Actualidad de Cultura

Noticias cultura

O título da mostra, que poderá visitarse no Museo de Belas Artes ata o 14 de decembro, xorde das dúas grandes obras que Isaac realizou en distintas épocas sobre o relato mitolóxico da nave do barqueiro do inframundo. O tema, que insinúa a viaxe do pobo galego cara ao seu destino, evoca aquí o propio percorrido creativo do artista. Así, a exposición artéllase en cinco seccións coas que se pretende amosar esa traxectoria, desde os seus inicios pictóricos e a transición da pintura á cerámica, pasando polos seus grandes proxectos como Cerámicas do Castro, o seu labor no Laboratorio de Formas xunto con con Luís Seoane ou o seu papel nos deseños de Sargadelos. A exposición completarase con actividades paralelas cun ciclo temático de conferencias, un curso a cargo do profesor e crítico Alberto Cartón e visitas guiadas para centros escolares, asociacións culturais e público en xeral. Unha programación destinada a difundir o legado de Isaac Díaz Pardo.
As curtametraxes volven formar parte do Ciclo de Cinema Mestre Mateo, que levará os oito filmes curtos de ficción e animación finalistas e gañadores da última edición dos Premios Mestre Mateo a 24 concellos das catro provincias localizados fóra da contorna das grandes cidades e que non contan cunha oferta de salas comerciais estables. O programa, dividido en dúas sesións, inclúe os filmes finalistas nas categorías de Mellor Curtametraxe de Animación e Mellor Curtametraxe de Imaxe Real da última edición dos devanditos galardóns. No bloque de ficción poderán verse Pura, de Carmen Méndez; Véxote, de Óscar Pardo; Nai, de Tito Refoxo; e Platónico, Platónica, de Xacio Baño. Na categoría de animación exhibiranse Eu vou comigo, dirixida por Chelo Loureiro; Sinapse, de Carlos Cuesta; Avetimología, de Xosé Zapata; e Noites de prata, de Soraya Antelo.
'Castelao. Mirar por Galicia' incluirá unha experiencia inmersiva con videoproxección cúbica: un resumo do periplo vital e creativo de Castelao, relatado en primeira persoa, que presentará tamén unha selección de obras dotadas de vida mediante técnicas de animación 3D e intelixencia artificial nunha recreación artística do seu espírito creativo. Ademais, estase a realizar un traballo de recreación da voz do intelectual, da que se conserva un único rexistro sonoro: a mensaxe que gravou en fonopostal na Central de Correos de Bos Aires, co gallo da estrea de Os vellos non deben de namorarse en Montevideo en 1941, conservada no Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega. O arquivo someteuse a un depurado do son para, a continuación, adestrar unha intelixencia artificial para reproducir con fidelidade o timbre, entoación e textura da voz.
Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas, e Hamlet, de William Shakespeare, serán as producións centrais do Centro Dramático Galego para a próxima temporada 2025-2026, na que porá o foco nos clásicos tanto galegos como universais. A unidade teatral acaba de lanzar a convocatoria do proceso de selección dos 23 intérpretes destes espectáculos, que teñen prevista a súa estrea para o primeiro semestre de 2026. Das prazas convocadas, sete corresponden ao elenco da adaptación teatral do emblemático libro de Xosé Neira Vilas, para o que o CDG contará na dramaturxia e dirección con Cándido Pazó. Da súa man, o personaxe de Balbino volverá cobrar vida nunha proposta evocadora que combinará teatralidade e poesía.
O músico norteamericano acumula, entre outros logros, catro discos de ouro, dous de platino e máis de seis millóns de discos vendidos en todo o mundo. A lista de recoñecementos que recibiu ao longo dos anos é tamén extensa: entre outros, un doutor Honoris Causa do prestixioso Berklee College of Music, o Premio Honorífico Miles Davis outorgado polo Festival de Jazz de Montreal, un Premio á Traxectoria da BBC outorgado por sir George Martin en 2008 ou numerosos nomeamentos e premios Grammy. Al Di Meola, un auténtico xenio da guitarra e un prolífico compositor, acumula máis de 30 álbums como líder, ademais de moitos outros onde participou, con figuras como o supergrupo de fusión Return to Forever, o célebre Guitar Trio ou o trío Rite of Strings.
Este evento congregará a semana que vén en Santiago de Compostela a 225 profesionais da programación, distribución e produción de espectáculos de artes escénicas. Oito espazos e prazas da cidade acollerán do 2 ao 5 de xuño o conxunto das actividades programadas este ano, que inclúen 21 funcións de teatro, danza e circo contemporáneo, 12 presentacións de proxectos en formato pitching, dúas mesas redondas e un concerto. Ademais, nestes momentos estase a pechar o calendario de reunións que as compañías galegas inscritas manterán con máis de 80 responsables de mostras, circuítos e espazos escénicos tanto de toda España e de Portugal co fin de favorecer a contratación de espectáculos de produción galega.
Marcelino de Santiago 'Kukas' e Isabel Rey interpretan esta historia cos seus bonecos, e son tamén responsables do deseño e e indumentaria dos monicreques xunto a Amelia Poyato, quen se encarga ademais da iluminación. A escenografía e os audiovisuais están concibidos por Maite Dubois. Xosé Lois Romero asina a composición musical e o espazo sonoro foi creado por Noemi Pardo, que colabora tamén nas voces gravadas. O carteiro de Ximaraos presenta unha historia que mestura maxistralmente realidade e fantasía para abordar dúas temáticas de gran relevancia: o impacto emocional do mal de alzhéimer nas familias e o papel da memoria ligada ao correo postal como fío condutor das relacións humanas.
Desde o Xacobeo 21-22, máis de 2,5 millóns de persoas participaron nas actividades impulsadas baixo esta marca, que se consolidou como un motor económico e social. Este ano, os Concertos do Xacobeo acollerán case 100 eventos en máis de 50 localidades de toda Galicia, reunindo a 700 artistas de primeira liña, tanto internacionais como nacionais e galegos. A programación combinará grandes nomes da escena musical global, como Kings of Leon, Lenny Kravitz ou Alanis Morisette, con recoñecidos artistas galegos como Tanxugueiras, Guadi Galego ou Xoel López. A diversidade da programación, tanto en estilos como en formatos, permitirá atraer a públicos variados e reforzar a imaxe de Galicia como destino cultural dinámico, onde tradición e modernidade conviven nos escenarios.
Diferentes espazos singulares ao longo do litoral de Galicia serán o escenario dunha nova coprodución teatral do Centro Dramático Galego que, baixo o título Costa da Morte, cartografía dun naufraxio, ten xa programadas 17 representacións entre os meses de xuño e xullo. A creadora Mariña Lestón asina a dramaturxia, dirección e produción desta montaxe, que ela mesma pon en escena para propoñer unha viaxe pola nosa historia marítima a través de relatos reais e cantigas populares interpretadas en directo. Desta volta, Costa da Morte, cartografía dun naufraxio busca poñer en valor o pasado marítimo de Galicia como parte dunha identidade propia, atopándose co público en faros, peiraos, praias e outros lugares de numerosas localidades costeiras.
Foi presentada a 16ª edición da (S8) Mostra de Cinema Periférico, que se celebrará do 3 ao 8 de xuño en diferentes espazos da Coruña, entre eles a Filmoteca de Galicia. Cun total de 112 obras en proxección e a participación de 60 cineastas procedentes de 15 países, a cita converterá a cidade no centro mundial do cinema experimental e de vangarda. Nesta edición, a programación inclúe máis títulos realizados por mulleres, máis cinema en directo, retrospectivas inéditas e unha homenaxe ao formato Súper 8, que neste 2025 cumpre 60 anos de historia. Unha das novidades desta vindeira edición da (S8) é a ampliación de Sinais, sección onde se reúne o mellor da creación cinematográfica contemporánea da península ibérica, con 21 películas galegas e españolas.
« Anterior | 15  de  290 | Siguiente »

Notas cultura

Ata o 16 de maio, a Sala Alterarte, o espazo expositivo do campus de Ourense, acolle unha nova mostra. Trátase de 'Pensamento construído', do escultor Enrique Conde e comisariada por Xavier Riomao, artista, profesor da Universidade de Vigo e coordinador do ciclo expositivo desta sala Reciprocidade. A exposición foi inaugurada este xoves pola tarde noite nun acto que contou coa participación, ademais do artista e o comisario, de Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense.
Co gallo da celebración do Día do Cómic neste mes de marzo, Afundación, a Obra Social de ABANCA, presenta na Sede Afundación de Ferrol a exposición 'Picasso protagonista. Viñetas no cómic español contemporáneo', unha orixinal ollada á figura e obra deste artista universal, interpretado por grandes nomes da banda deseñada. A exposición rende homenaxe ao xenio a través dun orixinal percorrido por máis de 170 pezas, moitas delas concibidas ex professo para esta exposición.
A Biblioteca Pública Provincial de Lugo acolle a exposición sobre o 150 aniversario da Banda de Música de Paradela, impulsada por Egeria. A mostra, que permanecerá na Biblioteca ata o vindeiro 28 de marzo, consta de 12 paneis con textos e fotos que, a través de información recollida de distintas publicacións, repasa a traxectoria da banda desde a súa formación en 1873.
O profesor da USC na Facultade de Humanidades e director da Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da Universidade de Santiago de Compostela, alén de poeta, narrador, ensaísta e tradutor, Claudio Rodríguez Fer, acaba de ser galardoando co Premio Babel de Literatura 2025 que outorga a Universidade de Texas pola 'calidade excepcional e a importante contribución do seu traballo' no campo literario. O premio, que se entrega anualmente, 'honra a persoas que promovan o diálogo literario entre linguas e culturas'.
O Salón Artesoado do Colexio de Fonseca acolle a exposición 'Narcisa e os monos voadores', un proxectivo expositivo-colaborativo de investigación emocional, plástica e estética sobre o trastorno narcisista xestado por Ana Costas para oito artistas coa colaboración de Carlos Villanueva. A inauguración foi presidida pola vicerreitora de Estudantes e Cultura da USC, Pilar Murias Fernández, e nela interviñeron tamén as artistas Ana Costas e Rita Mas e a psicóloga Cecilia Cardero.
A UDC inaugura o luns 10 de marzo o ciclo de cinema documental 'Reflexos do Ártico', unha proposta audiovisual que achega ao público a realidade dunha das rexións máis extremas e fascinantes do planeta. O evento terá lugar na Sala de Exposicións de NORMAL, o Espazo de Intervención Cultural da UDC, onde se proxectarán unha coidada selección de filmes que retratan a vida cotiá, os cambios climáticos e os desafíos culturais das poboacións do Ártico.
A Banda de Música Municipal de Caldas de Reis será a protagonista do Concerto de Primavera que a Vicerreitoría do campus promove un ano máis coa colaboración do Concello de Pontevedra. Baixo o título de 'Conceptos sonoros', este espectáculo combinará a música de cámara con pezas tradicionais galegas e reunirá o 14 de marzo preto dun centenar de músicos no Pazo da Cultura.
Os Encontros Fotográficos da Primavera Cultural da USC botan a andar o vindeiro 7 de marzo con Paula Quiroga Rodríguez como protagonista. A cita que terá lugar no Pazo de Montenegro, a partir das 17.00 horas, desenvolverase baixo o lema ‘Da palabra á imaxe’ e nela a fotógrafa compartirá o seu proceso de traballo, no que o estudo e a investigación lle axudan a definir a forma visual das súas imaxes. Quiroga é directora de fotografía e xornalista, especializada en documentalismo.
E se a Alemaña nazi tivese gañado a Segunda Guerra Mundial? E se Colón non tivese chegado a América? E se Gutenberg non inventase a imprenta ou James Watt a máquina de vapor? A historia contrafactual ou historia alternativa é a historia do que non foi pero puido ser, a historia do E si…? As preguntas e a reinterpretación son as claves desta proposta de abstracción que trata de dar respostas hipotéticas a través dun exercicio reflexivo, indutivo ou dedutivo.
NORMAL, o Espazo de Intervención Cultural da Universidade da Coruña, organiza a partir do 26 de febreiro, o ciclo de cinema 'Do Norte ao Noroeste', unha proposta inspirada no título orixinal da obra mestra de Alfred Hitchcock North by Northwest (1959), coñecida en galego como 'Coa morte nos talóns'. O ciclo ofrece un percorrido por películas de directores de prestixio internacional que exploran o concepto do norte desde diferentes perspectivas. As proxeccións terán lugar todos os mércores, ás 19:00 horas, na Sala Cubo de NORMAL, desde o 26 de febreiro ata o 23 de abril de 2025.


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES