Noticias

O pop do dúo galego-portugués Mocho Gris e da viguesa La Toñi poñen a banda sonora desta semana en 'Atardecer no Gaiás'

O tránsito de xullo a agosto en Atardecer no Gaiás chega con Mocho Gris e La Toñi, dúas propostas pop diferentes para o ciclo de concertos ao aire libre na Cidade da Cultura. O xoves 31 de xullo o dúo galego-portugués formado por Lucas de Centi (líder das bandas galegas Néboa e Mel) e João Neves (artista luso colaborador de Baiuca) actuará no escenario da Praza central cunha proposta que reúne elementos do indie, da electrónica e do jazz para darlle unha volta á música pop de ambos lados do Miño. Mocho Gris presentará o seu disco debut, titulado 2, un álbum que atravesa os códigos do pop alternativo e da canción tradicional galega e portuguesa.

O venres 1 de agosto será La Toñi quen actúe na Praza central da Cidade da Cultura, cunha proposta entre o europop e o punk con sintetizadores. O proxecto en solitario da cantante viguesa, coñecida por ser a voz e líder do grupo Dalsi, ofrecerá un repertorio de temas que falan de amor e de resacas emocionais nos que se celebra a amizade e a tristura é para bailala.

Tanto os concertos do xoves como do venres darán comezo ás 21,00 horas e o acceso é libre e gratuíto.

Tres 'Atardeceres' máis en agosto

No mes de agosto Atardecer no Gaiás programa tres citas máis para os xoves e venres á tardiña. O xoves día 7 actuarán as pontevedresas afincadas en Berlín Melodiam, que traen cancións vitalistas a base de electrónica e ritmos urbanos. O venres 8 subirán ao escenario os gañadores do certame Xuventude Crea organizado pola Dirección Xeral de Xuventude da Consellería de Cultura, a cantante e compositora Sara Gimeno, o trío de música contemporánea Slimak e o grupo Lontras coa súa fusión de jazz e indietrónica.

Os derradeiros concertos desta décimo quinta edición de Atardecer no Gaiás, que volve contar co patrocinio de Cervezas Alhambra, serán o xoves 21 de agosto. Esa tarde actuarán Futurachicapop, unha das voces máis orixinais do pop actual en español e o DJ compostelán Kike Varela, coñecido por fusionar a electrónica coa música tradicional galega.

Atardecer no Gaiás, que volve contar en 2025 co patrocinio de Cervezas Alhambra, encádrase na campaña Para gustos, cultura, promovida pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para este verán. O ciclo inclúe nesta décimo quinta edición un total de 11 datas e 16 artistas os xoves e venres ata o 21 de agosto. Todos os concertos son gratuítos.

R., 2025-07-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES