
A Xunta de Galicia vén de lanzar unha nova convocatoria do Encontro de Artes Novas Cidade da Cultura de Galicia, EAN, que ofrece a 28 artistas, investigadores e profesionais emerxentes do sector cultural a oportunidade de convivir durante catro días no Gaiás para amosar o seu traballo, compartir prácticas, metodoloxías e inquedanzas. Esta edición pon especial atención á intersección entre arte e tecnoloxía e lanza a primeira convocatoria da Residencia Artística EAN, dirixida a apoiar proxectos de creación ou investigación neste ámbito.
Baixo a nova dirección da comisaria, xestora cultural e crítica de arte Chus Martínez, o encontro decorrerá no Gaiás entre o 1 e o 4 de setembro deste ano, e o programa inclúe a presentación de proxectos, conversas con artistas, mentores e profesionais, e tamén unha sesión de traballo colectivo, formatos que apostan pola aprendizaxe mutua entre creadores emerxentes e figuras consolidadas. O prazo de recepción de candidaturas está aberto ata o 21 de maio de 2026.
Ademais, as persoas que acaden unha praza para participar no Encontro de Artes Novas en 2026 poderán optar á Residencia Artística EAN e gozar dunha estancia de traballo de tres meses no Museo Gaiás, que incluirá unha dotación de 12.000 euros, acompañamento curatorial, apoio á produción e acceso a recursos, fomentando tamén o intercambio con profesionais do futuro Centro Galego de Artes Dixitais.
Deste xeito, o EAN conéctase co programa de residencias REGA, que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ten en marcha para impulsar a creación artística tirando proveito das estruturas e equipamentos punteiros da Cidade da Cultura, así como de alianzas con organizacións e colectivos de renome dentro da creación contemporánea.
Un espazo para dialogar e compartir procesos
Esta edición do Encontro de Artes Novas contará coa participación de talentos recoñecidos como a escritora, comisaria e podcaster Sonia Fernández Pan, que realiza desde 2021 a serie de podcasts The Tale and The Tongue co Instituto de Arte, Xénero e Natureza da Escola Superior de Deseño e Arte de Basilea. Ou a dupla artística Clo-Plas, unha proposta sonora única e radical da poeta e xornalista Xiana Arias e o artista e investigador Berio Molina, que fusionan versos e electro-pop minimalista coa oralidade popular da Fonsagrada.
O programa inclúe tamén cunha conversa co profesor e investigador en Filosofía da Tecnoloxía, Pablo Sanguinetti, autor do libro Tecnohumanismo. Por un diseño narrativo y estético de la inteligencia artificial e de numerosos artigos académicos e divulgativos sobre a intersección entre tecnoloxía, humanidades e creatividade.
Como novidade desta edición, os e as artistas seleccionadas participarán nunha sesión para coñecer como se artella un dos espazos culturais máis dinámicos e innovadores de España no eido da creación contemporánea: Medialab Matadero, así como nunha sesión de traballo colectivo conducida pola artista de novos medios Laura Tabarés e o arquitecto, artista visual e docente, Jacobo Bugarín. Ambos recuncan no EAN tras seren seleccionados como participantes en anteriores edicións do encontro.
Candidaturas ata o 21 de maio
A convocatoria do Encontro de Artes Novas Cidade da Cultura está dirixida a persoas e colectivos que desenvolvan unha práctica artística contemporánea, independentemente da súa formación, sempre que a documentación presentada permita valorar a existencia dunha obra, unha liña de investigación ou un proxecto creativo en desenvolvemento, consolidación ou reformulación.
As bases e toda a información están dispoñibles para a súa consulta na web da Cidade da Cultura de Galicia e as candidaturas poden remitirse ata o xoves 21 de maio de 2026 ao enderezo electrónico encontro.cdc@xunta.gal. Con quince edicións ás súas costas, o EAN é unha das citas máis consolidadas da creación contemporánea en España, pola que teñen pasado ao redor de 900 artistas e ao que só na pasada edición se recibiron máis de 200 candidaturas de toda España.
A Cidade da Cultura programa no mes de agosto en Atardecer no Gaiás catro solpores musicais con seis artistas que conxugan música urbana, pop, electrónica e rock para todos os gustos. Os concertos gratuítos ¡arrancan este xoves día 6 coas guitarras e a distorsión de Dogo, grupo compostelán de rock alternativo con influencias do post-punk e o shoegaze, a partir do que constrúen temas de atmosferas densas e melodías envolventes en galego. O trío formado por Carlos Beiró (guitarra, voz), Xoan Escudero (baixo, voz) e Ángel Refojo (batería) publicou o ano pasado o seu primeiro EP, Brutalismo, logo de gañar o concurso Sonidos Mans Salas para bandas emerxentes.
A Xunta habilitou un apartado específico dentro da web de MeteoGalicia para facilitar o acceso e as consultas relacionadas coa predición do tempo en todos os concellos galegos durante a xornada da eclipse solar, prevista para o 12 de agosto. Galicia será unha das rexións nas que mellor se poderá observar este fenómeno astronómico, aínda que non en todas as zonas se apreciará por igual. No espazo web dedicado ao tempo durante a eclipse hai un mapa con todos os concellos sobre o que se indica en cales será total.