos un traballo artístico e de campo que atravesa a excelsa historia da fábrica de cerámicas de Sargadelos, no que aplican a súa filosofía de entender a arte desde o diálogo coa cultura en xeral e a cidadanía. Mesturan o eido pedagóxico e comunitario, o de investigación artística a través da práctica escénica e a experimentación no propio Museo Histórico de Sargadelos. Este proceso remata co espectáculo comunitario Fábrica de fume, que nace ao abeiro do Centro Dramático Galego do marco proporcionado durante a pasada temporada polo proxecto Creativa Europa Phōnē, unha iniciativa única no panorama teatral do país que busca promover a lingua galega á vez que darlle visibilidade ao teatro amador conectándoo co profesional.

A peza afonda no concepto de arte e industria, explorando as temáticas que xorden ao centrar a atención nas persoas que traballan no ámbito fabril. As directoras inspíranse no fenómeno industrial de Sargadelos, extraendo del o material con maior potencial para a creación colectiva noutras fábricas e experiencias que combinan imaxinación e vivencias persoais arredor do traballo dos intérpretes participantes.

Integración de equipos

O obxectivo tamén é crear un espectáculo en paralelo ás liñas temáticas e de produción propia de cada ano do Centro Dramático Galego, poñendo en valor os recursos existentes, a integración cos equipos e o deseño das creacións profesionais anuais, ademais da colaboración con centros de Formación Profesional. Deste xeito, se en 2024 a compañía compostelá Nauta Teatro desenvolveu a obra O corazón na boca canda á produción pública Os actos e as profecías; en 2025 será Fábrica de fume a que dialogará con A burra, a mesa e o pau, servíndose do mesmo escenario.

O Salón Teatro, a sede do Centro Dramático galego en Santiago de Compostela, ofrecerá tres funcións de Fábrica de fume os domingos 16, 23 e 30 de marzo ás 12,00 horas. O acceso é gratuíto previa retirada de localidades no portelo do número 34 da rúa Nova, aberto desde unha hora antes do inicio de cada pase.

R., 2025-03-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES