
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, presumiu da solidariedade sen límites da cidadanía galega ao dar a coñecer que Galicia volve bater o seu propio récord con 429 transplantes e 143 doadores de órganos durante o ano 2025.
Así o indicou nunha rolda de prensa de balance da actividade en materia de transplantes da Axencia Galega de Doazón de Órganos (ADOS), na cal estivo acompañado da directora da axencia, Marisa López, e pola coordinadora autonómica de transplantes, Encarnación Bouzas.
Grazas á xenerosidade dos galegos e á profesionalidade dos equipos dos nosos hospitais, conseguimos realizar máis dun transplante diario, o que se traduce en máis dunha vida salvada por día, resaltou o conselleiro de Sanidade.
Da cifra total de transplantes do pasado ano, 229 foron de ril, dos que 22 procedían de doadores vivos; 116 de fígado; 7 de páncreas; 26 de corazón e 51 de pulmón.
Estes 429 transplantes beneficiaron a un total de 420 pacientes, tendo en conta que algúns casos foron de transplantes multiorgánicos.
Gómez Caamaño, ademais dos bos datos da actividade, destacou os fitos segundo distintos tipos de transplantes realizados. Os transplantes pancreáticos, que son os máis complexos, experimentaron a maior subida: incrementáronse un 75 % con respecto ao ano anterior, desde os 4 realizados en 2024 aos 7 de 2025.
Tamén puxo de relevancia a suba do 10 % nos transplantes renais, que bateron un novo récord, acadando a cifra máis alta desde que no ano 1981 comezou o programa de transplantes en Galicia. Tamén en 2025, a sanidade galega acadou a terceira cifra máis alta de transplantes pulmonares desde que en 1999 comezou este programa no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.
En canto á doazón de tecidos, en 2025 contouse con 211 doadores de córneas, 64 de ósos e 36 de segmentos vasculares.
Así, taxa de doadores continúa subindo, un 4 % sobre o ano anterior, achegándose á taxa de 53 doadores por millón de habitantes (52,8 en concreto), superando as recomendacións da Organización Nacional de Transplantes.
Consolidación da doazón en asistolia
Gómez Caamaño sinalou como factor clave do crecemento dos transplantes a consolidación de doazón en asistolia, posto en marcha en 2012.
En 2025 os transplantes de persoas falecidas por criterios circulatorios e respiratorios tras unha limitación de tratamento de soporte vital superaron por primeira vez en Galicia ás doazóns de morte encefálica.
No que se refire á causa da morte dos doadores, os factores principais foron os accidentes cerebrovasculares, cun 53 %, seguidos dos traumatismos cranioencefálicos por accidente non de tráfico, cun 11 %, mentres que os accidentes de tráfico foron o 1 %. No que respecta á idade media dos doadores, foi de 62 anos.
Nese sentido, a aprobación da Lei Orgánica de regulación da eutanasia, desde o ano 2021 permitiu que 60 persoas puidesen ser transplantadas grazas á xenerosidade destes doadores.
O conselleiro de Sanidade agradeceu o apoio de todos os familiares, que moitas veces son os responsables de cumprir os desexos da persoa que decide doar e regalar segundas oportunidades.
En concreto, 8 de cada 10 familias din si á doazón, situando as negativas familiares por debaixo do 20 % -no 19,7 %, 3 puntos menos respecto ao ano anterior e consolidando unha tendencia decrecente.
Desde a posta en marcha do programa de doazón e transplante, no ano 1981, ata o remate do 2025, en Galicia lévanse realizado un total de 10.404 transplantes de órganos. Máis de 3.600 galegos son doadores de órganos, con 128.000 persoas rexistradas como doantes, das cales 1.881 se sumaron o pasado ano.
Rede entre comunidades
Gómez Caamaño falou do éxito e bo funcionamento do sistema, que se debe á existencia dunha rede sólida e cohesionada a nivel autonómico e nacional.
Esta rede permitiu, só no 2025, que 99 galegos puidesen ser transplantados grazas ao intercambio entre comunidades e que 66 dos doadores galegos entregasen os seus órganos a persoas doutras partes de España. Actualmente 266 persoas agardan por un transplante.
Accións educativas
No curso 2024-25, a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue realizou máis dun cento de charlas para fomentar a doazón e nas que tomaron parte preto de 7.000 alumnos e alumnas de centros educativos galegos.
Ademais, convocouse no pasado curso escolar o X Concurso Universitario de curtametraxes sobre doazón e transplante de medula ósea; o VII Concurso escolar de carteis relacionados coa doazón e os transplantes de órganos para estudantes de 5º e 6º de primaria e 1º, 2ºe 3º da ESO; e o XI Concurso de curtametraxes para escolares relacionados coa doazón e os transplantes de órganos, dirixido ao alumnado de bacharelato e ciclos formativos de grao básico, medio e superior.
Formación de profesionais
Durante 2025 tamén se continuou co programa de formación especializado en doazón e transplantes de órganos para os profesionais do sistema público de saúde de Galicia, no que se levaron a cabo nove cursos sobre procesos de doazón e transplantes, nos que tomaron parte máis de 3.000 profesionais sanitarios.
A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, participou esta mañá nunha mesa redonda sobre tecnoloxías cuánticas organizada por Telefónica no marco do Mobile World Congress, o maior evento mundial en conectividade. Nesta sesión, baixo o título Telefónica Quantum Telco: o teu partner de referencia para a cuántica aplicada e centrada na presentación da estratexia global de Telefónica en tecnoloxías cuánticas aplicadas, a representante da Xunta de Galicia afirmou que a aposta temperá e continuada da nosa Comunidade por estas tecnoloxías responde ao obxectivo de converter a Galicia nun nodo de referencia neste ámbito no sur de Europa.
Dancingalicia está aberto a grupos, solistas, dúos e tríos e abrangue disciplinas como a danza clásica -ballet clásico, neoclásico e repertorio-, lírica -danza contemporánea, lírica e jazz lírico-, fusión -jazz, show-dance, baile moderno, etc.- e acro, modalidade na que predominan os elementos acrobáticos dentro da coreografía. A organización prevé que a edición de 2026 supere as cifras de participación e asistencia de anos anteriores.