
A Xunta de Galicia organiza un escape room para escolares de sexto curso de Educación Primaria de Lugo arredor da figura de Castelao, que se desenvolverá na Biblioteca Pública entre o 10 de marzo e o 21 de abril.
O delegado territorial, Javier Arias, presentou hoxe a iniciativa, que combina xogo e literatura para implicar aos rapaces e rapazas na celebración do Ano Castelao, resolvendo misterios e retos baseados nos seus textos, ilustracións e ideais. No acto participaron tamén o director territorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Manuel Antonio Fernández; a xefa do Servizo de Coordinación Cultural, Águeda Valín, e a directora da Biblioteca, María Isabel Pérez.
Arias destacou a boa acollida que está a ter a proposta entre os colexios do municipio, con trece centros anotados ata o momento. O prazo de inscrición remata o vindeiro venres, día 28.
Pescudando en Castelao. O tesouro das cousas propón un xogo de pistas que cada grupo de alumnos deberá resolver no prazo dunha hora. Os participantes, "detectives literarios", deberán adentrarse na Biblioteca para descifrar unha serie de enigmas baseados na vida e obra de Castelao. A meta é descubrir unha mensaxe oculta que o autor deixou nos seus escritos e debuxos, e só superando todos os pasos poderán desbloquear a mensaxe final antes de que remate o tempo.
O obxectivo do xogo é transmitir ás novas xeracións a relevancia da obra de Castelao e potenciar o interese pola literatura galega, constatando o seu importante papel na consolidación da identidade cultural de Galicia.
O proxecto parte da Dirección Territorial de Cultura e da Biblioteca Pública para fomentar o uso deste espazo como centro cultural entre a mocidade, cunha experiencia que reforza o traballo en equipo e estimula as habilidades para a resolución de problemas. Podería estenderse no futuro a outros puntos da provincia en función dos resultados que se obteñan nesta convocatoria.
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.