Notas de prensa

Lugo acolle unha exposición itinerante sobre os 150 anos da Banda de Música de Paradela

A Biblioteca Pública Provincial de Lugo acolle a exposición sobre o 150 aniversario da Banda de Música de Paradela, impulsada por Egeria. A mostra, que permanecerá na Biblioteca ata o vindeiro 28 de marzo, consta de 12 paneis con textos e fotos que, a través de información recollida de distintas publicacións, repasa a traxectoria da banda desde a súa formación en 1873.

A Biblioteca Pública Provincial da Xunta en Lugo acolle desde hoxe a exposición itinerante sobre o 150 aniversario da Banda de Música de Paradela, impulsada polo colectivo Egeria. No acto de inauguración participou o delegado territorial, Javier Arias, xunto á directora do centro, María Isabel Pérez Fórneas, a alcaldesa de Paradela, Montserrat Mulet Sar, e o presidente da entidade organizadora, Xulio Xiz.

A mostra, que permanecerá na Biblioteca durante quince días, consta de 12 paneis con textos e fotos que, a través de información recollida de distintas publicacións, repasa a traxectoria da banda desde a súa formación en 1873. Foi exposta por primeira vez en Paradela con motivo da feira anual do San Cidre do 2023.

A Banda de Paradela cumpre 150 anos

A exposición está composta por 12 paneis roller de 2x1 metros, e nela faise un especial percorrido desde a fundación da Banda en 1873 ata o momento actual; desde o nacemento como “Banda de Barrido”, por xurdir na aldea do mesmo nome da parroquia de San Vicente de Paradela, ata a agrupación que na actualidade dirixe Martín Vázquez e preside a saxofonista Marisol Arias. Faise especial fincapé nos músicos históricos que quedaron na memoria das xentes de Paradela, e da especial afección musical dos paradelenses, destacando a aldea de Barrido, onde había músicos en todas as casas.

Grazas ás informacións recollidas dos xornais La Idea Moderna, El Lucense, La Voz de la Verdad, El Pueblo Gallego, El Eco de Galicia e El Progreso, desde finais do século XIX, foi posible seguir a traxectoria desta Banda, que despois de Banda de Barrido foi Banda de Barrido-Farbán, para desaparecer a comezos dos anos sesenta pola emigración da maioría dos seus membros, e ser recuperada anos despois por músicos que volveron da emigración ou continuaron con actividades musicais na terra.

Destácanse nomes como Cándido López (impulsor da banda ao volver da emigración en Suiza), Pedro Rodríguez (director, que “tocaba todos os instrumentos”, e na súa memoria ten un pequeno museo na súa casa de Barrido), Ramiro Rodríguez (director, fusilado no tempo da Guerra Civil) e “Ramiriño” (o seu fillo, tamén director, que doou a batuta de director de seu pai e o clarinete que el tocaba, ao CENTRAD de Lugo).

Un panel está dedicado ao músico e director Lino de la Torre Barrio, fundador da orquestra Max 2000, que tocou no Circo Price, e durante dúas décadas foi director da Banda e Escola de Música. E noutro destácase ao músico máis veterano da Banda, Julio Varela, de 91 anos, que toca o bombo, e á máis nova, Sara Arias, de 9 anos, que toca a trompeta.

Esta exposición será itinerante ao longo deste ano por diversas localizacións da provincia de Lugo. É unha produción do Colectivo Egeria en colaboración coa Banda de Paradela, co patrocinio do Concello de Paradela e da Xunta de Galicia.

Colectivo Egeria, 2025-03-19

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES