Notas de prensa

A creatividade conectará arte, deseño, educación e comunicación no segundo congreso internacional do Campus Crea

Nacido o pasado ano, no marco dos traballos para acadar a acreditación do proxecto de especialización do campus de Pontevedra, o Congreso Internacional de Creatividade desenvolverá os días 2 e 3 de outubro a súa segunda edición. Nela, buscará promover unha reflexión teórico-práctica que conecte a creatividade coa arte, o deseño, a educación e a comunicación, os catro eixes do proxecto de especialización Campus Crea.

O congreso mantén aberto ata o 24 de agosto o prazo de presentación de traballos, dirixido a reunir os estudos que se presentarán nas diferentes mesas de comunicación dos catro bloques que estruturan este evento, que combinará novamente o seguimento presencial e virtual.

Coas investigadoras da Facultade de Comunicación Montse Vázquez e Julia Fontenla como directoras, o congreso manterá o formato definido na súa primeira edición, articulando a súa programación en catro bloques, centrados “en cada unha das especialidades do Campus Crea”, como sinalan desde a organización. En cada un destes bloques, as mesas temáticas de presentación de comunicacións veranse complementadas á súa vez por conferencias de académicos e profesionais, así como por outra serie de actividades dirixidas a explorar as aplicacións da creatividade e as súas conexións con arte, deseño, comunicación e educación.

Promovido polo Campus Crea, co apoio Deputación de Pontevedra e Creatividade Galega, a segunda edición dun congreso que o pasado ano reuniu preto dun cento de investigadores e investigadoras busca reunir nas instalacións do campus tanto a académicos e persoal investigador como a profesionais de diferentes ámbitos ligados á creatividade. Para iso, sinalan desde a organización, buscará promover “accións que traballen a capacidade de visualizar ideas e novas perspectivas, promocionando a habilidade de crear novos produtos, procesos e solucións a través de producións novidosas e orixinais”,.

Continúa aberto o prazo de presentación de comunicacións

Ata o 24 de agosto permanece aberto o prazo de presentación de resumos dos estudos que conformarán as diferentes mesas temáticas deste congreso. Por unha banda, a centrada en creatividade e arte buscará promover unha reflexión arredor dos procesos que conducen á configuración dunha obra, mentres que outro bloque centrarase na creatividade e innovación nos ámbitos do deseño e da moda, abranguendo cuestións como a innovación e os retos da virtualidade ou as confluencias entre moda, deseño e artesanía. Un terceiro bloque porá o foco no papel fundamental da creatividade na educación do século XXI, mentres que outro apartado dedícase a explorar as sinerxías entre a creatividade e as diversas disciplinas da comunicación.

As investigacións deberán centrarse nunha destas catro áreas, que poderán abordarse “desde diferentes perspectivas”, desde históricas ou docentes, ata casos de éxito e praxe profesional, pasando por estudos sobre comunicación estratéxica e instrumental, ética e deontoloxía, cultura organizacional, identidade e imaxe corporativa, publicidade, cultura audiovisual ou industrias culturais.

Os estudos seleccionados optarán á súa vez, superando un novo proceso de revisión por parte de comité científico, á súa publicación nun monográfico da editorial Fragua.

Universidade de Vigo (UVigo), 2025-07-31

Actualidad

Foto del resto de noticias (a-gaivota-cdg.JPG) A primeira etapa da xira de A Gaivota, ensaio aberto desenvolveuse do 12 ao 15 de outubro na sala Atahualpa do Teatro El Galpón de Montevideo, en coprodución con esta institución e no marco do Festival Internacional de Artes Escénicas de Uruguai, FIDAE. O programa comprendeu sete representacións nas que Déborah Vukušić compartiu escenario con Camila Durán e Claudia Trecu, que entraron no lugar das actrices galegas Uxía Suevos e Mercedes Castro. A magnífica resposta do público uruguaio contou cunha destacada presenza da comunidade galega, que converteu as funcións nun espazo de encontro arredor da lingua e da creación escénica de Galicia. Esta acollida precede a chegada á Arxentina, onde Déborah Vukušić compartirá escenario coas actrices locais Eugenia Alonso e Carmela Rivero.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

A Igrexa da Universidade acolle ata o 20 de novembro a mostra 'Agora hai terras de millo onde antes estaba Troia', obra de Los Bravú, un dúo artístico integrado por Dea Gómez e Diego Omil. A exposición abriu oficialmente este xoves nun acto no que xunto cos autores interveu a vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio, Ana Cabana, que reivindicou a USC como 'espazo de produción e de transmisión de coñecemento onde debe integrarse a cultura, que ten que ser unha experiencia universitaria, unha experiencia de formación'.
A preparación para a liberdade e a reinserción social foi a temática escollida para as III Xornadas da Rede Galega de Educacións en Prisión que se celebraron en Ourense. A cita, co-organizada pola Facultade de Educación e Traballo Social da UVigo, contou coa asistencia profesionais e alumnado das tres universidades galegas. Nelas houbo conferencias, obradoiros e mesas de experiencias.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES