
De feito, é necesario camiñar sobre esta instalación para poder contemplar ás pezas que completan este proxecto expositivo, definidas tamén polo uso de materiais atopados.
Interesábame moito a idea dunha instalación habitada polo espectador, recoñece Pérez-Jofre, que construíu con unha especie de colaxe que ocupa case todo o espazo e sobre o que se pode camiñar. De feito, foi o propio traballo na construción dunha obra tomando como punto de partida unha serie de táboas e fragmentos de madeiras de diferentes grosores, que van encaixando, aínda que non perfectamente, o que levouno á idea dunha tarima flotante, que contrapón a sensación de comodidade ou de benestar que se asociaría a un fogar co precario dos materiais empregados. Deste xeito, a peza que o profesor do Departamento de Pintura presenta este xoves ás 19.00 horas no local de Kentada rematou por converterse nunha obra á que téste que subir, o que leva a unha percepción completamente diferente, marcada polas resonancias que se van xerando ao pisar ás diferentes táboas.
De feito, é preciso atravesala para contemplar as obras que completan a exposición que ao longo deste mes poderá visitarse no local dunha asociación impulsada, entre outros, por investigadores e antigo alumnado da facultade. Tarima flotante permite nese senso achegarse aos procesos de traballo deste artista e docente, que sempre parten da experiencia directa co material, como destaca o investigador Julio Catalán no texto de presentación desta mostra. Nela, Pérez-Jofre presenta tamén unha serie de pezas que parten tamén de obxectos atopados, aos que sen intervilos, outorga un valor experiencial, estético e relacional, sinala Catalán. Ese é o caso das pezas de serie Fósiles, nas que emprega residuos urbanos marcados pola presenza dunha pegada, como se remitisen a procesos fosilizados, sinala o artista e docente. Xunto a estas, poden verse tamén diferentes pezas da serie Pintura encontrada, que ten como punto de partida unha serie de papeis atopados na rúa aos que as pegadas do paso da xente ou do tempo outorgaron un valor plástico.
A mostra reúne as creacións de seis alumnas de Belas Artes
Ademais de Tarima flotante, nestas semanas poderá visitarse tamén en Pontevedra a exposición Ecos dispares, que reúne na galería Tangram un total de 40 obras de seis alumnas de Belas Artes. Coa estudante Mónica Pérez como comisaria, a mostra inaugurada na noite deste mércores presenta un conxunto de obras que, explica, non teñen un fío conector, máis aló de que foron realizadas por artistas que se forman na mesma facultade. Cremos que iso tamén o fai interesante, xa que, aínda que compartamos a mesma ensinanza, cada unha crea a súa obra desde o seu punto de vista totalmente persoal, sinala a comisaria dunha exposición que poderá visitarse ata o 12 de marzo.
Ecos dispares reúne as creacións de Elena Pérez, Carmen Otero, Rebeca Aurora E.L., Martinna Migliarini, Sofía Neira e a propia Mónica Pérez, e nela fanse presentes unha diversidade de temáticas, desde a memoria, o arquivo, a sociedade ou o folclore, ata o cotián ou mesmo a estética ciberpunk. Esta exposición pretende reflectir a diversidade que se atopa na Facultade de Belas Artes, engade Pérez Gregorio respecto dunha exposición que xurdiu da iniciativa deste grupo de alumnas, co obxectivo de proxectar o noso traballo cara novas posibilidades".
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.