
Así o anunciou hoxe o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, durante a súa comparecencia a petición propia no Pleno do Parlamento para dar conta das medidas da Xunta orientadas a facilitar a cobertura de vacantes laborais. Unha folla de ruta que combina dúas apostas innovadoras de Galicia: no exterior, a atracción de talento planificada e no interior, un modelo de formación para o emprego flexible, axustado ás necesidades reais das empresas e con apoios para os colectivos prioritarios.
Entre as ferramentas que canalizará esta oficina autonómica que se integrará na estrutura da Consellería como un servizo, González destacou o lanzamento no 2026 de axudas á rehabilitación de vivendas por valor de 1,5 M, destinadas a persoas contratadas no marco do plan de captación de talento. Trátase dunha acción complementaria ao Retorna Cualifica Emprego, un programa que xa permitiu o retorno de máis de 350 homes e mulleres da diáspora para vivir e traballar en Galicia, no que hai máis de 160 empresas ofertando postos de traballo e que no 2026 contará cun orzamento de 1,8 M. Neste sentido, avanzou que no vindeiro ano se organizarán novas feiras de emprego no exterior tralo éxito das celebradas na Arxentina e no Uruguai en marzo. Ademais, puxo en valor a capacidade de medidas como as BEME (2,5 M no 2026) para atraer e fixar talento en Galicia. Tamén destacou a suba orzamentaria para o vindeiro ano en máis dun 20% da dotación das axudas extraordinarias ao retorno (2,8 M) e de 200.000 euros no caso dos apoios ás persoas retornadas para o fomento do autoemprego e actividade emprendedora (1,2 M).
José González destacou o posicionamento responsable da Xunta neste eido, concentrado nunha visión equilibrada que defende a integración do talento no noso territorio a partir de canles reguladas vencelladas ao traballo. Por iso, ademais de solicitar a axilización na homologación de títulos universitarios ao Goberno central e que non atranque estes trámites, no referido ás persoas traballadoras procedentes de terceiros países, insistiu ao Executivo central na necesidade de axilizar o traspaso de competencias das autorizacións iniciais de traballo e tamén, tal e como xa solicitou Galicia, na actualización do catálogo dos postos de difícil cobertura. Ademais, lamentou que o Goberno central non tivese en conta as microcredenciais na reforma da Lei de estranxeiría, un enfoque que defende e aplica Galicia no Programa de arraigamento para o emprego, grazas ao que desde a primeira edición, un total de 280 persoas migrantes regularizarán a súa situación de xeito ordenado e en base a un emprego.
Galicia forma e retén talento
Xa dentro das medidas destinadas a formar e reter talento interno, González destacou a aposta da Xunta por axustar o seu modelo ao que están a demandar, en tempo real, as empresas galegas. Un esforzo que parte do proceso de modernización do Servizo Público de Emprego de Galicia con eixes como a modernización de infraestruturas (8 M no 2026) e o desenvolvemento da ferramenta EMi (2 M o próximo ano) e que chega á batería de accións á carta do tecido produtivo, con novas apostas no 2026 como un proxecto piloto de microcredenciais en competencias dixitais especializadas dotado con 5 M ao abeiro do decreto pioneiro que Galicia prevé aprobar en decembro. Tamén a consolidación das liñas dirixidas aos diferentes perfís laborais, incluíndo a nova orde de accións formativas para desempregados reformulada este ano e que contará con máis de 60 M en 2026, as unidades formativas en empresas con compromiso de contratación (8 M o vindeiro ano) e a formación para ocupados, con varias liñas que superan en total os 15 M.
González tamén fixo fincapé noutras ferramentas fundamentais como os obradoiros de emprego (44 M), ampliados e redeseñados para favorecer a empregabilidade dos participantes ao tempo que se cobren vacantes en sectores estratéxicos, especialmente no rural facendo unha importante aposta pola familia agraria, clave para a dinamización e defensa do territorio. Ademais, explicou que no 2026 tamén se impulsarán outras liñas de colaboración coas entidades locais con novidades como a posta en marcha de axudas para a contratación de coordinadores municipais de prevención dentro do programa Aprol Rural, cuxo orzamento subirá máis de 6 M ata acadar os 20 M. Neste eido, destacou outras iniciativas como o programa Cooperas (15 M). A maiores, destacou o apoio da Xunta ao emprendemento e ao colectivo de autónomos con accións que se consolidan no 2026, como o paquete único de axudas específicas ás persoas autónomas (40,7 M).
O xurado dos Premios da Cultura Galega 2026 reuniuse hoxe en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Ao remate do acto, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas, resultando galardoados María Solar, en Letras; Almudena Fernández Fariña, en Artes Visuais; a compañía Elefante Elegante, en Artes Escénicas; a Asociación Galega de Empresas Musicais, en Música; Alfonso Zarauza, na categoría Audiovisual; Espazo Lectura, en Lingua; o Obradoiro de Gaitas Seivane, en Patrimonio Cultural; e o Festival EmigraSON, en Proxección Exterior.
O obxectivo desta rede de recursos é acompañar ás persoas con discapacidade ao longo da súa vida, desde os primeiros anos ata que se fan maiores, ofrecendo respostas axeitadas a cada etapa e a cada necesidade. Desde o ano 2016, o número de unidades de atención temperá aumentou ata as 57. Estes servizos públicos e gratuítos dirixidos a nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade son fundamentais para detectar, previr e actuar ante trastornos de desenvolvemento. A Rede galega de atención temperá na actualidade chega a máis de 200 concellos e a 6.000 familias.