Notas de prensa

As 'creatividades híbridas' centran a Semana Crea 2026

Creatividades híbridas, entre o virtual e o matérico é o lema escollido polo Campus Crea como eixe vertebrador da semana de actividades que impulsa cada ano con motivo da conmemoración do Día Internacional da Creatividade, co propósito de servir como escaparate do proxecto de especialización do campus pontevedrés. Promovida co apoio da Deputación de Pontevedra, a programación da Semana Crea 2026 desenvolverase entre o 20 e o 24 de abril e permitirá reflexionar sobre a evolución da creatividade en diferentes eidos, nuns tempos marcados polas tecnoloxías dixitais.

Nesta programación insírense propostas como a mesa de debate que reunirá tres directores xerais da axencia de publicidade Contrapunto ao longo da súa historia, promovida co apoio de Creatividade Galega; conferencias sobre a evolución do deseño en Galicia; un taller de escritura creativa impartido por Manel Loureiro ou un obradoiro que conectará corpo e tecnoloxía. “Buscamos que haxa actividades máis específicas para as titulacións do Campus Crea, e outras máis abertas”, sinala Ana Belén Fernández Souto, directora de área do Campus de Especialización Crea. Aberta a toda a cidadanía, esta programación afondará na creatividade desde unha perspectiva transdsiciplinar, así como nas súas aplicacións nos eidos da comunicación. Farao pondo o foco “na fronteira entre o tradicional e o que está por chegar” no eido da creatividade, “coa irrupción, especialmente, da intelixencia artificial”, salienta Fernández Souto.

Espazos activos, deseño e interfaces

A programación da Semana Crea botará a andar o luns 20 de abril coa mesa de debate Experiencias comunitarias na promoción de espazos activos, na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Moderado polo profesor Roberto Silva, trátase dun coloquio sobre como “o deseño, a xestión e a intervención nos espazos” urbanos, educativos ou deportivos, poden contribuír á “activación” destes espazos, “favorecendo usos máis inclusivos, participativos e sostibles”, sinala. Os espazos deportivos abertos, o deseño arquitectónico e pedagóxico e as intervencións artísticas no espazo público serán tres dos eixos dun debate no que participarán a arquitecta Elena Belgrano; o director do Servizo de Deportes do Concello de Pontevedra, Jaime Agulló; e o artista Javier Carrera.

Tamén na mañá do luns, a Facultade de Deseño acollerá unha conferencia centrada no traballo e traxectoria de Pepe Barro, “un referente do deseño galego”, como sinalan desde a súa organización. Baixo o título de Construír Galicia desde o deseño, Barro trazará un percorrido pola súa traxectoria profesional, iniciada en 1973, e que levárono a converterse nunha “figura clave na construción da historia do deseño en Galicia”, como sinalan desde a Fundación Didac, que acolle actualmente unha exposición dedicada ao arquivo dun profesional que contribuíu, desde o deseño, a renovar “os sinais de identidade” da comunidade.

Xa o martes 21 e mércores 22, Belas Artes será a sede do obradoiro Creación de interfaces brandas, a cargo da artista gráfica e doutora pola Universidade de Vigo María Castellanos. Con inscrición previa a través do correo [email protected], o taller permitirá explorar como os materiais, “condutores, orgánicos ou téxtiles”, poden funcionar como “zonas de intercambio entre o físico e o virtual”, contrapoñendo a noción de interface dixital a dunha “interface branda” que conecta “corpo, materia e tecnoloxía”, sinalan desde a organización.

A historia dunha das principais axencias de España

O xoves 23, a Vicerreitoría do campus acollerá Homenaxe a Contrapunto: unha historia que, tamén, é nosa, que permitirá afondar na traxectoria dunha das axencias máis relevantes da historia publicitaria española. Para iso, reunirá nunha mesa moderada por Julián Abad, presidente de Creatividade Galega, a tres profesionais que se situaron á fronte da súa dirección xeral creativa nos seus 52 anos de historia. Contará coa participación de José María Lapeña, “unha das figuras máis influentes na renovación da publicidade española nos anos 80”, que se incorporou a Contrapunto en 1982, liderando unha etapa marcada por anuncios como Póntelo, pónselo, realizado para o Ministerio de Sanidad, e na que esta empresa converteuse na primeira axencia española en gañar o Gran Prix do Festival Internacional da Creatividade de Cannes. Participará tamén Antonio Montero, quen contribuíu nas décadas de 1990 e do 2000 “a modernizar a linguaxe da axencia”, sinalan desde Creatividade Galega, así como o seu actual director xeral creativo, Carlos Jorge.

Na tarde do xoves tamén terá lugar a conferencia Deseño no contexto dixital, a cargo das e dos responsables do estudio Novagarda, “especializados en proxectos dixitais, audiovisuais web”, cuxos traballos foron recoñecidos nos últimos anos con varios premios Laus da Asociación de Diseño Gráfico y Comunicación Visual. Esta actividade terá lugar na Facultade de Deseño, que acollerá tamén unha presentación do proxecto Planta 6, unha iniciativa dun grupo de alumnas do grao, que traballan na creación dunha revista da facultade.

Por último, o venres 24 desenvolverase na Facultade de Comunicación un obradoiro de escritura creativa, protagonizado por Manel Loureiro, autor de obras como Apocalipsis Z e cuxas novelas teñen sido traducidas a máis de 20 idiomas.

Concurso de ideas

Ás diferentes actividades súmase o concurso de ideas CREA-Espazos Activos, que convida á comunidade universitaria a traballar na “xeración de ideas innovadoras orientadas a recuperar, modificar ou optimizar espazos para o eido educativo, deportivo e de promoción da mobilidade e saúde”. Aberto tanto a traballos individuais como de grupos dun máximo de catro persoas, trátase dun certame centrado tamén na idea dos “espazos abertos”, co que se busca “fomentar a creatividade e a proposta de solucións de contribúan á mellora de espazos baleiros, esquecidos ou mal xestionados", segundo sinala a súa convocatoria. As propostas poderán plasmarse en infografías, maquetas, carteis, vídeos explicativos ou outros materiais e formarán parte ademais dunha exposición que poderá verse ao longo da Semana Crea en Ciencias da Educación e do Deporte, onde o venres 24 terá lugar a entrega de premios.

Nas iniciativas impulsadas ao abeiro da Semana Crea insírese tamén o ciclo de cine Imago mundi, que se desenvolve nos meses de abril e maio na Casa das Campás. Ademais, esta semana da creatividade verase continuada o xoves 30 coa celebración da II Olimpíada Crea, na que competirán máis de 70 alumnos e alumnas de sete institutos de diferentes localidades.

Universidade de Vigo (UVigo), 2026-04-14

Actualidad

Foto del resto de noticias (autopista-ap9.jpg) A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, instou ao Goberno central a paralizar a suba dos prezos da AP-9 para 2027 e que os conxele como a Xunta fará coas autoestradas de titularidade autonómica. Allegue respondeu a unha interpelación sobre a situación da autoestrada no Parlamento autonómico, e apuntou que a suba prevista para AP-9 e AP-53 é dun 5% e un 4% respectivamente, o que as converte nas máis caras de España. Incidiu en que nesta lexislatura houbo un incremento dun 20% nos prezos mentres que nas da Xunta non houbo ningún aumento.
Foto de la tercera plana (agro-tractor.jpg) A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reclamou en Bruxelas 'financiamento suficiente, estabilidade e seguridade' para a nova PAC. Foi durante a súa intervención no evento da Coalición Agriregions, no Comité Europeo das Rexións, no que estivo acompañada polo director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño. Na organización da xornada tomou parte a Fundación Galicia Europa, que prestou apoio técnico á delegación galega na capital comunitaria para participar nesta reunión conxunta con membros do Parlamento Europeo e do devandito Comité das Rexións.

Notas

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e a Xunta de Galicia, organzia do 23 ao 27 de novembro a novena edición da Semana da Ciencia, a cita anual coa que pretende achegar o seu labor investigador á sociedade. Nesta ocasión, o programa centrarase nos retos e oportunidades de futuro que se abren nas áreas de investigación nas que traballa o persoal do IGFAE.
Ata o 12 de xaneiro de 2027 a Sala Alterarte, o espazo expositivo do campus de Ourense, acolle a mostra Glaciares a derreterse, da artista italiana Cinzia N. Rojas e comisariada por Vítor Nieves e Xosé Lois Vázquez. Na exposición, o público visitante pode ver unha proxección sobre o desexo glaciar. A mostra foi inaugurada contando coa participación da artista.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES