Noticias

A oitava edición do 'Atlas Lingüístico Galego' recolle 3.695 variantes léxicas para os preto de trescentos conceptos estudados

O Instituto da Lingua Galega da USC (ILG) acaba de publicar, en colaboración coa Fundación Barrié e USC Editora, o Atlas Lingüístico Galego VIII. Léxico. O ser humano (III). Trátase do oitavo volume do Atlas Lingüístico Galego (ALGa), obra de investigación dialectolóxica amplamente recoñecida no eido dos estudos europeos 'pola rigorosidade dos seus datos e a excelencia das súas visualizacións cartográficas', explican. O novo tomo, froito do traballo dos profesores Rosario Álvarez, Francisco Dubert e Xulio Sousa, está constituído por 280 mapas que dan conta das variedades léxicas no dominio do galego para 259 conceptos vinculados á educación, a música, os xogos, as actividades de lecer, a relixión, as festas relixiosas e profanas, os seres míticos, as características psicolóxicas do ser humano e a roupa e o seu coidado.

Para cada un dos conceptos ofrécese un mapa coa representación da distribución das variantes léxicas e unha páxina de notas coa relación das variantes recollidas, os significados asociados á variable estudada e a información complementaria anotada polo persoal investigador (usos das variantes, vixencia das formas, ou matices de significado, entre outros). Por exemplo, para o concepto de ‘tristeza causada pola nostalxia do fogar ou da familia’ recolléronse tres variantes básicas (morriña, soidades e señardá) que mostran unha distribución bastante compacta; para o significado ‘composición en verso que se canta’ a variante máis frecuente é cántiga, que se rexistrou na maioría dos lugares estudados, mentres que cantiga é forma de uso común sobre todo no sur da provincia de Pontevedra. O volume recolle 3.695 variantes léxicas para os preto de trescentos conceptos estudados.

O proxecto do ALGa comeza na década dos anos setenta do século pasado co obxectivo de estudar a variación xeolingüística do galego falado nas zonas rurais e enmárcase na Biblioteca Filolóxica Galega que xorde a finais dos anos noventa, ao abeiro dun convenio entre o ILG e a Fundación Barrié co obxecto de trasladar á sociedade obras relevantes de investigación filolóxica en calquera das distintas disciplinas e liñas de investigación que contribúan ao avance do coñecemento sobre a lingua galega pasada e presente.

Ampla traxectoria

No ano 1990 publicouse o primeiro volume dedicado ao estudo da Morfoloxía verbal; no ano 1995 publicouse o segundo, dedicado ao estudo da Morfoloxía non verbal; entre 1900 e 1999 publicouse o terceiro, dedicado á Fonética; o cuarto volume publicouse en 2003 baixo o titulo Léxico. Tempo atmosférico e cronolóxico; en 2006 viu a luz o V volume, dedicado a O ser humano; en 2016 presentouse o sexto volume baixo o titulo Léxico. Terra, plantas e árbores; en 2021 presentouse o VII volume, dedicado a O ser humano (II). O VIII volume que agora se presenta, O ser humano (III), pecha a serie dos tres dedicados ao léxico relacionado co ser humano. O material sobre o que se elaboran os volumes do ALGa está constituído polas enquisas realizadas en 167 localidades do territorio de fala galega entre os anos 1974 e 1977 por Rosario Álvarez Blanco, Francisco Fernández Rei e Manuel González González. Este proxecto de investigación desenvólvese grazas ás axudas da Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude e da Fundación Barrié.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2025-07-31

Actualidad

Foto del resto de noticias (interseccion-2026.jpg) Foi presentada a novena edición de Intersección, Festival Internacional de Cine da Coruña, celebrada nos Cantones Cines. O festival desenvolverase do 13 ao 17 de outubro cunha programación que combina proxeccións, exposicións, formación e encontros profesionais arredor das novas linguaxes cinematográficas. Así, as seccións competitivas Galicia, Internacional e Fulgor achegarán ao público obras afastadas dos circuítos comerciais habituais e novas voces da creación audiovisual contemporánea. En concreto, a sección Internacional reúne 27 filmes procedentes de 22 países, entre os que figuran catro estreas mundiais, 17 en España e cinco en Galicia. As propostas exploran cuestións como a tecnoloxía, a memoria, o territorio e a identidade desde linguaxes e xeografías diversas.
Foto de la tercera plana (20261008-ragc.jpg) A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou en Santiago, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, o acto do Día da Ciencia en Galicia, no que se homenaxeou á oceanógrafa Aida Fernández Ríos (Vigo, 1947 - Moaña, 2015) como Científica Galega 2026. Ademais, entregáronse as Medallas de Investigación a cinco científicas e científicos da nosa comunidade. O presidente da Academia destacou que 'Aida Fernández Ríos foi unha investigadora capaz de identificar problemas relevantes e de situalos nun contexto internacional, converténdose nunha científica respectada moito máis alá de Galicia.

Notas

O CiMUS da USC coordina un proxecto europeo para desenvolver unha nova xeración de radioterapia contra os tumores cerebrais. Trátase de InnovaRTBRAIN, unha iniciativa que busca transformar os procedementos actuais para o tratamento de tumores cerebrais, especialmente gliomas, e deseñar novos enfoques de radioterapia máis precisos, efectivos e seguros. Está coordinado desde este Centro Singular polo equipo Novas estratexias en Radioterapia dirixido por Yolanda Prezado.
Pezas que, nun espazo concreto, transforman e reinterpretan obras previas, que á súa vez naceron como rexistros de accións artísticas. Creacións artísticas que xorden como “eco ou resposta” de obras previas de Cora Novoa, Elena Rocamora, Álvaro Porras e María Sánchez, reúnense na exposición Contar cos dedos, que ata o 2 de novembro pode visitarse na Sala O Abrigo da Facultade de Belas Artes.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES