Notas de prensa

Profesionais do CHUAC e da UDC investigan sobre a realidade aumentada aplicada á cirurxía

O Hospital Universitario de Coruña acolleu unha sesión experimental centrada en avaliar a funcionalidade e usabilidade de sistemas de realidade aumentada (RA) en contornas reais de quirófano. A investigación forma parte da tese doutoral titulada 'Interfaces virtuais e realidade aumentada para cirurxía', desenvolvida por Ánxela Pérez no Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais de Ferrol, baixo a dirección do investigador do Laboratorio de Enxeñaría Mecánica Florian Michaud e de Nieves Pedreira, profesora da Escola Universitaria de Deseño Industrial UDC.

Na sesión participou o Dr. Pablo Codesido, médico adxunto do Servizo de Traumatoloxía e Cirurxía Ortopédica da Área Sanitaria da Coruña e Cee, e doutros profesionais do CHUAC que colaboran activamente neste proxecto para avaliar o comportamento das lentes intelixentes e os seus diferentes modos de interacción: mediante xestos, mirada, voz, inclinación da cabeza ou combinación destes. O obxectivo é identificar as formas de control que resulten máis rápidas, ergonómicas e seguras nunha contorna cirúrxica onde a concentración e a precisión son críticas.

“Desde o Servizo de Traumatoloxía e Cirurxía Ortopédica do CHUAC e a Unidade de Xeonllo colaboramos coa investigación e apostamos polas tecnoloxías de vangarda aplicadas á saúde —como a robótica, a intelixencia artificial e as interfaces virtuais— porque poden axudar a mellorar a calidade da atención aos nosos pacientes. Que estes avances permitan acceder a información crítica sen interromper o fluxo da intervención pode marcar unha gran diferenza nun quirófano, onde cada segundo e cada decisión contan”, sinala o Dr. Codesido.

Esta actividade continúa o traballo experimental iniciado o pasado 9 de xullo na Área Sanitaria de Ferrol, onde tamén participaron especialistas do ámbito cirúrxico en colaboración coa Dra. Laura Ameneiro. A diferenza doutras aproximacións máis teóricas, este proxecto céntrase en validar a tecnoloxía no seu contexto real, incorporando a experiencia directa dos profesionais para adaptar as interfaces ás necesidades do quirófano.

“A realidade aumentada ten un gran potencial para revolucionar a cirurxía moderna, pero o seu éxito dependerá de deseñar interfaces que permitan unha interacción natural, rápida e eficiente. A participación dos profesionais sanitarios é fundamental para mellorar estas solucións tecnolóxicas”, explican desde o CITENI.

Tecnoloxía que amplía a visión cirúrxica

A realidade aumentada é unha tecnoloxía que combina o mundo real con elementos virtuais en tempo real que permite superpoñer información dixital —como imaxes, gráficos ou datos anatómicos— directamente sobre o campo de visión do cirurxián, sen perder contacto coa contorna física. Ao contrario da realidade virtual, que illa ao usuario, a RA enriquece o ámbito real e está a aplicarse con éxito crecente en procedementos complexos como:

- Artroplastia total de xeonllo: as lentes de RA funcionan como sistemas de navegación cirúrxica, guiando con maior precisión o corte óseo sen depender de pantallas externas.
- Cirurxía de columna: permiten trazar a traxectoria óptima para a inserción de parafusos pediculares, evitando estruturas sensibles e mellorando a exactitude na colocación.
- Neurocirurxía: superpoñen imaxes do escáner cerebral sobre o cranio do paciente, facilitando o acceso con mínima invasión de tecido.
- Cirurxía hepática ou oncolóxica: posibilitan localizar con precisión masas tumorais ou vasos importantes sen deter a intervención para consultar imaxes externas.

Estes sistemas non só ofrecen datos en tempo real, senón que se adaptan dinamicamente aos movementos do cirurxián e do paciente, proporcionando unha asistencia visual contextualizada ao longo de toda a intervención.

Deseño e tecnoloxía ao servizo da saúde

A iniciativa forma parte dunha aposta estratéxica por achegar a innovación tecnolóxica á práctica clínica real. A colaboración entre profesionais sanitarios e persoal investigador busca garantir que as ferramentas de realidade aumentada sexan útiles, seguras e integrables no día a día do quirófano, co obxectivo de dar resposta ás necesidades reais dos equipos cirúrxicos. A investigación, desenvolvida polo Laboratorio de Enxeñaría Mecánica (LIM) do CITENI, supón un paso firme cara a unha cirurxía máis precisa, asistida e humanizada.

Universidade da Coruña (UDC), 2025-07-31

Actualidad

Foto del resto de noticias (a-gaivota-cdg.JPG) A primeira etapa da xira de A Gaivota, ensaio aberto desenvolveuse do 12 ao 15 de outubro na sala Atahualpa do Teatro El Galpón de Montevideo, en coprodución con esta institución e no marco do Festival Internacional de Artes Escénicas de Uruguai, FIDAE. O programa comprendeu sete representacións nas que Déborah Vukušić compartiu escenario con Camila Durán e Claudia Trecu, que entraron no lugar das actrices galegas Uxía Suevos e Mercedes Castro. A magnífica resposta do público uruguaio contou cunha destacada presenza da comunidade galega, que converteu as funcións nun espazo de encontro arredor da lingua e da creación escénica de Galicia. Esta acollida precede a chegada á Arxentina, onde Déborah Vukušić compartirá escenario coas actrices locais Eugenia Alonso e Carmela Rivero.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

A Igrexa da Universidade acolle ata o 20 de novembro a mostra 'Agora hai terras de millo onde antes estaba Troia', obra de Los Bravú, un dúo artístico integrado por Dea Gómez e Diego Omil. A exposición abriu oficialmente este xoves nun acto no que xunto cos autores interveu a vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio, Ana Cabana, que reivindicou a USC como 'espazo de produción e de transmisión de coñecemento onde debe integrarse a cultura, que ten que ser unha experiencia universitaria, unha experiencia de formación'.
A preparación para a liberdade e a reinserción social foi a temática escollida para as III Xornadas da Rede Galega de Educacións en Prisión que se celebraron en Ourense. A cita, co-organizada pola Facultade de Educación e Traballo Social da UVigo, contou coa asistencia profesionais e alumnado das tres universidades galegas. Nelas houbo conferencias, obradoiros e mesas de experiencias.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES