//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias cultura
A Real Academia Galega (RAG) acordou dedicarlles o Día das Letras Galegas 2025 a sete cantareiras e, a través delas, á poesía popular galega que elas interpretaban. Deste xeito, a Academia recoñece o papel das mulleres na creación e na transmisión literaria, así como o valor da lírica oral, esa que é anónima, que pertence á comunidade e que se aprende escoitando, cantando, traballando, divertíndose... en fin, vivindo nela. Velaquí os nomes e as historias das sete mulleres homenaxeadas pola RAG e por toda a sociedade galega este 2025.
A exposición afonda na realidade das cantareiras dende o século XVIII ata os nosos días. Daquelas, as mulleres das aldeas tocaban por pura necesidade, xa que non había outra maneira de escoitar música ca creándoa. Frei Rosendo Salvado e Rosalía de Castro xa se interesaron no seu tempo polas cantigas populares galegas considerándoas 'pura poesía, sen artificio' a pesar de estar nunha lingua diferente da oficial e proviren de mulleres labregas, de clase baixa. Rosalía foi, de feito, quen máis se identificou con esa literatura, empatizando co sentimento do pobo e levándoo ás altas esferas da época. A mostra tamén recolle, a través de varios documentos, o interese de persoas estranxeiras como Dorothé Schubarth, Alan Lomax ou Gustav Henningsen pola nosa tradición.
O ciclo de concertos Orballo Cultural vén de presentar a súa edición 2025, que se celebrará entre os meses de maio a setembro. Este ciclo propón levar ata distintas localidades da xeografía galega, concretamente aos concellos de Estrada, Tomiño, O Porriño, Ribadavia, Muxía, Noia, Ferrol e Sanxenxo, a artistas da escena musical galega. Entre os nomes xa confirmados están Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, Su Garrido Pombo, Herdeiros da Crus ou The Limboos. O ciclo Orballo Cultural busca unir a variada oferta musical de Galicia co patrimonio cultural e natural de distintas localidades, de tal modo que se pon en valor a rica variedade de opcións turísticas da comunidade. Ademais, integra a gastronomía e a artesanía como valores engadidos, nunha proposta que quere apostar pola sostibilidade e a igualdade.
A cidade da Coruña acolle do 16 ao 24 de maio o Galicia Design Week, festival dedicado ao deseño e de referencia neste ámbito para todo o noroeste peninsular, que desenvolve a súa sexta edición para promover e difundir a creación galega e internacional do sector. O encontro, codirixido por Marta González Rivas e Álex Rico Caramés, e que forma parte da prestixiosa organización World Design Weeks, ofrece unha ampla programación con acceso gratuíto a un total de 21 actividades. Coloquios, exposicións, sesións musicais e gastronomía conforman unha proposta na que o obxectivo é poñer en valor un eido creativo de gran potencial e transversalidade, entre a creación cultural e a produción industrial.
Nas súas tres edicións previas o Serán congregou máis de 17.000 asistentes. Nesta cuarta entrega, e coincidindo coa celebración do Día Europeo da Música e o arranque da programación do verán no Gaiás, o Serán volverá despregar un intenso programa, completamente gratuíto, de concertos, espectáculos e festivais ao redor da música e o baile tradicional de Galicia. Como novidade, o programa incorpora na noite do venres 20 de xuño un festival folk que reunirá a algúns dos nomes máis destacados do tradi actual, como a banda De Ninghures, unha das revelacións da música galega dos últimos anos, que conquista a todo tipo de públicos coa súa fusión de folk con músicas de todo o mundo: desde o rock saharauí ata as melodías cubanas. Compartirán escenario cun dos nosos músicos de raíz con maior proxección dentro e fóra de Galicia: Xabier Díaz, acompañado das súas inseparables Adufeiras de Salitre.
A Xunta de Galicia programa máis de 60 actividades para celebrar as Letras Galegas nas bibliotecas públicas xestionadas polo Goberno galego e expandidas polas catro provincias. Así o destacou hoxe o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, que presentou as distintas iniciativas que se van desenvolver nos vindeiros días nestes sete centros e no servizo de bibliotecas móbiles, a través dos cales, puntualizou, 'atopamos a mellor das vías para chegar a todo tipo de público e ofrecerlles propostas variadas co obxectivo de achegarnos ao significado da celebración das Letras e á figura das homenaxeadas este ano, as cantareiras'.
A Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas presentou hoxe a programación da súa 42ª edición, que se celebrará entre os días 22 de xuño e 6 de xullo no Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela, así como nas rúas e noutros espazos da vila do Morrazo, que acollerán 26 espectáculos e un nutrido programa de actividades lúdicas e sectoriais. O certame, organizado desde 1984 pola Asociación Cultural Xiria, é un dos poucos festivais de teatro europeos cuxo principal selo de identidade é a comedia, unha marca consolidada e referente da produción escénica deste xénero en calquera das súas vertentes: negra, branca, xestual, contemporánea, circense, dramática, musical e, dende hai máis dunha década, tamén na danza.
A praza Conde de Fontao de Foz será o enclave elixido para a actuación extraordinaria do festival o 31 de xullo con La Carroza Del Real, mentres que o destacado pianista Denis Kozhukhin abrirá oficialmente o ciclo de concertos o 12 de agosto na Fortaleza de Alfoz. O 13 de agosto a Real Filharmonía de Galicia e o Coro da Comunidade de Madrid realizarán o primeiro concerto sinfónico-coral no que interpretarán o Réquiem de Mozart na Catedral de Mondoñedo. A clausura do XII Festival Bal y Gay será co barítono galego Borja Quiza, o 21 de agosto, no Teatro Pastor Díaz de Viveiro, cita na que tamén participarán o pianista Javier Carmena e a mezzosoprano Andrea Rey, nunha proposta que mesturará as raíces galegas e españolas.
A obra Hombre y joven marinero (1929), do poeta e artista Federico García Lorca e pertencente á colección da Fundación Pública Galega Camilo José Cela, formará parte da exposición internacional The First Homosexuals, que se inaugurará o 2 de maio no prestixioso espazo Wrightwood 659 de Chicago. Trátase dunha mostra que reúne máis de 250 obras que documentan as primeiras representacións artísticas da homosexualidade no panorama internacional posterior a 1869. A Fundación Camilo José Cela continúa así co seu labor de conservación, difusión e proxección internacional do seu valioso fondo artístico e documental, favorecendo o diálogo cultural arredor dunha das figuras máis senlleiras da literatura e da arte do século XX.
Ou Yeah! é unha nova iniciativa arraigada no territorio, comprometida coa súa xente e deseñada para proxectar Ourense ao mundo. A súa esencia é a transformación: do local ao global, do tradicional ao contemporáneo, do escenario ao prato, do concerto ao encontro. Deste xeito, o festival, que ten como columna vertebral o rock, entendido nun sentido amplo, plural e actual, conxuga música, gastronomía, identidade e impacto territorial. Ou Yeah! espallarase pola provincia de Ourense entre os meses de xullo e outubro de 2025. O primeiro concerto terá lugar na capital da provincia, na explanada de Expouerense, o sábado 12 de xullo, da man de bandas de referencia internacionais, nacionais e galegas como The Waterboys, Morgan, Escuchando Elefantes e Tesouro.
A reescritura da historia será o tema arredor do cal se artellará o ciclo 'Redeira literaria. Falemos de literatura' que organizan docentes do grupo de investigación e-LITE da UVigo. Os días 20 de febreiro e 6 e 13 de marzo o edificio Redeiras acollerá as disertacións de tres figuras do mundo literario: a directora de escena Ana Zamora, o novelista e investigador Borja Rodríguez Gutiérrez e o alcalde de Vigo e escritor Abel Caballero.
O uso de elementos atopados nas rúas da cidade constitúe unha das liñas centrais do traballo artístico do profesor da Facultade de Belas Artes Ignacio Pérez-Jofre, que na tarde deste xoves presenta no local da asociación Kentada Tarima flotante, unha instalación que define como unha 'colaxe' conformada por un conxunto de táboas atopadas na rúa, pero que o artista presenta no chan, colocada sobre 'unha estrutura de palés' que remiten a esa idea dunha tarima flotante e que obrigan ao público a situarse sobre a propia obra.
A Orquestra e Coro da Universidade de Santiago de Compostela (OCUSC) presenta x+MÚSICA, un proxecto que busca conectar diferentes xeracións de músicos que tiveron ou seguen tendo vínculo coa agrupación, ofrecéndolles a oportunidade de actuar como solistas ou de estrear as súa composicións en concertos organizados pola OCUSC. Ademais, cada interpretación será gravada en alta calidade. X+MÚSICA arranca coa publicación do primeiro vídeo, no que a contrabaixista Dina Durán Rodríguez interpreta o Concerto en Si menor de Bottesini xunto á OCUSC.
Música, exposicións, teatro, danza, fotografía, cinema... a Universidade de Santiago retoma a súa programación cultural en Lugo e Santiago os meses vindeiros coas máis variadas propostas, todas elas baixo o paraugas dunha nova Primavera Cultural que se estenderá ata ben entrado o mes de maio. A programación comeza xa esta semana, co XXIX Festival Internacional de Teatro Universitario da USC que se inicia este martes 11 no Salón Teatro de Santiago e co concerto do ciclo Lubicán íntimo' de Su Garrido Pombo e Marco Maril na Casa do Saber de Lugo o venres 14 ás 20.30 horas.
'Arqueoloxía, Prehistoria e Historia nas terras de Monterrei, Ourense. Avance de resultados dos traballos de investigación, 2013-2022'. Este é o título dunha obra colectiva, coordinada desde o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo por Martiño X. Vázquez e Adolfo Fernández, na que se compila boa parte da investigación arqueohistórica levada a cabo na comarca ourensá de Monterrei durante a última década.
Ao longo da súa vida, e mesmo despois do seu falecemento, o poeta, narrador, ensaísta e tradutor galego José Ángel Valente (Ourense, 1929-Xenebra, 2000) foi retratado en diversas ocasións e baixo distintas técnicas artísticas (pintura, debuxo, caricatura). Unha mostra dese material recóllese na exposición Iconografía artística de José Ángel Valente 1955-2024 que dende este martes e ata o 31 de marzo se pode visitar na Facultade de Filoloxía como parte das actividades programadas polo seu 50 aniversario.
A Universidade da Coruña, en colaboración coa editorial Fabulatorio, presenta o libro 'A Galicia deseñada, unha análise completa e pioneira sobre a historia do deseño gráfico en Galicia'. A obra, de preto de 700 páxinas, foi realizada polos investigadores Marcos Dopico, Cibrán Rico e Suso Vázquez, quen, a través de rigorosos estudos e un percorrido visual, exploraron como a identidade galega se reflicte e evoluciona a través de símbolos, marcas e identidades gráficas.
O campus de Ourense acolle a proposta expositiva fotográfica 'A pel. Epílogo', comisariada por Xosé Lois Vázquez e formada por dúas exposicións: Da aparencia á aparición, de Xabier Fernández, e Bestiario de Femias, de Gabriela Rivera. As súas obras poden verse respectivamente na Sala Alterarte e no Paseo da Igualdade, situado ao seu carón. A proposta dá continuidade ao ciclo expositivo da Sala Alterarte Reciprocidade, posto en marcha o pasado curso académico.
Tadahiko Horiguchi (Osaka, 1943), tamén coñecido polo seu pseudónimo de pintor 'Tokoitta', é un dos primeiros e máis destacados creadores do anime xaponés e discípulo do 'deus do manga', Osamu Tezuka, ademais de ser un dos poucos que seguiu creando obras sen cesar ata os nosos días. Parte da obra deste creador exporase ata o 28 de febreiro no Claustro Alto do Colexio de Fonseca grazas á colaboración entre a USC e a Fundación Araguaney.
A Biblioteca Virtual Egeria vén de chegar aos catrocentos títulos de obras ao dispor do público a través de GaliciaDigital. Son obras de narrativa ou poesía, de investigación ou ensaio, en galego e castelán, cedidas polos seus autores para a súa difusión entre os interesados polos diversos temas, que poden descargarse gratuitamente na súa totalidade. As obras poden ter sido publicadas sen interese comercial, estar esgotadas ou inéditas, polo que será moi dificil acceder a elas por outro medio.