A Xunta de Galicia leva a Arxentina a peza teatral A Gaivota, ensaio aberto¸ que chega a Bos Aires tras a súa excelente acollida no Teatro El Galpón de Montevideo (O Uruguai). Así, a coprodución internacional do Centro Dramático Galego chega ao CTBA-Teatro San Martín de Bos Aires, onde poderá verse a partir de este xoves e onde ofrecerá catro funcións ata o domingo.
Este proxecto da compañía pública da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude vai más alá da exhibición e o programa inclúe tamén a incorporación de actrices e equipos locais cos que compartir procesos de creación, coñecementos e experiencias escénicas, abrindo vías de colaboración con estes países para futuros proxectos. Ademais, a axenda complétase coa participación en roldas de negocio e encontros profesionais, reunións con artistas e axentes culturais locais, actividades formativas e encontros coa colectividade galega. Inclúe tamén a asistencia a espectáculos para coñecer a creación escénica dos dous países e identificar novas oportunidades de colaboración.
Estas accións buscan dar continuidade ás relacións establecidas durante a xira, favorecer futuras coproducións e ampliar a presenza das artes escénicas galegas nos circuítos internacionais.
A primeira etapa da xira de A Gaivota, ensaio aberto desenvolveuse do 12 ao 15 de outubro na sala Atahualpa do Teatro El Galpón de Montevideo, en coprodución con esta institución e no marco do Festival Internacional de Artes Escénicas de Uruguai, FIDAE. O programa comprendeu sete representacións nas que Déborah Vukuić compartiu escenario con Camila Durán e Claudia Trecu, que entraron no lugar das actrices galegas Uxía Suevos e Mercedes Castro.
A magnífica resposta do público uruguaio contou cunha destacada presenza da comunidade galega, que converteu as funcións nun espazo de encontro arredor da lingua e da creación escénica de Galicia. Esta acollida precede a chegada á Arxentina, onde Déborah Vukuić compartirá escenario coas actrices locais Eugenia Alonso e Carmela Rivero.
A renovación do elenco forma parte da concepción do espectáculo: dúas intérpretes locais asumen os papeis de Nina e Arkádina e incorporan as súas propias vivencias e perspectivas sobre o oficio teatral. Así, a montaxe transfórmase en cada territorio e integra novas voces nunha creación nacida en Galicia.
A Gaivota, ensaio aberto, con dirección e dramaturxia de Santiago Cortegoso e Neto Portela a partir do clásico de Antón Chejov, parte dunha situación límite: na véspera da estrea do clásico de Chejov, as actrices protagonistas deben ser substituídas. O ensaio convértese nunha comedia na que os fragmentos da obra se mesturan coas historias persoais das intérpretes para reflexionar sobre a creación, os afectos e o paso do tempo.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.