Notas de prensa

A captura de carbono da Rede Natura 2000 da cornixa cantábrica contrarrestaría as emisións de CO2 de España en dous anos e medio

As masas boscosas nas comunidades autónomas de Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco, Navarra e tamén nas provincias de León, Palencia e Burgos, en Castela e León, capturarían o carbono equivalente ás emisións de CO2 do conxunto de España durante un período de practicamente dous anos e medio. Así o constatou o grupo de investigación Proxectos e Planificación da USC.

O equipo do Campus de Lugo, liderado polo catedrático Manuel Marey, acaba de completar a cartografía do carbono total almacenado nos bosques existentes nos 301 espazos incluídos na Rede Natura 2000 de toda a cornixa cantábrica. Esta caracterización supón unha ferramenta para coñecer en profundidade a capacidade actual de capturar e almacenar carbono e resulta básica para deseñar as políticas de futuro de todo o territorio e, en especial, para contornas de interese ecolóxico.

O proceso iniciado no cumio da Terra (COP) desenvolvido en Río (1992), continuado pola COP3 de Kyoto (1997), reforzado na COP21 de París (2015) e na recente COP29 de Bakú (2024), foi consolidando dúas ideas importantes: a primeira, que a Era Industrial supuxo un incremento notable na concentración de CO2 na atmosfera; e a segunda, que a capacidade de captura (actuando como sumidoiros de carbono) e de almacenamento (actuando como reservorios) son as grandes vantaxes competitivas das masas forestais como base para a descarbonización, como xa se veu demostrando cientificamente nas últimas décadas. Para a determinación da cantidade de carbono almacenado, unha vez delimitados os 301 espazos da Rede Natura 2000, o equipo de Marey empregou a información máis actualizada do Mapa Forestal Español (MFE), ademais dos datos do Cuarto Inventario Forestal Nacional (IFN4), cos que se elaborou a cartografía das masas arbóreas dentro de cada espazo natural. A seguinte etapa foi a determinación da estrutura das masas forestais existentes nesas zonas boscosas, para a obtención de variables como número de árbores por hectárea, diámetros e especie, a partir do IFN4. Así mesmo, mediante ferramentas de procesado de bases de datos espaciais asociouse a información das árbores á superficie de bosque.

Finalmente, a aplicación de ecuacións alométricas á información obtida nas etapas anteriores permitiu estimar a cantidade de carbono almacenado (reservorio). Así, para cada un dos espazos naturais ofrécense distintos parámetros: o conxunto da biomasa aérea, a biomasa radical, a suma das dúas e, finalmente, os quilogramos de carbono. O pasado 7 de xullo, a presidencia da Unión Europea presentaba o documento denominado Folla de ruta cara aos créditos da natureza. Dende PROePLA lembran que se trata dunha aposta clara para dotar economicamente —un compromiso do 10% do orzamento da UE para o período 2025-2027— e establecer “un marco de referencia para todos aqueles investimentos que apoien actuacións do sector primario europeo que contribúan ao mantemento da biodiversidade e a loita contra o cambio climático”. Unha das condicións nas que incidiu a presidenta Ursula Von der Leyen é que todas estas accións deben contar coa máxima garantía, tanto nos seus estándares como nas regras que o regulen e, por tanto, na calidade dos datos de partida, algo ao que contribúe este traballo desenvolvido dende a USC.

Euskadi, Navarra e Burgos

A superficie de bosques no conxunto dos espazos de Rede Natura 2000 na cornixa cantábrica supón algo máis de 1.187.000 hectáreas. Sobre este aspecto, dende o equipo liderado por Manuel Marey especifican que estas áreas protexidas non se atopan maioritariamente arborizadas, senón que soamente o 48,5% en mediana da superficie destas zonas é bosque. Concéntranse principalmente na zona oriental (Burgos, Euskadi e Navarra), onde practicamente a totalidade das súas áreas protexidas teñen máis dun 50% de formación boscosa, mentres que na zona occidental (Cantabria, Asturias, Galicia e León) a maioría das súas áreas protexidas non alcanzan o 50% de superficie cuberta por árbores. Os resultados de medición de carbono indican que os 301 espazos naturais protexidos, a día de hoxe, suman máis de 1.187.000 hectáreas de bosque, que acumulan 391,5 millóns de toneladas de biomasa e que supoñen 192 millóns de toneladas de carbono. Dende PROePLA aclaran que nunha tonelada de CO2 hai 0,273 toneladas de carbono, polo que o seu equivalente en CO2 serían 703,3 millóns de toneladas. Se temos en conta que os últimos datos de emisións de España (ano 2023) cifran 287,7 millóns de toneladas de CO2, pódese inferir que o carbono capturado polos bosques da Rede Natura 2000 na cornixa cantábrica contrarresta as emisións de todo o Estado por un período de 2,4 anos.

Bosques máis maduros

Se trasladamos o almacenamento de carbono por unidade de superficie, obsérvase como a mediana se sitúa en 122,7 toneladas por hectárea cunha gran variabilidade (medida en termos de desviación estándar), por encima das 100 toneladas por hectárea. Naquelas áreas nas que a superficie forestal arborizada está formada por bosques maduros (zonas de Navarra, Euskadi, diferentes zonas das montañas do leste de Asturias e Norte de Castela e León ou zonas de Galicia na contorna do río Eo, Ancares e O Courel), a cantidade de carbono fixada por hectárea supera as 193 toneladas. No extremo contrario atópanse zonas protexidas nas que as formacións forestais son novas ou están formadas por árbores de pequeno porte, como é o caso das Bárdenas Reales en Navarra, as Hoces del Alto Ebro (Burgos), o val de San Emiliano en León ou a Serra do Careón, no interior de Galicia.

Mixturando

O equipo levou adiante esta iniciativa no marco do proxecto Mixturando, que desenvolve novas estratexias de valorización do bosque mixto atlántico en espazos protexidos de Galicia e Asturias, nas que se presta especial atención á capacidade de rexeneración despois dos incendios forestais. Mixturando é un proxecto no que PROePLA ten como socios ao Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) ourensán de Limia-Arnoia, ao pontevedrés Terra e Auga e ao asturiano Camín Real de la Mesa. Mixturando conta co apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2025-07-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (electrofauna-2026.jpg) A cuarta edición de Electrofauna vaise desenvolver ata o sábado 1 de agosto na contorna do parque de Vista Alegre de Santiago de Compostela, con música ao vivo, rutas de descuberta natural, visitas guiadas, proxeccións, artesanía, danza, obradoiros e demais actividades inspiradas no respecto ambiental e deseñadas para todos os públicos. Na programación musical destacan as actuacións das galegas Zeltia Irevire, Catuxa Salom, Peitoescuro, High Paw, XianPais e Terra DJs, ademais de DJ Daasanach, DJ Eva Chloé e Bstudio Danza. Esta carteleira únese aos concertos internacionais de Asmaa Hamzaoui & Bnat Timbouktou, chegadas desde Marrocos, Nidia Góngora coa súa última formación Nuevos Ríos con artistas de Colombia e Francia (Canalón de Timbiquí e Reco Reco) e Tiraya, orixinario de Venezuela.
Foto de la tercera plana (medio-ambiente.jpg) Galicia consolídase como unha das comunidades máis eficientes na xestión de residuos municipais cunha mellora que rolda os dez puntos na taxa de reciclaxe. Os datos remitidos pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico para a súa inclusión na Memoria anual de xeración e xestión de residuos indican unha importante evolución de Galicia na consecución dos obxectivos establecidos pola Unión Europa. Estes datos, correspondentes ao exercicio de 2024, estiman unha mellora de ata 10 puntos na taxa de reciclado (do 20 ao 30%), e situando a Galicia nunha posición destacada a nivel nacional.

Notas

Cunha xuntanza celebrada na Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, na que participaron representantes da Xunta e das tres universidades do SUG, iniciáronse os traballos para a elaboración do Plan Galego de Financiamento Universitario 2028-2032. O período 2028/32 manterá a estrutura do plan vixente, incluíndo as novidades incorporadas ao SUG nos últimos anos, como a matrícula gratuíta ou a Fundación Galtia, e as esixencias económicas que supón para as comunidades o programa María Goyri.
A European Society for the Study of English, a asociación de maior relevancia nos estudos ingleses en Europa, desenvolverá o seu 18º congreso internacional en Santiago do 31 de agosto ao 4 de setembro. Este encontro reunirá preto de 800 investigadores de máis de 33 países europeos, ademais de Xapón, Estados Unidos, Canadá ou a India, que debaterán sobre os avances no campo da lingüística inglesa e da literatura e a cultura dos países anglófonos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES