
Gómez explicou que este rexeitamento aséntase ademais no recorte de fondos que supón, de ata un 20 % con respecto á PAC actual, o que representará unha redución de arredor de 80 millóns de euros anuais. Lembrou así mesmo que esta postura contraria á nova PAC, na que coinciden Xunta e sector, xa lle foi trasladada ao Goberno central en varias ocasións e por iso onte mesmo, en Conferencia Sectorial, volveu reclamar ao ministro Planas que defenda os intereses dos agricultores e gandeiros en Bruxelas.
Asemade, a conselleira reclamou ao Goberno central un compromiso máis firme nesta cuestión, con cifras claras, salvagardas para Galicia e políticas que aseguren a remuda xeracional e a cohesión rural. Criticou a falta de información por parte do Executivo do Estado respecto ás negociacións nas que está participando nas instancias europeas e que non achegue máis información ás comunidades autónomas. Pediu, en consecuencia, unha posición contundente e coordinada ao respecto e que se vete desde o Goberno estatal ese Novo Marco Financeiro Plurianual.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.