Notas de prensa

A UVigo acada 1,5 millóns de euros en cinco contratos con empresas para desenvolver tecnoloxías aeroespaciais

A Universidade de Vigo participará en cinco novos proxectos para desenvolver tecnoloxías innovadoras no ámbito aeroespacial e farao da man de empresas de relevancia internacional que lle achegarán á institución preto de 1,5 millóns de euros. Estas novas iniciativas desenvolveranse no marco do Programa Tecnolóxico Espacial (PTE), promovido polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades a través do Centro para el Desarrollo Tecnológico y la Innovación (CDTI).

Esta convocatoria está dirixida a consorcios de empresas que contraten organismos de investigación como forma de potenciar a transferencia de coñecemento entre os distintos actores da innovación tecnolóxica no eido espacial.

Os grupos de investigación da UVigo, tanto do campus de Ourense como do de Vigo, colaborarán con compañías como Airbus, Indra Sistemas, GMV Aerospace and Defence ou a galega Alén Space, spin-off que naceu precisamente na propia Universidade de Vigo. En total asinaranse oito contratos con sete empresas, que suporán a captación de 1.490.000 euros para impulsar o desenvolvemento tecnolóxico no campo do espazo en dúas frontes: as constelacións de satélites e a maduración “bottom-up” da tecnoloxía espacial.

Os proxectos nos que se involucrará o persoal da UVigo están relacionados con aspectos como as comunicacións entre satélites de órbita baixa, a configuración de cargas en plataformas de alta altitude, os usos innovadores destas constelacións de satélites ou a vixilancia na loita contra os incendios. Dende a Oficina de I+D, onde se promoven e asesoran estes proxectos colaborativos de I+D+i, estanse a ultimar os contratos coas empresas para poder comezar os traballos.

Cinco proxecto ligados principalmente a atlanTTic

Para levar a cabo os cinco proxecto, a Universidade de Vigo establecerá oito contratos con sete empresas. Cinco dos contratos corresponden á Escola de Enxeñería Aeronáutica e Espazo do campus de Ourense, todos co grupo GTA Grupo de Tecnoloxías Aeroespaciais, que forma parte do centro de investigación atlanTTic. Outros tres asinaranse con persoal do campus de Vigo, dous deles con grupos de atlanTTic (GTA Grupo de Tecnoloxías Aeroespaciais e SC7 Antenas, Radar e Comunicacións Ópticas) e un terceiro co grupo EEE Enxeñería de Equipos Electrónicos da Escola de Enxeñería Industrial.

“Unha mostra da excelencia dos nosos grupos de investigación”

A vicerreitora de Investigación, transferencia e innovación, Belén Rubio, celebra “o importante logro que supón para a Universidade de Vigo a consecución destes cinco novos proxectos no ámbito aeroespacial”, un éxito que “reflicte non só a capacidade e excelencia dos nosos grupos de investigación e a colaboración estabelecida entre eles no marco do centro atlanTTic, senón tamén a fortaleza do noso modelo de colaboración entre institucións académicas e o tecido empresarial, tanto a nivel nacional como internacional”.

Rubio subliña que a participación de “empresas de referencia como Airbus, Indra Sistemas, GMV Aerospace and Defence ou a galega Alén Space pon de manifesto a calidade e a competitividade da nosa investigación, así como a súa capacidade para xerar impacto real no sector aeroespacial”. Ademais, destaca, “a nosa Universidade reafirma así o seu papel como axente clave na transferencia de coñecemento e no desenvolvemento de solucións innovadoras en tecnoloxías como as comunicacións entre satélites de órbita baixa, a configuración de cargas en plataformas de alta altitude ou a aplicación destas constelacións para retos cruciais como a loita contra os incendios”.

Por outra banda, a vicerreitora tamén destaca o papel que teñen na consecución destes éxitos “as infraestruturas de investigación sólidas, como as existentes nos campus de Ourense e Vigo, que favorecen un ecosistema de I+D+i dinámico e de vangarda”. Tampouco se esquece Rubio do traballo desenvolvido desde a Oficina de I+D da UVigo “para impulsar proxectos estratéxicos que permiten non só fortalecer a capacidade investigadora da Universidade, senón tamén favorecer a integración do coñecemento xerado nos procesos de innovación industrial”.

Cinco proxectos e sete empresas

O primeiro dos proxectos centrarase en desenvolver tecnoloxías avanzadas para liñas produción en serie de cargas de pago e plataformas espaciais. No marco deste proxecto asinaranse dous contratos, un deles por parte de Indra co GTA Grupo de Tecnoloxías Aeroespaciais, cos investigadores Marcos Arias e Fernando Aguado, da EE de Telecomunicación e investigadores de atlanTTic, como responsables. O segundo acordo será entre a empresa DHV Tecnología Espacial Avanzada Malagueña e o mesmo grupo, pero cos investigadores Uxía García e Carlos Ulloa, ambos da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense e investigadores de atlanTTic, como responsables.

Outro dos proxectos é Leopnt-P: Carga de pago (payload) accesible e compacta distribuída sobre satélites de constelacións en órbita baixa para proporcionar servizos de navegación e tempo. Neste caso o proxecto implica a sinatura de tres contratos. Un por parte de GMV Aerospace and Defense con Ana Vázquez Alejos e Óscar Rubiños, ambos pertencentes á EE de Telecomunicación e a atlanTTic, como responsables; outro de Alén Space cun equipo liderado polo docente da EE Industrial Andrés Augusto Nogueiras; e un terceiro por parte tamén de Alén Space co GTA Grupo de Tecnoloxías Aeroespaciais, que terá como responsables a Guillermo Rey e Uxía García, da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e no caso de García, investigadora de atlanTTic.

O terceiro proxecto é Icaro, que se centrará no deseño dun sistema VLEO de observación da Terra para a loita contra incendios. Neste caso, a empresa Aistech Space establecerá un acordo co GTA Grupo de Tecnoloxías Aeroespaciais, e terá como investigadores responsables a Pedro Orgeira e Uxía García, adscritos á Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e ao centro atlanTTic.

Outro dos contratos permitirá que Pedro Orgeira xunto con Fernando Aguado, da EE de Telecomunicación, ambos parte de atlanTTic, coordinen dende a UVigo o proxecto SIOS: Satellite for in-orbit sustainability liderado pola empresa AVS, Added Value Industrial Engineering Solutions.

Finalmente, o quinto proxecto implica á empresa Aibus, que traballará cun equipo do GTA Grupo de Tecnoloxías Aeroespaciais liderado polos investigadores Alejandro Gómez, da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e Fernando Aguado, da EE de Telecomunicación, ambos de atlanTTic, para o desenvolvemento dunha nova xeración de tecnoloxías disruptivas en cargas útiles para Haps.

Universidade de Vigo (UVigo), 2025-05-16

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-cuantica.jpg) CiberLabFP configúrase como un espazo de aprendizaxe, experimentación e desenvolvemento de competencias en contornos reais que integran tecnoloxías da información (IT) e de operación (OT) para así adaptar a Formación Profesional aos novos escenarios de transformación dixital. Entre as súas funcionalidades destacan a formación especializada do profesorado, a simulación de ciberataques e defensa en contornos virtuais, a análise forense industrial ou a validación de sistemas. Ademais, contará cunha estación móbil que permitirá levar a tecnoloxía a centros educativos e realizar demostracións en empresas e feiras.
Foto de la tercera plana (costa-litoral-illas-cies.jpg) Celebrouse hoxe a sesión constitutiva do Foro do Litoral de Galicia, que será o máximo órgano colexiado de consulta e participación do conxunto da sociedade co fin de optimizar a xestión e ordenación da costa galega. Nel están representadas a Administración autonómica e as locais así como os sectores social, científico, económico e medioambiental e as entidades implicadas na protección do patrimonio natural co fin último de garantir unha gobernanza que permita unha participación suficiente de todos os sectores da sociedade interesados no litoral. A constitución do foro facilitará a partir de agora facer un seguimento das normas, políticas e instrumentos do litoral.

Notas

Baixo o lema A inclusión no centro: perspectivas internacionais para o cambio institucional desenvolverase entre os días 4 e 8 de maio a International Staff Week 2026, unha iniciativa coa que a Vicerreitoría de Internacionalización persegue un triplo obxectivo: fortalecer as relacións internacionais da UVigo: explorar novas oportunidades de colaboración académica; e compartir boas prácticas en materia de mobilidade internacional.
Un estudo realizado por persoal investigador do grupo de Neurobioloxía Celular e Molecular da Enfermidade de Parkinson do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) e da Universidade de Cambridge, coa colaboración doutras institucións europeas como o Instituto Karolinska, propón unha nova forma de entender como se dana e se repara o cerebro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES