Noticias

Rueda asegura que o novo modelo de financiamento rompe 'principios irrenunciables' como a solidariedade e a igualdade entre comunidades

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, tras manter hoxe un encontro co seu homólogo na Rioxa, Gonzalo Capellán, volveu rexeitar a proposta de modelo de financiamento autonómico feita polo Goberno central xa que rompe a solidariedade e a igualdade entre as comunidades. 'No caso de Galicia, saímos especialmente prexudicados porque se rompen principios que para nós son absolutamente irrenunciables como a negociación conxunta, a exclusión de bilateralidades, o mantemento da solidariedade e da igualdade en servizos básicos entre todos os territorios', apuntou. 'Somos algo máis do 6,5% da poboación axustada de España e na nova repartición non chegariamos nin ao 3% dos recursos'.

Así mesmo, destacou que 'máis da metade, o 55% dos recursos a maiores que se poñen no novo modelo, correspóndenlle a unha soa comunidade autónoma que, casualmente, é a que negociou co Goberno, polo que unha vez que se puxeron de acordo, agora pretenden que todas as demais, co que sobrou, empecemos a discutir e a pelexarnos'.

Así, reclamou unha revisión do sistema negociada en igualdade no consello de Política Fiscal e seguindo os principios da Declaración de Santiago que asinaron oito comunidades –entre elas A Rioxa– en 2021. 'Galicia non vai discutir, vai seguir insistindo en que é necesario sentarse conxuntamente e estar o tempo que faga falta ata que cheguemos a un modelo que nos sirva a todos', insistiu.

Nese sentido, destacou a oposición unánime do resto de comunidades á proposta realizada polo Ministerio de Facenda –salvo Cataluña–, 'algo que non é fácil', e lembrou que o novo modelo proposto rebaixa a ponderación de dúas variables críticas en Galicia para o encarecemento da prestación de servizos públicos como son a dispersión e o avellentamento.

Nova mouteira en Logroño

Alfonso Rueda aproveitou a súa viaxe á capital rioxana para participar na inauguración dunha nova mouteira do Camiño de Santiago nas inmediacións da Concatedral de Santa María La Redonda, co fin de seguir promovendo e divulgando a ruta xacobea.

O titular da Xunta lembrou que o pasado 2025 pasará á historia como o ano no que máis peregrinos se rexistraron, con 530.987 Compostelas outorgadas. Ademais, o Camiño Francés sigue sendo a ruta máis transitada, con 242.175 peregrinos rexistrados (un 3% máis que o ano anterior). 'Pois ben, deses case 250.000 peregrinos, non menos de 60.000 eran de longo percorrido e antes de chegar á Catedral atravesaron moitos lugares, entre eles A Rioxa e, por suposto, a cidade de Logroño', destacou.

Con todo, asegurou que o Goberno galego xa traballa intensamente no Xacobeo 2027 para que siga a ser emblema dunha marca internacional como é Galicia Calidade. 'Queremos que o ano 27 sexa un ano moi especial, polo que apostamos por facer unha gran programación cultural de difusión e tamén de integración con todas as comunidades de España que teñen algún dos camiños recoñecidos oficialmente', sinalou Rueda, asegurando que o obxectivo é que 'xa este ano, pero especialmente o que vén, a celebración do Xacobeo se note non só en Galicia, senón tamén no resto dos territorios e, especialmente, nos que teñen esa identidade tan xacobea como é A Rioxa'.

Visita CIPFP Camino de Santiago

Así mesmo, o presidente da Xunta tamén visitou a Escola de Hostalería e Turismo da Rioxa, CIPFP Camino de Santiago, en Santo Domingo de la Calzada, que comparte con Galicia, a través do CIFP Carlos Oroza de Pontevedra, un proxecto de excelencia centrado na innovación e sustentabilidade, destacando a colaboración para a economía circular e o aproveitamento de produtos locais, unindo así a FP galega e rioxana na vangarda hostaleira.

Unha visita que serviu 'para ver a colaboración que estamos a facer nunha aposta dobre: primeiro pola formación profesional, xa que creo que tanto en Galicia como na Rioxa temos claro que na potenciación da FP está o futuro de moitos sectores económicos polo que temos que coidalo especialmente; e, ao mesmo tempo, pola gastronomía', asegurou.

R., 2026-01-16

Actualidad

Foto del resto de noticias (incendios-xente.jpg) O Consello da Xunta analizou na súa reunión de hoxe un informe da Consellería do Medio Rural sobre o anteproxecto de Lei de loita contra os incendios forestais de Galicia (LLCIF), antes da súa remisión para consulta ao Consello Forestal de Galicia, cuxa reunión está prevista para mañá martes. A futura normativa prioriza reforzar a protección da poboación e a xestión integral do territorio. O presidente do Goberno autonómico, Alfonso Rueda, lembrou que actual lexislación sobre incendios forestais 'ten case 20 anos' e 'cómpre actualizarla e adaptala aos novos tipos de lumes así como aos avances que houbo tanto na loita como na prevención de incendios'.
Foto de la tercera plana (tecnoloxia-cuantica.jpg) Galicia é a rexión que máis solicitudes presentou en Europa para participar en proxectos interrexionais de I+D+i. Así o indican os datos da Vanguard Initiative, alianza europea da que a nosa Comunidade forma parte, xunto a outras rexións, para estimular o crecemento europeo da I+D+i a través da colaboración entre territorios de distintos países e a especialización intelixente. Precisamente a Xunta vén de publicar a convocatoria VInnovate Galicia, unha liña de axudas para organismos de investigación e empresas que presenten proxectos con outras rexións. Para poder candidatar á convocatoria VInnovate Galicia da Xunta, cuxo prazo de presentación de propostas está aberto desde hoxe ata o 19 de outubro, os posibles participantes teñen que presentarse antes á fase europea.

Notas

A iTERRA Night 2026 achegará o 25 de setembro a investigación que se realiza dende o Instituto de Saúde Global e Desenvolvemento Sostible do Campus Terra da USC á cidadanía a través dunha tarde de ciencia, experimentación e aprendizaxe para diferentes idades. A iniciativa desenvólvese no soto da Praza de Abastos lucense como evento asociado á European Researchers’ Night, unha iniciativa das Marie Skłodowska-Curie Actions (MSCA).
Os laboratorios do Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo (CINBIO), pertencente á Rede Cigus, volveron converterse nun espazo aberto á cidadanía coa celebración dunha nova edición da súa xornada de portas abertas, unha iniciativa integrada no programa de divulgación científica Ciencia con C de CINBIO. Máis de 80 persoas de diferentes idades participaron nesta actividade, deseñada para achegar a investigación que se desenvolve no centro ao público dun xeito participativo e próximo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES