Noticias

A (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico converte A Coruña no centro do audiovisual máis experimental

Foi presentada a 16ª edición da (S8) Mostra de Cinema Periférico, que se celebrará do 3 ao 8 de xuño en diferentes espazos da Coruña, entre eles a Filmoteca de Galicia. Cun total de 112 obras en proxección e a participación de 60 cineastas procedentes de 15 países, a cita converterá a cidade no centro mundial do cinema experimental e de vangarda. Nesta edición, a programación inclúe máis títulos realizados por mulleres, máis cinema en directo, retrospectivas inéditas e unha homenaxe ao formato Súper 8, que neste 2025 cumpre 60 anos de historia. Unha das novidades desta vindeira edición da (S8) é a ampliación de Sinais, sección onde se reúne o mellor da creación cinematográfica contemporánea da península ibérica, con 21 películas galegas e españolas.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación da 16ª edición da (S8) Mostra de Cinema Periférico, que se celebrará do 3 ao 8 de xuño en diferentes espazos da Coruña, entre eles a Filmoteca de Galicia. Cun total de 112 obras en proxección e a participación de 60 cineastas procedentes de 15 países, a cita converterá a cidade no centro mundial do cinema experimental e de vangarda. Nesta edición, a programación inclúe máis títulos realizados por mulleres, máis cinema en directo, retrospectivas inéditas e unha homenaxe ao formato Súper 8, que neste 2025 cumpre 60 anos de historia.

A (S8), convertida xa nun referente do cinema experimental a nivel internacional, é un dos certames subvencionados pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a través da convocatoria de festivais audiovisuais, pola que en 2025 recibe 47.863 euros. Esta liña de axudas volve distribuír este ano 300.000 euros entre 10 eventos cinematográficos profesionais galegos. Así o lembrou Jacobo Sutil, quen destacou que o Goberno galego incrementou a dotación en 2024 nun 33%, mantendo ese investimento para este ano co firme compromiso de apoiar mostras estratéxicas para o sector audiovisual.

Nova vangarda galega

Unha das novidades desta vindeira edición da (S8) é a ampliación de Sinais, sección onde se reúne o mellor da creación cinematográfica contemporánea da península ibérica, con 21 películas galegas e españolas repartidas en tres programas. Ademais, o festival programa Sinais Latinoamérica, con 7 filmes de países como México, Chile e Bolivia, e Sinais Desbordamentos, cinema ao vivo coa performance do colectivo vasco Tekno Fantasy.

Neste sentido, o director de Industrias Culturais puxo en valor as actividades formativas e profesionais desenvolvidas pola Mostra, así como a presenza da nova vangarda galega no marco da programación, con 20 pezas de autoría galega na carteleira e representada sobre todo na sección Sinais cos títulos Montaña Abaixo de Carlos M. Peñalver, Áncora de Cristina Souto Pita, Sólposto de Iago Lourido, PBF #1, Madrid e Bologna, 24 de junio de Borja Rodríguez, Furada Negra de Berio Molina e Colosal #8 de Olmo Cuña.

A Sala José Sellier da Filmoteca de Galicia, xunto co Palexco, a Fundación Luis Seoane e a Domus, volve ser un dos espazos colaboradores coa (S8) Mostra de Cinema Periférico e acollerá o martes 3 de xuño, día de apertura do festival, a programación de Sinais 1, coa proxección de sete títulos que xiran ao redor do territorio.

Homenaxe aos 60 anos do Super 8

Para celebrar o 60º aniversario do lanzamento do formato Super 8, a (S8) trae dúas figuras fundamentais en Latinoamérica. É o caso do venezolano Carlos Castillo, pioneiro neste formato e á fronte a finais dos 70 do Festival del Cine en Super 8 de Caracas, unha das mecas mundiais deste cinema. Tamén protagonizou un fito histórico ao levar por primeira vez un filme neste formato ao Festival de Cannes en 1981. O encontro coruñés programa a primeira retrospectiva da súa filmografía en Europa, con todas as obras proxectadas no seu formato orixinal, así como tamén unha clase maxistral impartida polo propio autor. Por outra banda, a arxentina Daniela Cugliandolo, considerada a ponte entre a xeración do comezo e a actual, presentará diferentes películas incluíndo obras dos seus inicios en 1999 como Nosferatu 2000 e Gina, onde xoga cos códigos do cinema mudo.

Na súa aposta pola igualdade e a presenza feminina no audiovisual, preto de dous terzos dos títulos programados nesta edición da Mostra están realizados por mulleres, con programas destacados, retrospectivas, obras inéditas en España, estreas e, sobre todo, a participación das súas autoras durante as proxeccións.

No eido internacional, destaca a chegada á Coruña da estadounidense Betzy Bromberg, quen repasará a súa obra proxectada en 16 mm, incluíndo o pase por vez primeira en España de dúas das súas longametraxes: a Darkness Swallowed (2005) e Glide of Transparency (2016). Na liña de estreitar pontes con Latinoamérica, o festival tamén convida á chilena Jeanette Muñoz, recoñecida como a muller referente do cinema de vangarda mundial contemporáneo e que estreará na mostra as películas Fuente Alemana (2024) e El Cortijo (2025), dedicadas a enclaves singulares de Chile e que reflexiona sobre a relación que se establece con eses lugares desde a mirada dunha persoa migrante.

R., 2025-05-19

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES