Notas de prensa

Normal acolle o ciclo de cinema feminista 'E ti que miras?'

Normal, o Espazo de Intervención Cultural da Universidade da Coruña, acollerá entre os días 15 e 29 de abril o ciclo de cinema feminista “E ti que miras?”, unha proposta coordinada por Bea Saiáns que reúne unha selección de filmes realizados por mulleres e de especial relevancia no panorama audiovisual nacional e internacional. A programación foi deseñada baixo o criterio de visibilizar obras que abordan temáticas inherentes ao patriarcado, ao tempo que se pon en valor o papel das creadoras no ámbito cinematográfico.

O ciclo dará comezo o 15 de abril coa proxección de “Función de noche”, de Josefina Molina, considerada a primeira muller graduada nunha escola de cinema en España. A continuación, o día 16, exhibirase “Retrato de una mujer en llamas”, da directora Céline Sciamma, filme premiado internacionalmente e último traballo da actriz protagonista, Adèle Haenel, quen anunciou a súa retirada da industria como forma de denuncia do sexismo.

A reflexión sobre a construción social da locura nas mulleres estará presente na sesión do martes 21, que inclúe “O corpo de Cristo”, de Bea Lema e “Els buits”, de Marina Freixa, Isa Luengo e Sofía Estevez, centrado no Patronato de Protección á Muller en España. As catro directoras participarán nun coloquio posterior ás proxeccións; Bea Lema estará presente logo da súa sesión e no caso das outras tres directoras o encontro será en formato online.

A seguinte xornada, o xoves 23, contará coa ópera prima da directora portuguesa Paula Tomás Marques “Dúas vezes João Liberada”, un filme baseado en xuízos inquisitoriais que afonda na representación, a persecución de xénero e as disidencias ao longo da historia.

O ciclo concluirá o mércores 29 de abril cunha sesión especial na que, acompañada das artistas musicais galegas High Paw e Russ, Bea Saiáns presentará unha mostra dos seus últimos traballos audiovisuais, entre os que se atopan as series “Réxime” e “Delirio Sketchs”, así como a curtametraxe “Plumass”. A sesión inclúe un coloquio co equipo participante nos proxectos.

“E ti que miras?” busca promover a reflexión crítica a través do cinema, fomentando o diálogo arredor da creación audiovisual con perspectiva de xénero, e conta co apoio da Área de Cultura da Deputación da Coruña.

Universidade da Coruña (UDC), 2026-04-14

Actualidad

Foto del resto de noticias (fito-2026.jpg) O certame consolídase como un espazo de exhibición para o sector profesional galego e de achegamento da cidadanía ás novas linguaxes escénicas. Teatro de Ningures abrirá a programación o xoves 15 no Teatro Principal coa estrea absoluta de Thelma e Lola. Tamén presentará por primeira vez a súa nova proposta Arun Run, que levará Inorganic ás rúas de Ourense os días 17, 18, 23, 24 e 25. Pola súa banda, a iniciativa 67 Graos Ourense Fervescénica dará a coñecer novas creacións o mércores 21 na Sala Emilia Pardo Bazán do Campus de Ourense. No apartado internacional, a compañía arxentina El Rayo Misterioso regresará ao festival con Todo terminará por Navidad.
Foto de la tercera plana (20261002-xunta.jpg) Galicia comparte coas comunidades autónomas a súa Lei de Educación Dixital, unha normativa pioneira a nivel estatal que regulará por primeira vez o uso da IA no ensino. Faino no I foro europeo EducaIA que se celebrou en Santiago de Compostela coa participación de responsables educativos de dez comunidades autónomas, xunto con docentes e expertos na materia e a intervención por videoconferencia do director de Educación da OCDE, Andreas Schleicher.

Notas

O físico Francis Halzen (Tienen–Bélxica, 1944) galardoado este martes co premio Nobel de Física 2026 mantén dende hai case 40 anos unha estreita colaboración co persoal do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e a Xunta, e cuxo comité asesor actualmente preside. Halzen conseguiu o galardón polas contribucións decisivas ao observatorio de neutrinos IceCube e polo descubrimento de neutrinos de alta enerxía de orixe astrofísica
A pesca artesanal galega está a responder de forma máis activa aos impactos do cambio climático, mentres o marisqueo a pé presenta unha situación especialmente vulnerable e unha menor capacidade de resposta. Esta é unha das principais conclusións do proxecto Atac, Adaptación e Transformación da Pesca Artesanal ao Cambio Climático, liderado polo grupo de investigación Future Oceans Lab do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES