Notas de prensa

Fotografía e música protagonizan as vindeiras citas da Primavera Cultural no Campus de Lugo

Os Encontros Fotográficos da Primavera Cultural da USC botan a andar o vindeiro 7 de marzo con Paula Quiroga Rodríguez como protagonista. A cita que terá lugar no Pazo de Montenegro, a partir das 17.00 horas, desenvolverase baixo o lema ‘Da palabra á imaxe’ e nela a fotógrafa compartirá o seu proceso de traballo, no que o estudo e a investigación lle axudan a definir a forma visual das súas imaxes. Quiroga é directora de fotografía e xornalista, especializada en documentalismo.

Membro do colectivo fotográfico Ollo, na actualidade compaxina a dirección de fotografía en proxectos documentais e de ficción, destacando o seu traballo en Ulises (2023), de Félix Brixel.

O Encontro con Paula Quiroga será o primeiro dun programa xa consolidado dentro das actividades deseñadas ao abeiro da Primavera Cultural da USC. Así, baixo o título ‘Construír a paisaxe’, o Pazo de Montenegro recibirá, o 21 de marzo, o relatorio de Catara Rego ao que lle seguirán Tono Arias (22 do mesmo mes), Vicente Fraga (28 de marzo) e Jesús Madriñán (4 de abril). As persoas que desexen asistir a estes Encontros poden solicitar praza a través do enderezo electrónico [email protected] ou nos teléfonos 982 82 15 13 ou 982 82 15 11.

Na Calzada

Ata o 7 de marzo tamén é posible enviar propostas a ‘Na Calzada’, un programa que dá cabida a novos talentos musicais, xa consolidados ou en fase de formación, a fin de que poidan presentar a súas respectivas creacións. Esta é unha actividade complementaria do ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira’ que o vindeiro 10 de marzo, ás 20.15 horas, na Casa do Saber, acollerá a actuación do coro do IV ciclo da USC.

Estas iniciativas enmárcanse dentro da programación artellada ao abeiro do convenio que desenvolven a USC, Cultura e Turismo do Concello de Lugo e a Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2025-02-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (apoio.jpg) O Plan constitúe o primeiro documento estratéxico específico de Galicia dedicado á planificación, organización e desenvolvemento dos coidados paliativos pediátricos e nace coa finalidade de dar resposta ás necesidades propias desta poboación, garantindo unha atención adaptada ás características evolutivas da infancia e da adolescencia. O documento aprobado hoxe conta co aval científico da Sociedade de Pediatría de Galicia e da Sociedade Española de Coidados Paliativos Pediátricos e está dirixido á poboación pediátrica con enfermidades crónicas complexas e situacións susceptibles de atención paliativa. Articúlase arredor de catro liñas estratéxicas orientadas a fortalecer a organización asistencial e a dar resposta ás necesidades clínicas, emocionais e sociais dos pacientes pediátricos e das súas familias.
Foto de la tercera plana (20261029-xunta.jpg) Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.

Notas

As longametraxes La silla, de Ángel de la Cruz; Monstro, de Andrés Goteira; e As augas, de Ledicia Sola; dúas sesións de curtametraxes, o documental Hoxe e o resto do mundo; e diferentes encontros con empresas e profesionais do sector. A XVI Máster Class Audiovisual Galego Augal dedica a súa programación a unha escolma de proxectos estreados neste 2026, co propósito de ofrecer ao alumnado da Facultade de Comunicación e ao conxunto da cidadanía unha selección 'do mellor do audiovisual galego', como salientou o profesor Paulino Pérez, coordinador dun ciclo que arranca o luns e se estende ata marzo de 2027.
As RRSS convertéronse nun espazo para a comunicación e para a construción das identidades contemporáneas. Nelas circulan prácticas, discursos e representacións que poden reproducir xerarquías xa existentes, mais tamén cuestionar ideoloxías asentadas e abrir novos ámbitos de uso. Este escenario será o obxecto de estudo do Simposio do Instituto da Lingua Galega da USC que se desenvolverá do 24 ao 26 de novembro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES