Notas de prensa

O escultor Enrique Conde expón na Sala Alterarte o seu 'Pensamento construído'

Ata o 16 de maio, a Sala Alterarte, o espazo expositivo do campus de Ourense, acolle unha nova mostra. Trátase de 'Pensamento construído', do escultor Enrique Conde e comisariada por Xavier Riomao, artista, profesor da Universidade de Vigo e coordinador do ciclo expositivo desta sala Reciprocidade. A exposición foi inaugurada este xoves pola tarde noite nun acto que contou coa participación, ademais do artista e o comisario, de Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense.

Na folla de sala da exposición, o crítico de arte e ensaísta Carlos L. Bernárdez explica que as obras de Enrique Conde enmárcanse, como un dos mellores exemplos, no panorama de reformulación das correntes construtivistas. O escultor, sinala, traballa “nun sentido purista, esencializador, que se explicita con toda rotundidade en obras dunha intensa nitidez nas que se entrecruzan planos de enorme limpeza e que se manifestan como conceptos esenciais, abstractos, no seu sentido de extremo ideal depurativo”.

Tal e como se pode ver en Pensamento construído, Enrique Conde, apunta Carlos L. Bernárdez, emprega estruturas diversas, sobre todo de madeiras variadas (carballo, eucalipto...), crea pezas cun acentuado monocromatismo, só matizado polos xogos lumínicos que establecen as sombras. “Son obras nas que toma corpo un evidente desexo de integración das artes, desenvolvido entre o arquitectónico, o pictórico e escultórico. Unha obra ao servizo dun ideal formal absoluto pero que quere ser obxecto de reflexión tamén no plano social”, afirma o crítico de arte.

Un ducia de obras

Pensamento construído está conformada por unha ducia de obras de Enrique Conde, sendo dúas delas, en formato de móbiles colgantes, expostas por primeira vez. Adaptándose ao espazo da Sala Alterarte, as esculturas dispóñense en diferentes mesados e de xeito colgante. As pezas, comenta o seu autor, son esculturas abstractas, mostra do seu traballo dentro do construtivismo, e pertencen a diferentes etapas artísticas súas. En todas elas, detalla, “a madeira é a protagonista”, utilizando este material “non como un medio” senón deixando que “ela mesma fale”. A madeira, engade o escultor, “son curvas e tramos rectos” e as pezas expostas “xogan na xeometría das cousas” e cos espazos que delimitan e as sombras que proxectan.

Entre as esculturas expostas está unha realizada con tres rodelas de madeira que encaixan entre elas e forman unha soa peza. Está feita de madeira de araucaria, da árbore plantada en Trasalba polos pais de Otero Pedrayo cando el naceu, que logo un temporal tirou e cuxa madeira, indica Enrique Conde, “parece ser que foi empregada para facer o cadaleito de don Ramón”. Tamén hai en Pensamentos construídos obras talladas con madeira do limoeiro da casa do escultor; obras que evocan o movemento dunha carballeira, a danza dos derviche xiradores ou a caída de Ícaro e obras que falan sobre a música muda e a construción do coñecemento.

Universidade de Vigo (UVigo), 2025-03-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES