Notas de prensa

O proxecto Galdrón traballa no emprego de drons na gandaría extensiva galega

A Universidade de Vigo, a empresa Ganadería Autóctona SL e a Fundación Centro Tecnolóxico da Carne están a desenvolver o proxecto Galdrón, centrado no emprego de drons para implementar un sistema de gandaría de precisión para vacúns e equinos criados en extensivo. O seu obxectivo é contribuír a modernizar a gandaría galega mediante o uso de tecnoloxías avanzadas e incrementar a súa eficiencia e sostibilidade.

O proxecto, que arrancou en 2024 e rematará en 2026, conta co apoio da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación e da UE. Concretamente, ten un orzamento de 139.840 euros financiado polas axudas para a execución de proxectos innovadores dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación, estando cofinanciado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e a Axencia Galega da Calidade Alimentaria no marco do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027.

Por parte da Universidade de Vigo participa nesta iniciativa o grupo de investigación Aerospace and Transportation Systems Laboratory (Aerolab), pertencente ao Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais e con sede na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense. O obxectivo principal de Galdrón, liderado por Ganadería Autóctona, é mellorar o manexo e seguimento dos sistemas produtivos de gando vacún e equino en explotacións extensivas galegas mediante o uso de drons e tecnoloxías avanzadas de seguimento e control. Entre os obxectivos específicos do proxecto destacan a mellora do control e monitoreo do gando, a revisión de infraestruturas gandeiras, a xestión de pastos e a implementación de cámaras térmicas.

Concretamente, as súas liña de traballo son cinco. A primeira é a inspección das instalacións (bebedoiros, cercados, puntos de suplementación, zonas perigosas, etc.) mediante o uso de drons e a segunda a procura de animais en situación delicada, emprego de colares GPS e cámaras térmicas e a captura de imaxes e vídeos para análises do comportamento. O equipo de Galdrón tamén traballa no manexo de gando con UAV e adestramento dos animais ao son do dron e a súa bucina; e no monitoreo de pastos e implementación dun algoritmo para a supervisión aérea e terrestre, incluíndo a análise de solos e forraxes. Completa esta listaxe de tarefas a análise do comportamento animal con imaxes en tempo real e intelixencia artificial.

Avances no primeiro ano

Durante o seu primeiro ano de execución, comprendido entre novembro de 2024 e outubro de 2025, “o consorcio consolidou as tarefas iniciadas na fase previa e logrou os primeiros resultados experimentais en campo”. Entre os avances máis destacados, sinala o equipo de Galdrón, “atópanse o desenvolvemento e validación do algoritmo de planificación de rutas de voo, a instalación de colares GPS no gando para mellorar a súa localización e as primeiras probas de manexo con drons equipados con bucinas, que demostraron unha resposta positiva de agrupamento sen causar estrés aos animais”.

Ademais, realizáronse voos multiespectrais para o monitoreo do pasto e xeráronse os primeiros mapas NDVI, que permiten relacionar o vigor vexetativo coa calidade da forraxe analizada polo Centro Tecnolóxico da Carne. En paralelo, o equipo da Universidade de Vigo puxo en marcha os primeiros voos de calibración con cámaras térmicas, orientados a desenvolver un sistema de detección temperá de enfermidades. O proxecto tamén avanzou na inspección automatizada de infraestruturas gandeiras, como valados e bebedoiros, alcanzando unha precisión do 92% na detección de incidencias. Segundo os responsables de Galdrón, “estes resultados confirman o potencial do uso de drons para optimizar o manexo do gando e a xestión dos recursos en sistemas produtivos extensivos”.

Universidade de Vigo (UVigo), 2025-10-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (mariscadoras.JPG) O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, informou esta mañá de que o Consello deu luz verde aos textos 'dos estatutos das mulleres do rural e do sector marítimo-pesqueiro de Galicia', que entran así na súa última fase de tramitación coa súa remisión ao Consello Consultivo para que emita o informe preceptivo 'e estean aprobados a finais de ano'. Este trámite, que coincide coas vésperas do Día Internacional das Mulleres Rurais -que se conmemora cada 15 de outubro- busca 'avanzar no recoñecemento das mulleres' destes eidos e 'mellorar o seu acceso a novas oportunidades e recursos'. Ambos documentos buscan ademais, tal e como explicou Calvo, visibilizar a súa contribución ao desenvolvemento territorial; garantir o seu acceso en igualdade a dereitos, oportunidades e recursos; fomentar a contratación feminina en profesións masculinizadas ou impulsar a titularidade compartida en explotacións e embarcacións.
Foto de la tercera plana (economia-porcentaxe.jpg) A economía galega medrará catro décimas máis do previsto hai un ano, cando se elaboraron os orzamentos vixentes. Así se desprende do Informe sobre as previsións macroeconómicas que se incluirán nos orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2027, elaborado polo Instituto Galego de Estatística (IGE) e que hoxe foi avalado pola AIReF. Deste xeito, segundo constata o documento, Galicia medrará máis do previsto para este ano. Non en van, se en xullo, cando se aprobou o teito de gasto non financeiro, a Comunidade xa mellorou a previsión de crecemento que estaba nos orzamentos para este ano en dúas décimas, pasando do 1,9 % ao 2,1 %, agora volve a facelo, mellorando noutras dúas décimas (ata o 2,3 %) a previsión para o peche de 2026.

Notas

A Rede de Centros Singulares de Investigación da USC conmemora o 24 de outubro o 10º aniversario de Ciencia Singular, a xornada de portas abertas que desde 2017 achega a miles de persoas o labor científico punteiro da USC. Esta iniciativa cumpre unha década ofrecendo á cidadanía a oportunidade de coñecer o traballo que realizan centos de investigadores en química, tecnoloxías intelixentes, medicina molecular, física de partículas ou tecnoloxías ambientais, descubrindo a aplicación práctica do coñecemento científico.
Entre os meses de outubro de 2026 e xuño de 2027 desenvolverase o VI Plan Ciencia de ida e volta, unha nova tempada de actividades de divulgación científica na UVigo, impulsado pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación (co financiamento da FECYT-Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. Ao longo de nove meses sucederase un amplo programa de actividades de lecer científico, co que a UVigo volverá sacar a ciencia dos laboratorios ás rúas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES