Notas de prensa

A UDC participa no proxecto ALLOCATE, unha iniciativa para aplicar a Intelixencia Artificial á mellora dos servizos públicos urbanos

O proxecto ALLOCATE, dotado cun orzamento de 5’5 millóns de euros, está coordinado polo Concello da Coruña e conta coa participación como socios da Universidade da Coruña a través do CITIC, o Cluster TIC de Galicia, Altia Group e a consultora Khora UrbanThinkers. A través do desenvolvemento de infraestruturas que permitan a experimentación e a co-creación de IA, o proxecto impulsará a competitividade económica da cidade da Coruña, contribuirá a reducir a súa pegada medioambiental e garantirá un desenvolvemento urbano inclusivo.

O Salón Real do Palacio Municipal da Coruña acolleu hoxe o acto de sinatura do convenio de colaboración do proxecto europeo ALLOCATE (Accelerating Local Leadership by Open Computing and AI for Technological Empowerment), unha iniciativa estratéxica que ten como obxectivo promover solucións innovadoras baseadas en Intelixencia Artificial (IA) e sustentabilidade para mellorar os servizos públicos e o benestar da cidadanía.

No acto desta mañá participaron a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao; o presidente do Cluster TIC de Galicia, Antonio Rodríguez del Corral; o presidente de Altia Consultores, Tino Fernández; e o representante de Khora Urban Consulting, Daniel Ayala.

Durante a súa intervención, o reitor da UDC subliñou que “ALLOCATE representa un paso decisivo cara a unha cidade máis intelixente, sostible e centrada nas persoas”, destacando a integración de dúas liñas de investigación desenvolvidas polo grupo LIDIA no proxecto FRUGAL-AI e en colaboración coa Cátedra de Algoritmos Verdes e o CITIC, centro de referencia en tecnoloxías da información e a ciencia de datos: a IA Green-in, centrada na eficiencia enerxética dos algoritmos, e a IA Green-by, orientada a resolver retos sociais e ambientais.

O reitor destacou tamén o proxecto no impulso do ecosistema da Cidade das TIC, consolidando a colaboración entre administración pública, universidade e sector tecnolóxico. “É un exemplo de como a cooperación institucional pode dar lugar a proxectos transformadores que melloran a vida das persoas”, concluíu Cao.

ALLOCATE

O proxecto ALLOCATE, dotado cun orzamento de 5’5 millóns de euros, está coordinado polo Concello da Coruña e conta coa participación como socios da Universidade da Coruña a través do CITIC, o Cluster TIC de Galicia, Altia Group e a consultora Khora UrbanThinkers. A través do desenvolvemento de infraestruturas que permitan a experimentación e a co-creación de IA, o proxecto impulsará a competitividade económica da cidade da Coruña, contribuirá a reducir a súa pegada medioambiental e garantirá un desenvolvemento urbano inclusivo.

A iniciativa suporá un importante investimento en infraestrutura na Cidade das TIC, contribuíndo a fortalecer o ecosistema tecnolóxico local. Participarán inicialmente 40 empresas a través dunha nova Comunidade de Computación Local (LCC), impulsada polo Cluster TIC, das que 10 PEMEs e start-ups serán seleccionadas para probar tres casos de uso urbano reais: mobilidade sostible en bicicleta, optimización do servizo de residuos urbanos e mellora da xestión de incidencias municipais.

O proxecto desenvolverase entre o 1 de outubro de 2025 e o 31 de marzo de 2029, cunha duración total de 42 meses, nos que o Concello da Coruña exercerá como Autoridade Urbana Principal, liderando un consorcio multidisciplinar que traballará para situar a cidade como referente europeo en gobernanza dixital, innovación ética e transformación urbana sostible.

ALLOCATE forma parte do subprograma “Tecnoloxía nas cidades” da Iniciativa Urbana Europea, que permite ás cidades experimentar solucións non testadas en contextos reais e transferibles, favorecendo a creación de políticas urbanas avanzadas a nivel europeo.

A participación da UDC

O grupo LIDIA do CITIC será unha das pezas clave nesta iniciativa grazas á súa traxectoria en IA, ciencia de datos e tecnoloxías dixitais avanzadas. Así, o centro de investigación TIC da Universidade da Coruña contribuirá ao proxecto a través de catro eixos principais, que serán o apoio na identificación dos casos de uso do Concello e os e os datos necesarios para resolvelos, o deseño dunha metodoloxía para medir o consumo enerxético da infraestrutura e das solucións propostas, o liderado dun proxecto formativo sobre Intelixencia Artificial Verde dirixido ás PEMEs participantes e a colaboración no seguimento e avaliación dos resultados.

En definitiva, o proxecto ALLOCATE supón un exemplo da suma de forzas e o traballo da universidade, a administración pública e o tecido empresarial cun obxectivo común: mellorar a vida das persoas a través da innovación sostible.

Universidade da Coruña (UDC), 2025-07-30

Actualidad

Foto del resto de noticias (a-gaivota-cdg.JPG) A primeira etapa da xira de A Gaivota, ensaio aberto desenvolveuse do 12 ao 15 de outubro na sala Atahualpa do Teatro El Galpón de Montevideo, en coprodución con esta institución e no marco do Festival Internacional de Artes Escénicas de Uruguai, FIDAE. O programa comprendeu sete representacións nas que Déborah Vukušić compartiu escenario con Camila Durán e Claudia Trecu, que entraron no lugar das actrices galegas Uxía Suevos e Mercedes Castro. A magnífica resposta do público uruguaio contou cunha destacada presenza da comunidade galega, que converteu as funcións nun espazo de encontro arredor da lingua e da creación escénica de Galicia. Esta acollida precede a chegada á Arxentina, onde Déborah Vukušić compartirá escenario coas actrices locais Eugenia Alonso e Carmela Rivero.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

A Igrexa da Universidade acolle ata o 20 de novembro a mostra 'Agora hai terras de millo onde antes estaba Troia', obra de Los Bravú, un dúo artístico integrado por Dea Gómez e Diego Omil. A exposición abriu oficialmente este xoves nun acto no que xunto cos autores interveu a vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio, Ana Cabana, que reivindicou a USC como 'espazo de produción e de transmisión de coñecemento onde debe integrarse a cultura, que ten que ser unha experiencia universitaria, unha experiencia de formación'.
A preparación para a liberdade e a reinserción social foi a temática escollida para as III Xornadas da Rede Galega de Educacións en Prisión que se celebraron en Ourense. A cita, co-organizada pola Facultade de Educación e Traballo Social da UVigo, contou coa asistencia profesionais e alumnado das tres universidades galegas. Nelas houbo conferencias, obradoiros e mesas de experiencias.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES